Juan Vázquez de Mella Fanjul, nado en Cangas de Onís o 8 de xuño de 1861 e finado en Madrid o 26 de febreiro de 1928, foi un político tradicionalista, escritor e filósofo católico español.
Traxectoria Fillo de Juan Vázquez de Mella Varela, tenente coronel retirado natural de Boimorto, e de Teresa Fanjul, nada en Cangas de Onís. Quedou orfo de pai con seis anos. Estudou no seminario de Valdediós entre 1874 e 1877, e rematado o bacharelato trasladouse coa súa nai a Boimorto. Fixo a carreira de Dereito na Universidade de Santiago de Compostela onde dirixiu o periódico El Pensamiento Galaico. De elocuente palabra, portentosa memoria e brillante capacidade para a oratoria e a política, abrazou a causa do carlismo.
Foi deputado ás Cortes de 1893 a 1916, elixido polos distritos de Aoiz, Estella e varias veces por Pamplona. Cando presentou a súa candidatura a deputado por Oviedo foi derrotado pola coalición que reformistas e socialistas presentaron contra os conservadores. Presentou ás Cortes de Madrid unha vigorosa petición solicitando que fose declarada ilegal, facciosa e traidora á Patria a Masonaría, eliminando dos empregos públicos aos masóns. Participou no Congreso antimasónico de Trento en 1896.
Vázquez de Mella era xermanófilo o que o conduciu a unha soada separación con Xaime de Borbón, que ademais de pretendente á coroa era aliadófilo. Xaime de Borbón, que fora confinado polos austríacos no seu castelo próximo a Viena, publicou en 1918 un manifesto dirixido aos tradicionalistas españois desautorizando aos que tivesen exteriorizado os seus sentimentos xermanófilos: Vázquez de Mella opúxose ao documento e nese cisma orixinouse a escisión que o levou a fundar en 1918 o Partido Católico Tradicionalista.
Coa ditadura de Primo de Rivera apartouse da política, debido tamén a problemas de saúde.
Pensamento As ideas centrais no seu pensamento eran a Tradición, a monarquía, a unidade de España a través do rexionalismo e do foralismo e a concepción orgánica da sociedade onde se reclama a soberanía non para o Estado senón para a sociedade a través das súas organizacións naturais: a familia, o municipio, a rexión.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía Lira, Osvaldo, Nostalgia de Vázquez de Mella, Difusión Chilena [Colección Verbo], Santiago de Chile 1942, 239 páxs. 2ª edición, Editorial Andrés Bello, Santiago de Chile 1979, 363 páxs. Arduengo Caso, José, Juan Vázquez de Mella y Fanjul. (Pensamiento filosófico), 1984. Sevilla Benito, Francisco, Sociedad y regionalismo en Vázquez de Mella. La sistematización doctrinal del carlismo, 2008.
Ligazóns externas Círculo Cultural Juan Vázquez de Mella Juan Vázquez de Mella 1861-1928 en filosofía.net
Categoría:Carlistas Categoría:Políticos de Asturias Categoría:Nados en 1861 Categoría:Nados en Cangas de Onís Categoría:Finados en 1928 Categoría:Personalidades do catolicismo de España Categoría:Deputados no Congreso dos Deputados Categoría:Nacionalistas españois Categoría:Académicos de número da Real Academia de Ciencias Morais e Políticas