Surfer Rosa é o primeiro álbum de estudio da banda estadounidense de rock alternativo Pixies, editado o 21 de marzo de 1988 a través do selo británico 4AD. O álbum destaca polas referencias pouco habituais a temas como a mutilación ou o voyeurismo, pola produción lo-fi, e polo son único da batería, que debe moito ao enxeñeiro de son e produtor do disco Steve Albini.

Como 4AD era unha discográfica independente, a distribución nos Estados Unidos foi realizada pola etiqueta británica Rough Trade Records; con todo, o disco non chegou a entrar nas listas dos dous países. Só se lanzou un sinxelo do álbum, unha versión regravada de "Gigantic", que alcanzou o número 93 da lista británica. Surfer Rosa foi reeditado nos Estados Unidos por Elektra Records en 1992, e en 2005 foi certificado ouro pola Recording Industry Association of America.

Surfer Rosa adoita incluírse nas listas da crítica dos mellores discos de rock. Artistas de rock alternativo como Billy Corgan e PJ Harvey citárono como unha inspiración; foi unha influencia no álbum de Nirvana de 1993 In Utero, que tamén produciu Albini.

Antecedentes Antes do lanzamento do mini-álbum de estrea dos Pixies, Come On Pilgrim, en outubro de 1987, Ivo Watts-Russell, presidente de 4AD, suxeriu que regresasen ao estudio para gravar un álbum completo. O plan orixinal era gravar material novo nos Fort Apache Studios, onde a banda producira The Purple Tape e Come On Pilgrim. Porén, debido a diferenzas entre o representante do grupo Ken Goes e o produtor de The Purple Tape Gary Smith, Pixies acabou buscando un novo estudio e un noovo produtor. Por consello dun colega en 4AD, Watts-Russell buscou contratar a Steve Albini como técnico de gravación e produtor do disco. Tras enviar unha cinta de prelanzamento de Come On Pilgrim a Albini, Goes invitouno a unha cea en Boston na casa do batería David Lovering unhas semanas despois do lanzamento de Come On Pilgrim.

Albini coñeceu á banda aquela noite e discutiron como debería soar e como debería gravarse o seu próximo. Albini dixo que, "[a banda e eu] estabamos no estudio o seguinte día".Frank, Ganz, 2005. p. 75 Paul Q. Kolderie, que traballara nos Fort Apache Studios con Smith, recomendoulle a Albini o estudio de gravación Q Division de Boston.Frank, Ganz, 2005. p. 76 Isto creou tensión entre Smith e Kolderie, e o segundo destacou posteriormente que "Gary case me mata pola suxestión, pensou que estaba tramando conseguir o proxecto".Frank, Ganz, 2005. p. 77

Gravación e produción Pixies entraron en Q Division en decembro de 1987, reservando dez días de traballo no estudio para gravar o álbum. 4AD asignoulles un orzamento de 10 000 dólares, cun custo total duns 18 000 dólares.Sisario, 2006. p. 46Britt, Bruce (6 de setembro de 1989). "Bands Bring Fresh Sound to the Big Time". Los Angeles Daily News. p. L9 A tarifa de Albini foi de 1 500 dólares e non recibiu regalías polo seu traballo; Albini tiña a práctica de rexeitar as regalías dos discos que producía, considerándoo como "un insulto á banda".Albini, Steve. "They Don't Call Him the Martin Hannett of the '90s For Nothing." Forced Exposure #17. 1991. Ao lado de Albini, Jon Lupfer de Q Division actuou como asistente de estudio. O proceso de gravación tivo lugar durante todo o período reservado, engadindo posteriormente mesturas extra de voces. Albini planeou mesturar o disco "noutro lugar", pero segundo Lupfer, "non estaba contento con iso".Frank, Ganz, 2005. p. 83

Técnicas de gravación de Albini Durante as tomas de voces de Kim Deal en "Where Is My Mind?" e "Gigantic", Albini moveo o equipo para gravar nun baño do estudio e así conseguir un eco máis "espazoso". John Murphy, o marido de Deal, dixo, "A Albini non lle gustaba o son do estudio".Frank, Ganz, 2005. pp. 80-81 Albini dixo posteriormente que o disco podería estar completado nunha semana, pero "acabamos probando cousas máis experimentais basicamente para matar o tempo e ver se se materializaba algo bo". Un exemplo foi "Something Against You", onde Albini filtrou a voz de Black Francis a través dun amplificador de guitarra para conseguir "unha textura totalmente irregular e viciosa".

Leria no estudio A gravación dunha conversa mantida entre Francis e Albini pode escoitarse ao final de "Oh My Golly!". Lupfer escribe que "era un concepto que el [Albini] buscaba para conseguir algo de leria no estudio". Cando Deal saía do estudio para fumar un cigarro, exclamou: "Se alguén toca as miñas cousas, matareite". Francis respondeu con "Matareite, morrerás, se alguén toca as miñas cousas". O tema comeza nese momento, con Francis explicando a conversa a Albini, ao cal non se escoita no corte. Lupfer admitiu máis tarde que Albini sabía "perfectamente o que estaba a pasar".Frank, Ganz, 2005. p. 79

"I'm Amazed" comeza con Deal contando unha historia na que un dos seus antigos mestres, que estaba "interesado en xogadores de hóckey sobre herba", foi despedido discretamente. Francis remata as frases de Deal bromeando con que a súa resposta ao decatarse das actividades do mestre foi intentar unirse ao equipo. Albini observou despois que o uso de bromas no estudio en Surfer Rosa "está no seu disco para sempre polo que agora creo que agora están obrigados a dicir que están de acordo con iso, aínda que honestamente non sei se esa idea xurdiría se eu non o fixera. Hai momentos nos que cousas así son reveladoras e entretidas e sentín que era un pouco artificioso neste disco".Frank, Ganz, 2005. p. 80

Música Ao igual que Come On Pilgrim, Surfer Rosa mostra unha mestura de estilos musicais; cancións de guitarra pop como "Broken Face", "Break My Body", e "Brick Is Red" aparecen xunto con temas máis lentos e melódicos exemplificados por "Where Is My Mind?". O álbum inclúe material máis pesado e destaca a dinámica de voz da banda. O vocalista e compositor principal Black Francis escribiu o material, coa única excepción de "Gigantic", que foi coescrita con Kim Deal. "Gigantic" é un dos dous únicos temas do álbum de Pixies nos que Deal cantou a voz principal.

O contido lírico de Surfer Rosa inclue exames de mutilación e incesto en "Break My Body" e "Broken Face", mentres que aparecen referencias a superheroes en "Tony's Theme". O voyeurismo aparece en "Gigantic", e as letras surrealistas aparecen en "Bone Machine" e "Where Is My Mind?". Hai referencias a Porto Rico e letras en español nos temas "Oh My Golly!" e "Vamos". Esta última aparecera anteriormente en Come On Pilgrim, e aparece en Surfer Rosa como unha versión regravada da orixinal. Moitos dos temas explorados en gravacións anteriores retómanse en Surfer Rosa; con todo, a diferenza dos discos posteriores da banda, as cancións de Surfer Rosa non están preocupadas por un tema xeral.

No álbum hai outros temas pouco convencionais. "Cactus" é narrada por un preso que pide á súa moza que lle manche o seu vestido con sangue e que llo envíe por correo. "Gigantic" fala dunha historia de amor ilícitaSisario, 2006. p. 19 e está inspirada no filme de 1986 Crimes of the Heart, na cal unha muller casada namora dun adolescente. Francis inspirouse para escribir "Where Is My Mind?" despois de practicar submarinismo no Caribe. Máis tarde dixo que tiña "un peixe moi pequeno intentando perseguirme. Non sei por que, non sei demasiado sobre o comportamento dos peixes".

Lanzamento Surfer Rosa foi publicado no Reino Unido por 4AD o día 21 de marzo de 1988, entrando na lista indie británica na seguinte semana. Pasou 60 semanas na lista, chegando ata o número 2.Lazell, Barry (1997). Indie Hits 1980–1999. Cherry Red Books. ISBN 0-9517206-9-4 Ata agosto dese ano só estivo dispoñible nos Estados Unidos de importación. Aínda que o selo tiña os dereitos de distribución internacionais dos Pixies, non tiña acceso a un distribuidor fóra do Reino Unido. Cando 4AD asinou un contrato de distribución coa rama estadounidense de Rough Trade, o álbum publicouse en vinilo e casete como parte do lanzamento Surfer Rosa/Come On Pilgrim. Aínda que Surfer Rosa/Come On Pilgrim seguiu publicándose en CD no Reino Unido, posteriores edicións estadounidenses lanzáronse en dous CDs separados. Estas edicións separadas apareceron por vez primeira en xaneiro de 1992, cando Elektra Records reeditou pro primeira vez os dous primeiros álbums da banda. Despois de que 4AD volvese a facerse cos dereitos de distribución da banda nos Estados Unidos, publicou os dous álbums como CDs separados. Surfer Rosa foi certificado ouro pola Recording Industry Association of America en 2005, 17 anos despois do seu lanzamento orixinal.

"Gigantic" foi o único sinxelo sacado de Surfer Rosa. O tema e a súa cara b, "River Euphrates", foron regravados por Gil Norton nos Blackwing Studios de Londres a principios de maio de 1988.Sisario, 2006. p. 43 O sinxelo remesturado foi ben recibido pola crítica,Frank, Ganz, 2005. p. 88 aínda que non vendeu ben e só pasou unha semana no número 93 da lista británica de sinxelos. A pesar das pobres vendas tanto de Surfer Rosa como de "Gigantic", Ivo Watts-Russell dixo que a resposta ao álbum foi cinco veces maior que a de Come On Pilgrim.Frank, Ganz, 2005. p. 87

Embalaxe A portada de Surfer Rosa ten unha fotografía dunha "amiga dun amigo" da banda en topless, posando como unha bailadora de flamenco, inclinada contra unha parede cun crucifixo e un cartel roto. Simon Larbalestier, que aportou imaxes a todos os álbums de Pixies, decidiu construír o set porque "non atopamos a atmosfera que queriamos de forma natural". Segundo Larbalestier, a Black Francis ocorreuselle a idea da portada mentres escribía cancións no "bar español de topless" do seu pai; Larbalestier engadiu o crucifixo e o póster roto, e "en certo modo cargárono con todo o catolicismo".Frank, Ganz, 2005. p. 84 Comentando a portada en 2005, Francis dixo: "Só espero que a xente a atope de bo gusto".Wolk, Douglas. "Pixies – Surfer Rosa". Spin. Xullo de 2005 O libreto amplía o tema, e inclúe fotografías da bailadora de flamenco noutras poses; non hai letras de cancións nin contido escrito, ademais dos créditos do álbum, no libreto.

As fotografías do libreto tomáronse nun día nun pub fronte as oficinas de 4AD, porque, segundo Larbalestier, "era un dos poucos lugares que tiña un escenario elevado". Nunha entrevista en 1988 con Joy Press, Black Francis describiu o concepto como referíndose a "unha moza surfista", que "pasa pola praia de Piñones, ten unha táboa de surf, moi bonita". Cando se lle preguntou sobre o elemento do topless, respondeu, "Para o primeiro disco, díxenlles que me gustaba a nudez. Gústanme as liñas do corpo, non necesariamente algo de mal gusto, nin sequera tiña que ser feminina, só as liñas do corpo... como ese anuncio de Obsession, sabes?" Segundo Melody Maker, o álbum titulábase orixinalmente "Gigantic" pola canción de Deal, pero a banda temía unha mala interpretación da portada e cambiouno por "Surfer Rosa". O "nome" da muller da portada, e o título do álbum, proceden da letra de "Oh My Golly!" "Besando, chichando con Surfer rosa".

Recepción da crítica