Diego Antonio Cernadas y Castro, máis coñecido como O Cura de Fruíme, bautizado en Santiago de Compostela o 18 de marzo de 1702 e finado en Fruíme (Lousame) o 30 de marzo de 1777, foi un sacerdote e escritor galego. A maior parte dos seus escritos están en lingua castelá, pero tamén escribiu en lingua galega. Segundo Xosé Manuel Rivas Troitiño, Fruíme quizais foi o escritor de maior produción en galego nese século. Ademais, xustificou o uso do galego como idioma literario nunhas décimas á marquesa de Camarasa. Para Benito Vicetto, Antonio Neira de Mosquera ou Antonio Couceiro Freijomil foi o poeta máis popular que houbo en Galicia.
Traxectoria Foi fillo de Antonio Zernadas, escribán da Universidade de Santiago de Composela, e de María de Castro. Coma o seu pai, adoitaba escribir o seu primeiro apelido con zeta (Zernadas). Foi bautizado na Igrexa de San Frutuoso de Santiago. Estudou latín cos xesuítas, foi ordenado sacerdote e acadou o grao de bacharel en Teoloxía pola USC o 31 de xaneiro de 1729. Tomou posesión do curato de Fruíme con 28 anos, manténdose na parroquia ata a súa morte.
Foi arcipreste de Posmarcos de Arriba e fomentou na parroquia o cultivo do millo.
Os seus restos, atopados en 1958, consérvanse na capela das Dores da igrexa parroquial de San Martiño de Fruíme, baixo unha lápida cunha loanza dos veciños. Na súa honra leva o seu nome o CPI de Lousame, construído en 1977 no lugar da Silva.CPI plurilingüe Cernadas de Castro Xunta de Galicia.
Obra literaria miniatura|Obras do Cura de Fruíme no Museo Arqueolóxico e Histórico Castelo de Santo Antón. Escribiu obras de teatro sinxelas, coas que ensinaba a ler á veciñanza e explicaba algúns dos misterios da relixión. Gañou un premio poético en Murcia. Foi autor tamén de obras en prosa e en verso na defensa de Galicia e das inxustizas en xeral.
Logo da súa morte imprimíronse en Madrid as Obras en prosa y verso del cura de Fruime D. Diego Antonio Cernadas y Castro, natural de Santiago de Galicia (1778-1781), coleccionadas polos seus amigos en sete volumes. Inclúen doce (ou trece, segundo o criterio) textos en lingua galega. Xosé María Álvarez Blázquez engadiu outros tres atopados nos papeis de Salvador Cabeza de León. Pardo de Neyra encontrou un manuscrito nunha biblioteca particular da Coruña con tres composicións máis, ademais doutras cinco nun documento achado na biblioteca da Universidade de Santiago de Compostela. miniatura|Escultura do Cura de Fruime.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Outros artigos Literatura galega dos Séculos Escuros Ligazóns externas galegos.galiciadigital.com Diego Antonio Cernadas e Castro na Biblioteca Virtual Galega.
Categoría:Nados en 1702 Categoría:Finados en 1777 Categoría:Nados en Santiago de Compostela Categoría:Escritores de Galicia en lingua galega Categoría:Poetas de Galicia Categoría:Escritores de Galicia en lingua castelá Categoría:Séculos Escuros Categoría:Sacerdotes católicos de Galicia Categoría:Escritores de Galicia coa obra no dominio público Categoría:Poetas en lingua galega Categoría:Alumnos da Universidade de Santiago de Compostela