A sección de baloncesto do Futebol Clube do Porto, club polideportivo con sede na cidade do Porto, é un equipo portugués que milita na LPB, a máxima categoría do baloncesto deste país. O equipo xoga os seus partidos como local no pavillón Dragão Caixa, sendo o adestrador do club o galego Moncho López.
No ano 2012 o equipo suspendeu a súa actividade despois de perder o título de liga no último partido da final ante o S.L. Benfica no seu pavillón. Con todo, retomouna a seguinte temporada na terceira división co nome de Dragon Force. Con todo, o equipo regresa rapidamente a elite e na temporada 2015−16 volta á Liga Portuguesa de Basquetebol, recuperando o seu antigo nome. O F.C. Porto é o segundo equipo máis laureado do baloncesto portugués.
Historia Na súa refundación en 1906, "refundación" porque o club contaba xa cunha pequena e breve existencia no século XIX, no Futebol Clube do Porto practicábanse as seguintes modalidades: fútbol, atletismo, boxeo, crícket, halterofilia, wáter-polo e natación. Daquela o baloncesto non era sequera coñecido en Portugal. A introdución deste deporte no país foi contra o ano 1913, e trece anos despois un grupo de socios portistas decidiu crear no club un equipo de baloncesto. António Sanches, António Marta e Daniel Barbosa foron os impulsores da idea, uníndoselles posteriormente Gabriel Batista e A. Cabral para completar o equipo. O segundo lugar na Taça António Cardoso acadado na primeira época entusiasma á comunidade, que forma de inmediato outros catro equipos. Os baloncestistas do FC Porto adestraban nunha cancha ao aire libre incluída no complexo da Constituição.
Á par de clubs coma o Académico, o Fluvial ou o Estrela e Vigorosa Sport, o FC Porto contribuíu a facer da cidade de Porto a grande forza motora do baloncesto en Portugal, primeiro coa fundación da Associação de Basquetebol do Porto, a primeira do país, en 1926, e despois coa creación, en Porto, da Federação Portuguesa de Basquetebol, en 1927. Os anos 1930 e 1940 non foron moi fértis en títulos para a sección, mais aínda así, a práctica da modalidade foise consolidando nun club que se mostraba cada vez máis eclético. En 1940 o F.C. Porto xogaba xa nun recinto cuberto e iluminado na Avenida dos Aliados. Os froitos veríanse ao final da década: nas tempadas 1947-48 e 1949-50, o F.C. Porto foi campión nacional da Segunda División e dúas tempadas despois foi bicampión nacional da Primeira División en 1951-52 e 1952-53.
A maior lenda do baloncesto portista chegou no inicio da década dos 1970. Dale Dover fora un dos máis importantes xogadores da Universidade Harvard nos anos anteriores., con Dover como xogador-adestrador, o F.C. Porto reconquista o título nacional dezanove anos despois. Nesta época, o equipo portista xogaba nun pavillón prestado, habitualmente no Pavilhão Rosa Mota ou no pavillón do Futebol Clube de Gaia, pasando a xogar no complexo das Antas cando foi concluída a construción do Pavilhão Américo de Sá. Ao final da mesma década, por iniciativa de Matos Pacheco, dirixente do baloncesto do F.C. Porto dende principios dos anos cincuenta, e Jorge Araújo, prodúcese a profesionalización da sección. O cambio é notable mesmo no palmarés, véndose claramente un antes e un despois da pofesionalización.
O ano 1995 marca un xiro crucial no baloncesto portugués. É nese ano no que a Liga de Clubs de Basquetebol, fundada seis anos antes, organiza a primeira liga profesional. O baloncesto do FC Porto asóciase a un patrocinador, UBP (pasando denominarse FC Porto UBP), e entra con paso firme na era do baloncesto profesional, gañando as dúas primeiras edicións da liga. Nas mesmas datas, o equipo múdase ao Pavilhão Rosa Mota, onde podía dispor de mellores condicións de traballo. En 1997 foi creada a "F.C. Porto, Basquetebol, SAD", á par da FC Porto, Futebol, SAD. Jorge Nuno Pinto da Costa ocupa a presidencia das dúas SAD e do club, mentres que Fernando Gomes é o principal administrador. A asociación con UBP dura apenas unha tempada; nas catro tempadas seguintes, o F.C. Porto é patrocinado pola Câmara Municipal da Maia e polo Banco Mello (pasando a chamarse Porto Maia Banco Mello) e na tempada 2000-01, o nome do equipo pasa a ser FC Porto Multitema. Na tempada 2001-02, o club asóciase a Ferpinta, un grupo empresarial portugués ligado á metalomecánica, á agropecuária e ao turismo, pasando a utilizar a designación que aínda hoxe emprega: F.C. Porto Ferpinta. Aínda que a nivel nacional o F.C. Porto se encontre entre os mellores e sexa sempre candidato ao título en todas as competicións, a súa traxectoria a nivel internacional é modesta, reflexo da posición do baloncesto portugués respecto das restantes federacións europeas e mundiais. As súas mellores tempadas en competicións europeas foron en 1997 e 2000, anos nos que acadou os cuartos de final da Copa Saporta.
Palmarés FC Porto Liga de Portugal Campións (12): 1951–52, 1952–53, 1971–72, 1978–79, 1979–80, 1982–83, 1995–96, 1996–97, 1998–99, 2003–04, 2010–11, 2015–16 Taça de Portugal: Campións (16): 1978–79, 1985–86, 1986–87, 1987–88, 1990–91, 1996–97, 1998–99, 1999–00, 2003–04, 2005–05, 2006–07, 2009–10, 2011–12, 2018–19, 2023–24, 2024–25 Taça da Liga Campións (8): 1999–00, 2001–02, 2003–04, 2007–08, 2009–10, 2011–12, 2015–16, 2020–21 Supertaça de PortugalCampións (8): 1986, 1997, 1999, 2004, 2011, 2016, 2019, 2024 Troféu António PratasCampións (1): 2010Dragon Force Proliga (Segunda División)Campións (2): 2013–14, 2014–15 Troféu António Pratas ProligaCampións (1)': 2014
Bibliografía Barbosa, Alfredo. Dragão Ano 111 - História Oficial do Futebol Clube do Porto - vol.6. Porto: O Comércio do Porto. 2004. Barbosa, J. Tamagnini; Dias, Manuel. Figuras e Factos do F.C. do Porto - de A a Z - 1893/2005''. Porto: New D - Notícias do Douro. 2005.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Sitio web oficial da sección de baloncesto do F.C. Porto
Categoría:Equipos de baloncesto de Portugal