María de los Ángeles Alvariño González, nada en Serantes (Ferrol) o 3 de outubro de 1916 e finada en La Jolla (San Diego) o 29 de maio de 2005 e coñecida como Ángeles Alvariño, foi unha zoóloga, oceanógrafa e mestra galega que liderou o comezo a investigación oceanográfica global. Destacou por describir 22 novas especies de zooplancto mariño, o seu coñecemento dos quetógnatos e por crear novos indicadores das condicións mariñas. Comezou a súa carreira de investigación no Instituto Español de Oceanografía en Madrid e Vigo. A súa seguinte estadía foi a Laboratorio Mariño de Plymouth. Alí converteuse na primeira muller que participou como científica nunha expedición oceanográfica mundial, pois en 1953-1954 participou como investigadora na expedición do buque británico Sarsia. Desde 1956 ata o remate da súa carreira continuou a súa investigación nos Estados Unidos no Instituto Oceanográfico Scripps e no centro de investigación en pesca da NOAA.

Ángeles Alvariño recibiu a Medalla de Prata de Galicia en 1993 e foi a figura que escolleu a Real Academia Galega de Ciencias para conmemorar o día 1 de xuño, o Día da Ciencia en Galicia, do 2015. O Instituto Español de Oceanografía botou un buque en 2012 que leva o seu nome e en 2021 o Parlamento Galego aprobou unha lei que recoñece o seu labor.

Traxectoria Nacemento e primeiros estudos Filla do médico Antonio Alvariño Grimaldos e da pianista María del Carmen González Díaz Saavedra, naceu en SerantesAta o 1940 Serantes foi un concello de por si, e logo integrouse dentro do concello de Ferrol. en outubro de 1916. Desde nova, gustáronlle a lectura e a música, e aprendeu solfexo e piano.

Os seus estudos ata secundarios fíxoos no instituto Concepción Arenal de Ferrol. Na Universidade de Santiago de Compostela cursou o bacharelato e rematouno en 1933 cos traballos finais sobre dos Insectos sociais e As mulleres no Quixote. O ano seguinte múdouse a Madrid para estudar na universidade madrileña Ciencias Naturais. Inda que de primeiras se interesou pola medicina, o seu pai, médico, quixo que fose a outros estudos. En Madrid aloxouse na Residencia de Señoritas que dirixía María de Maeztu. Porén, os seus estudos víronse interrompidos pola guerra civil que estourou en 1936. Nos anos da guerra volveu para Ferrol e adicouse a aprender as linguas francesa e inglesa, e interesouse polo estudo do litoral galego, como a praia de Doniños.

Casamento e doutoramento En 1940 casou con Eugenio Leira Manso, capitán da Mariña de Guerra Española e pertencente á Orde de San Hermenexildo. O seu marido, que participou no bando sublevado, en 1938 formaba parte do cruceiro Baleares cando foi afundido polos republicanos. Dous anos despois de casaren, tiveron unha nena: María de los Ángeles. Co remate da guerra as universidades volveron abrir, así que reiniciou os seus estudos en Madrid. Alí obtivo en 1941 a licenciatura e mestrado pola Universidade de Madrid. Entre o 1941 e 1948 adicouse ao ensino de ciencia en varios colexios ferroláns, impartindo a docencia de Bioloxía, Zooloxía, Botánica e Xeoloxía.

En 1948 o seu marido destínano a Madrid e ela incorpórase como bolseira no Instituto Español de Oceanografía (IEO). No IEO comezou investigando o porqué das incrustacións mariñas nos barcos, mais axiña se centrou no zooplancto. En 1951 consegue o certificado de doutoramento en Psicoloxía Experimental, Química Analítica e Ecoloxía Vexetal pola Universidade de Madrid.

Despois disto oposita e consegue unha praza no laboratorio vigués do Instituto Español de Oceanografía como axudante de laboratorio. Mudouse para alí para continuar co estudo do plancto. Coa colaboración da British Council, entre 1953 e 1954 foi como investigadora convidada ao centro de investigación mariño de Plymouth.

Baixo a tutela dos directores Frederick S. Russell e Peter C. Corbim, en Plymouth especialouze no estudo de quetógnatos, sifonóforos, medusas e ctenóforos. Durante ese tempo, participou en campañas oceanográficas a bordo de buques como o Sarsia e percorreu augas do Atlántico e do Pacífico. Con iso, converteuse na primeira muller científica a bordo dos barcos ingleses, e recoñecida como tal.

Volveu a Vigo en 1955 e seguiu estudando o plancto. Avanzou no deseño de redes para filtrar o plancto nas expedicións mariñas e da frota pesqueira. En Vigo continuou tanto co estudo do zooplancto no litoral peninsular atlántico, mediterráneo e de Terra Nova, como co estudo da alimentación do bacallau. Esa labor viuse reflectida nas súas primeiras publicacións, que foron nos boletíns do IEO de entre 1951 e 1957.

Ao pouco de estar de volta en Vigo conseguiu outra axuda, da Comisión Fulbrigth, para participar no estudo do zooplancto no Instituto Oceanográfico Woods Hole (WHOI) en Massachusetts. Alí estivo desde 1956 e 1957 coa experta en sifonóforos Mary Sears.

Mary Sears contactou co Instituto Oceanográfico Scripps de La Jolla (San Diego, California) para recomendarlle ao seu director, Roger Revelle, a Ángeles Alvariño. Desde ese momento Alvariño exerceu case sempre a súa investigación nos Estados Unidos, sendo xa alí unha investigadora de referencia. Nese centro Scripps estivo investigando ata o 1969. Para a súa investigación no centro conseguiu múltiples liñas financiamento dos departamentos federais do naval ou de pesca dos Estados Unidos.

Pola Universidade de Madrid e en 1967, Ángeles Alvariño obtén o seu título de doutora coa tese Los Quetognatos del Atlántico. Distribución y Notas Esenciales de Sistemática.

Investigadora radicada nos Estados Unidos de América O seu marido retirou da mariña en 1967 e mudouse con ela a La Jolla ese ano no que se doutorou, e un ano despois de que ela conseguise a nacionalidade norteamericana.

Traballou no Scripps ata o 1969, centrándose no estudo de mostras mensuais de plancto do Atlántico, o Pacífico e o Índico para comprender a desaparición de sardiña, entre outras; e ao estudo das correntes e a dinámica oceánica. Sendo xa doutora, en xaneiro de 1970 consegue a praza de bióloga investigadora no Centro Científico de Pesca do Suroeste (NOAA) dos Estados Unidos, un centro que se acabara de crear polo servizo nacional de pesca marítima americanoEn lingua inglesa, o Southwest Fisheries Center (SWFSC), que é un centro que foi parte da sección National Marine Fisheries Service da National Oceanic and Atmospheric Agency (NOAA). Alí continuou co estudo da ecoloxía de quetógnatos e sifonóforos no Pacífico e na Antártico, a depredación de zooplancto e a súa relación coa supervivencia de larvas de peixes, o transporte por correntes do plancto, especies que actúan como indicadores e na dinámica oceánica.

Nese período impartiu clases na Universidade Nacional Autónoma de México en 1976, na Universidade Estatal de San Diego desde 1979 ao 1982 e na Universidade de San Diego desde 1982 ao 1985. Foi tamén profesora visitante na Universidade Federal de Paraná, no Brasil en 1982 e no Instituto Politécnico Nacional de México desde 1982 a 1986. Chegou a ser a coordinadora de liñas de investigación oceánica dos países hispano-americanos entre o 1978 e 1979.

En 1977 denunciou que sufría discriminación por motivos de xénero no centro do National Fisheries Service no que traballaba.

Ocupou o seu posto no Centro de Pesca do Suroeste ata o 1987, cando se xubila. Inda que, malia a estar xubilada, colaborou como científica emérita ata o 1993.

Morreu en California en 2005 (aos 89 anos).

Obra Publicacións Libros Alvariño, A. et al. (1951) Anguilas y angulas: biología, pesca y consumo (1951). Madrid: Subsecretaría de la Marina Mercante. Alvariño, A. Los Quetognatos del Atlántico: distribución y notas esenciales de sistemática (1969). Madrid: Instituto Español de Oceanografía. Volume 37. Alvariño, A., Joan M. Wojtan, M. Rachel Martinez (1991) Antarctic Siphonophores from Plankton Samples of the United States Antarctic Research Program: Eltanin Cruises for Spring, Summer, Fall, and Winter (Cruises 3-5, 8-23, 25-28, 30, 35, and 38). American Geophysical Union. ISBN 9780875901732 Alvariño, A. “Chaetognatha”, páx. 18-19, na Encyclopaedia Britannica, 15 ed., 1974. Chicago 1974 España y la primera expedición científica oceánica, 1789-1794: Malaspina y Bustamante con las corbetas Descubierta y Atrevida (2002). Santiago de Compostela. Xunta de Galicia. ISBN 84-453-3473-5

Revistas científicas Algunhas das súas principais publicacións en xornais a destacar son:

Rodríguez, O. et al. (1950) “Endocrines and Fish Migrations”, Industrias Pesqueras, 551-552, páx. 24-25. Alvariño, A. (1951) “Marine Fouling. (Incrustaciones Marinas)”, Boletín Instituto Español de Oceanografía, 45, páx. 1-12. Alvariño, A. (1952) “Massive death of fishes and Red tide”, Industrias Pesqueras, Vigo, 601-602, páx. 32-33. “Chaetognaths” (1965) Oceanography and Marine Biology: Annual Review. H. Barnes ed., Londres. , páx. 155-194, en Contributions Scripps Institution of Oceanography, 35, 1829. Alvariño, A. (1974) “The importance of the Indian Ocean as origin of species and biological link uniting the Pacific and Atlantic Oceans”, Journal of the Marine Biological Association of India, 14(2), páx. 713-722. Alvariño, A. (1980) “The relation between the distribution of Zooplankton predactors and Engraulis mordax (anchovy) larvae”, California Cooperative Oceanic Fisheries Investigations Reports, 21 páx. 150-160.

Taxonomía Alvariño describiu 22 novas especies e revisou a morfoloxía en varias fases de desenvolvemento ou do ciclo sexual destas e doutras especies de zooplancto, empregando ilustracións e notas. Adicouse a especies de medusas, sifonóforos, quetógnatos e hidromedusas. As especies que describiu como novas foron Busca realizada no World Register of Marine Species (WoRMS) e no Integrated Taxonomic Information System (ITIS) en 2018. Aquelas especies nas que se indica aceptada como [...] é porque o nome taxonómico proposto por A. Alvariño foi revisado e o consenso de nomenclatura fai prevalecer outra referencia sobre da súa proposta. Aquelas especies nas que se indica agora [...] é porque esa especie foi clasificada noutro xénero, ou i.e. dentro doutra orde ou clase diferente.

Sagitta bierii Alvariño, 1961; un quetógnato (agora Serratosagitta bierii Alvariño, 1961) Sagitta euneritica Alvariño, 1961; quetógnato (agora Parasagitta euneritica Alvariño, 1961) Sagitta scrippsae Alvariño, 1962; un quetógnato (aceptada como Pseudosagitta lyra Krohn, 1853) Eukrohnia bathypelagica Alvariño, 1962; un quetógnato Sagitta bruuni Alvariño, 1967; un quetógnato (agora Zonosagitta bruuni Alvarino, 1967) Sagitta nagae Alvariño, 1967; un quetógnato (agora Zonosagitta nagae (Alvariño, 1967)) Sagitta tokiokai Alvariño, 1967; un quetógnato (aceptada como Ferosagitta robusta Doncaster, 1902) Vogtia kuruae Alvariño, 1967; un sifonóforo (aceptada como Vogtia serrata Moser, 1915) Enneanogonum searsae Alvariño, 1968; un sifonóforo (aceptada como Enneagonum hyalinum Quoy & Gaimard, 1827) Sulculeolaria brintoni Alvariño, 1968; un sifonóforo (aceptada como Sulculeolaria quadrivalvis de Blainville, 1830) Krohnitta mutabbii Alvariño, 1969; un quetógnato (aceptada como Krohnitta pacifica Aida, 1897) Spadella hummelinck Alvariño, 1970; un quetógnato (aceptada como Paraspadella pulchella Owre, 1963) Spadella gaetanoi Alvariño, 1978; un quetógnato Spadella legazpichessi Alvariño, 1981; un quetógnato (agora Paraspadella legazpichessi Alvariño, 1981) Nectocarmen antonioi Alvariño, 1983; un sifonóforo (aceptada como Praya dubia Quoy & Gaimard, 1833) Heteropyramis alcala Alvariño, 1983; un sifonóforo (aceptada como Heteropyramis maculata Moser, 1925) Thalassophyes ferrarii Alvariño, 1983; un sifonóforo (aceptada como Crystallophyes amygdalina Moser, 1925) Lensia eugenioi Alvariño, 1984; un sifonóforo (aceptada como Lensia campanella Moser, 1917) Lensia eltanin Alvariño, 1984; un sifonóforo (aceptada como Lensia achilles Totton, 1941)