Lucidio Vimaraniz, finado c.922, foi un nobre galego-portugués e o segundo conde de Portucale, dende 873 ata a súa morte.
Traxectoria Á morte do seu pai Vímara Pérez, o rei Afonso III confírelle o goberno do condado. Case non se sabe nada sobre o goberno de Lucidio, o que quizais indique a súa escasa participación na loita contra os mouros, que nesta zona estaba sendo protagonizada por Hermenexildo Gotérrez.
Nun documento, chámaselle "señor dos colonos de Negrelos", sobre o que os historiadores conclúen que o conde continúa coa política colonizadora do seu pai.
Suponse que cara ao 895, Afonso III transfire o goberno do condado ao conde da recentemente conquistada Coímbra, Hermenexildo, quen capturara ao duque de Galicia rebelde Vitiza en 894. Hermenexildo gobernou Portucale ata polo menos o 7 de maio de 899, cando se emite a última carta asinada por el. Existe tamén a teoría de que o goberno do condado fose conxunto entre ámbolos condes.
Lucídio gobernou como tenente de parte do territorio de Lugo no 910, e no 911 aparece como previsor en Dume. Lucídio era membro da corte e como tal confirmou varias cartas reais entre o 887 e o 917.
Nunha carta de 927 firmada por Sancho I Ordóñez, Lucidio é mencionado como o antigo propietario de terras na diocese de Santiago de Compostela, pero non deixa claro se Lucidio xa estaba morto ou seguía vivo.
Familia Aínda que o seu parentesco non está confirmado tódolos historiadores coinciden en que, debido ao seu pratonímico pouco común, foi o fillo de Vímara Pérez.
Casou con Gudilona Menendiz, aínda que o seu parentesco tampouco está confirmado o historiador António Fernandes Almeida cre que probablemente fose a filla de Hermenexildo Gotérrez e Hermesinda Gatóniz, pero José Mattoso puntualiza que non hai probas suficientes para sustentar esa relación. Os dous aparecen xuntos en 915 donando Fermoselhe á Catedral de Coímbra. Foron pais de:
Tedón Lucídiz. Vermudo Lucídiz. Aloito Lucídiz, esposo de Munia Díaz. Rodrigo Lucídiz. Sueiro Lucídiz.
Notas
Categoría:Historia de Portugal Categoría:Finados en 922 Categoría:Condes de Portucale Categoría:Nobres de Galicia do século IX Categoría:Nobres de Galicia do século X