José Castro González, máis coñecido polo alcume de Chané, nado en Santiago de Compostela o 16 ou 18 de xaneiro de 1856 e finado na Habana o 27 de xaneiro de 1917, foi un músico galego. Como instrumentista era virtuoso da guitarra e da cítara. Tamén foi compositor, e director do Orfeón Coruñés e máis tarde da Coral Polifónica El Eco, coa que obtivo galardóns en Pontevedra (1880), Madrid (1887), Barcelona (1888), Santander e París (festival do Teatro Trocadero de 1889). Foi membro correspondente da Real Academia Galega.
Traxectoria José Castro González naceu en Santiago de Compostela o 16 ou 18 de xaneiro de 1856 nunha familia de músicos, intérpretes de instrumentos de corda pulsada como a guitarra ou a bandurra que tocaban nunha rondalla de fama en Galicia, e que empregaban o nome artístico "Chané".
Chané comezou a súa formación musical da man de seu pai, converténdose nun neno prodixio virtuoso da guitarra e a bandurra. En 1873 estreou na Coruña Una broma pesada, a súa primeira composición, escrita para un apropósito de Antonio Navarro.
Aos 19 anos entrou no rexemento de artillaría da cidade herculina como músico militar.
Foi catedrático de Belas Artes na Coruña, pero malia o seu recoñecido prestixio, a cátedra foi suprimida, polo que emigrou a Cuba en 1893. Na Habana dirixiu o orfeón Ecos de Galicia, co que acadou grandes éxitos. Na capital cubana o músico tivo unha estreita relación co poeta Manuel Curros Enríquez, de quen musicou varios textos, entre os cales "Unha noite na eira do trigo" é o que acadou máis sona. miniatura|300px|O mestre Chané na casa de Francisco Tettamancy en 1912. De pé: Bernardino Álvarez, Robustiano Faginas, Francisco Tettamancy, Modesto Garrido e Florencio Vaamonde. Sentados: Bernardo Faginas, Alejandro Barreiro, Chané, Manuel Murguía e Uxío Carré Aldao. No chan: Emilio, fillo de Chané. Fotografía de Avrillon. Tamén foi profesor de música do Centro Galego da Habana, pero en xullo de 1895, durante os exames realizados nesta institución, mantivo un enfrontamento con Vicente Fraiz Andón, presidente do tribunal, que motivou a súa saída do equipo do Centro Gallego.
Na Habana participou en entidades galegas como a Sociedad de Beneficencia Naturales de Galicia ou a Asociación Iniciadora y Protectora de la Academia Gallega, da que foi secretario, e foi con posterioridade académico electo da Real Academia Galega.
Á súa volta á Coruña en agosto de 1907, foi obsequiado pola intelectualidade galega cun gran banquete, presidido por Emilia Pardo Bazán, que contou coa asistencia de Ramón Armada Teixeiro, Manuel Lugrís Freire, José Martínez Fontenla (que fora alcalde da cidade), Xoán Neira Cancela e distintos directivos de orfeóns galegos.
En 1908 visitou por última vez a cidade da Coruña, á que chegou dende a Habana acompañando os restos mortais de Curros Enríquez a bordo do Alfonso II.
Regresou á Habana, onde seguiu compoñendo e tocando. A súa derradeira composición foi "A lúa de Cangas", estreada polo orfeón Ecos de Galicia nun serán na honra ao poeta viveirense Nicomedes Pastor Díaz.
O Centro Galego da Habana decidiu custear o transporte dos seus restos mortais a Galiza, a onde chega, o 4 de marzo de 1917, acompañado por Fontenla Leal. Ao día seguinte, José Castro González recibe sepultura con todos os honores, á beira da tumba de Curros Enríquez, no cemiterio coruñés de San Amaro. Aquí poden consultar a crónica do seu enterro no Boletín da Real Academia Galega, e aquí a noticia que dá Antón Villar Ponte deste mesmo suceso e outros, n´A Nosa Terra.
Finou o 27 de xaneiro de 1917. Logo do seu falecemento o Centro Galego da Habana asumiu os custos do traslado dos seus restos mortais a Galicia, chegando á cidade da Coruña, o 4 de marzo acompañados por Fontenla Leal, para ser soterrado no camposanto da cidade. O seu funeral contou cunha numerosa asistencia: miniatura|Placa da rúa Castro Chané, na Coruña.
En Cuba casou con Elvira Hernández Celis, tendo numerosa descendencia.
Galería de imaxes
Notas
Referencias
Véxase tamén
Bibliografía
Outros artigos Asociación Iniciadora y Protectora de la Academia Gallega
Ligazóns externas
Categoría:Músicos de Galicia Categoría:Compositores de Galicia coa obra no dominio público Categoría:Galegos de Cuba Categoría:Nados en Santiago de Compostela Categoría:Nados en 1856 Categoría:Finados en 1917 Categoría:Membros correspondentes da Real Academia Galega