Freixo é un barrio ou lugar da parroquia de Santo André de Valadares do concello de Vigo. Segundo o IGE, en 2022 tiña 393 habitantes (202 homes e 191 mulleres). Limita co barrio das Barrocas na mesma parroquia de Valadares e coas parroquias de Santo André, Coruxo e Matamá do concello de Vigo e coa parroquia de Chandebrito do concello de Nigrán. Os seus lugares son os seguintes: San Xoán, Campo Grande, Campo do Rego, A Galiñeira, O Teu Deus, A Bouzacova, A Areíña e O Portal do Mato.
Situación O barrio de Freixo está situado na parte alta do Val do Fragoso ao pé dos montes Alba e Os Pozos e por riba das parroquias de Matamá e Santo André. Está completamente rodeado de masa forestal e ao atoparse nunha ladeira do Monte dos Pozos o seu terreo ten unha forte inclinación facendo del un miradoiro privilexiado da embocadura da Ría de Vigo e das Illas Cíes.
Dispón dun servizo regular de autobuses (liña 17) que saen dende Os Ríos / A Guía (Teis) en dirección ao barrio de Freixo, pasando polas Travesas (Praza de América), Castrelos e Matamá.
Patrimonio Destaca no seu patrimonio a ermida de San Xoán, da cal hai constancia documental dende o ano 1694, aínda que debeu construírse bastante antes xa que nesa data o estado do edificio cualificábase de ruinoso, polo que as autoridades eclesiásticas esixían que se executasen as precisas reparacións. Existe a crenza de que o santo provén do lugar de Seoane.
Festas Entre as celebracións do Barrio destacan a festa de San Xoán Bautista (o 24 de xuño), o festival de música Freixo-Rock e a Baixada de Carrilanas.
Lugares e parroquias Lugares de Valadares
Parroquias de Vigo
Notas
Véxase tamén Outros artigos Lugares de Vigo Ligazóns externas Web do barrio de Freixo Freixo no Google Maps
Categoría:Lugares de Vigo