O mosteiro do Divino Salvador de Ferreira de Pantón é unha construción relixiosa situada na parroquia de Ferreira de Pantón, no concello de Pantón. É o único mosteiro feminino da orde do Císter en Galicia.
Historia Parece que foi un mosteiro dúplice desde os primeiros tempos até o século XII. En 1175, despois dunha fase de decadencia, a condesa Fronilda de Lemos restaura a vida monástica, o mosteiro rehabilítase e intégrase na orde do Císter baixo dirección dos monxes do mosteiro de Santa María de Meira. A xurisdición destes prolongarase até 1600, cando o cenobio se integra na Congregación de Castela.
Foi declarado Monumento Histórico-Artístico de carácter nacional en 1975. Como Ben de Interese Cultural (BIC.000.328) foi incluído en 2018 na declaración de Ben de Interese Cultural da paisaxe cultural da Ribeira Sacra. É o único mosteiro da Ribeira Sacra que mantén a unha comunidade relixiosa.
Descrición miniatura|esquerda|Claustro. Accédese ao conxunto a través dun arco de entrada do século XVIII. A fachada é de tipo renacentista. Posúe un torreón á dereita, rematado nun mirado con balaustrada de pedra. O seu único claustro -o regular- atópase ao oeste da igrexa, pegado á fachada da mesma.
A hospedaría, con galería e columnata de pedra a modo de pazo, forma ángulo co edificio. No espazo oposto está a Casa das Donas, onde se aloxaban as damas da nobreza que tomaban os hábitos. miniatura|Ábsida da igrexa de Santa María. No interior do mosteiro, destaca a parte baixa do claustro renacentista: arcos de medio punto sobre capiteis xónicos e bases toscanas sosteñen unha cornixa saínte sobre a que debía descansar un segundo claustro que non chegou a construírse.
A igrexa A igrexa do mosteiro é o maior valor artístico do conxunto pola súa ornamentación profusa e diversa, sobre todo na súa ábsida. Considérase que a súa construción foi anterior á incorporación do mosteiro á orde do Císter.
Consta dunha soa nave rectangular. A ábsida ten forma semicircular precedida de tramo recto. Neste tramo, cuberto con bóveda de canón, están os sepulcros de Diego e seu fillo, Lope Sánchez de Lemos. O tramo curvo, con bóveda de cuarto de esfera, ten tres ventás enmarcadas por arcos de medio punto, ao dereito e invertidos. Tamén na ábsida son admirábeis os motivos vexetais, animais e antropomorfos dos capiteis e dos canzorros.
Galería de imaxes
Véxase tamén
Bibliografía
Outros artigos Mosteiros e conventos de Galicia
Ligazóns externas Páxina web do mosteiro. turismo.gal Xunta de Galicia.
Categoría:Pantón Ferreira de Pantón Ferreira de Pantón Categoría:Bens de Interese Cultural da provincia de Lugo