Xosé María Benito Fontenla Leal, nado en Canido (Ferrol) o 12 de febreiro de 1864 e finado na Habana o 4 de decembro de 1919, foi un intelectual galeguista. Presidiu a Unión Redencionista Gallega e impulsou a Real Academia Galega, da que foi académico correspondente. Pertenceu así mesmo á masonería baixo o nome simbólico de Murguía.
Traxectoria Emigrou a Cuba xunto ao seu pai á idade de 10 anos. Na Habana traballou na industria litográfica. Foi un auténtico bibliófilo, pois chegou a reunir unha biblioteca de máis de mil volumes sobre historia, xeografía, lingua, artes e tradicións de Galicia.
En 1886 fundou en solitario a Revista de Galicia, publicación mensual bilingüe de curta duración. Afiliado ao Centro Gallego de La Habana, foi durante varios anos foi bibliotecario da súa sección de instrución. En 1917 foi comisionado polo Centro Gallego para acompañar a Galicia os restos mortais do músico José Castro "Chané". Foi presidente da sociedade Unión Redencionista Gallega, encargada de apoiar o movemento agrarista en Galicia.
Contribuíu decisivamente á fundación en 1905 da Asociación Iniciadora y Protectora de la Academia Gallega canda o poeta Manuel Curros Enríquez. Nesta sociedade, xénese da futura Real Academia Galega, Fontenla ocupou os postos de vogal, vicepresidente e presidente. Posteriormente foi académico correspondente da RAG.
Tivo unha destacada presenza na formación da sociedade Ferrol y su Comarca. Na xunta xeral de xullo de 1909 foi elixido por unanimidade para organizar a súa sección de propaganda.
Morreu no hospital Calixto García en 1919. As dificultades económicas privárono da condición de socio do Centro Gallego e, polo tanto, de poder ingresar no sanatorio La Benéfica. Rematou soterrado en campo común no cemiterio Colón da Habana.
Trala súa morte, o seu fillo doou a súa biblioteca á Real Academia Galega.
Himno Galego Dende Cuba interveu na fixación dun dos símbolos nacionais de Galicia. Fontenla Leal promoveu a elaboración do himno galego, pois escribiu en varias ocasións a Eduardo Pondal e Pascual Veiga instándoos a que lle enviasen a letra e a música. A composición estreouse finalmente na Habana o 20 de decembro de 1907.
Véxase tamén
Bibliografía
Dobarro Paz, Xosé María, "Manuel Curros Enríquez, José Fontenla Leal e a Real Academia Galega: observacións e datos sobre as súas orixes e vicisitudes", Real Academia Galega, 362 (2001), pp. 203–266. Neira Vilas, Xosé, "Fontenla Leal, José" en Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada, en DVD.
Outros artigos Asociación Iniciadora y Protectora de la Academia Gallega Ligazóns externas
Categoría:Galegos de Cuba Categoría:Nados en Ferrol Categoría:Nados en 1864 Categoría:Finados en 1919 Categoría:Membros correspondentes da Real Academia Galega Categoría:Bibliófilos