Eloy Maquieira Fernández, nado en Pontevedra en 1901 e finado o 19 de abril de 1944, foi un arquitecto galego, que desenvolveu a súa obra principalmente en Lugo.
Traxectoria Foi o terceiro dos cinco fillos do farmacéutico Sebastián Maquieira e da comercial Joaquina Fernández Cabanillas. Logo de estudar Bacharelato matriculouse na Escola Técnica Superior de Arquitectura de Madrid. Alí recibiu a influencia das novas tendencias da arquitectura moderna, estendidas por Europa despois da Primeira guerra mundial. Daquela estaba en voga o movemento Bauhaus, fundado en 1919 por Walter Gropius en Alemaña, que buscaba a combinación entre a arquitectura da arte e a técnica para conseguir un atractivo e moderno deseño, funcional e estético. Le Corbusier visitou Madrid para dar unha conferencia na Residencia de Estudiantes sobre a Nova Arquitectura. En 1929 Eloy Maquieira visitou o Pavillón Alemán que Mies van der Rohe deseñara para a Exposición Internacional de Barcelona de 1929.
En Lugo En 1923 Eloy Maquieira chegou a Lugo, e en 1927 gañou a praza de arquitecto municipal. Naquel momento a cidade tiña uns 30.000 habitantes, que dependían fundamentalmente da agricultura e o comercio. A cidade mantíñase agrupada en torno á muralla romana, que contiña o centro histórico cunha mestura de construcións tradicionais e certo desenvolvemento urbano do século XIX pouco notable. Eloy Maquieira comezou a súa carreira construíndo casas para a burguesía, tanto na cidade como no campo, pero o seu cometido oficial era deseñar e supervisar a construción de novos edificios públicos. O seu estilo combinaba fachadas lisas con esquinas curvadas, cun resultado harmónico e funcional, empregando todas as tecnoloxías innovadoras.
En 1935 casou con Carmen Quiroga, coa que tivo cinco fillos, dos que sobreviviron tres: Ana María, Luís e Carmen. En 1941 mercou unha vella granxa en Conturiz (na parroquia de Santo André de Castro), cunha leira dunhas tres hectáreas, rodeada dun alto muro de pedra. reformou a granxa tradicional galega, onde os animais ocupaban a corte na planta baixa e a xente vivía enriba, nunha elegante casa de campo con amplos salóns na planta baixa, seis grandes dormitorios con catro cuartos de baño, máis a zona do servizo. Reuniu todo arredor dun luminoso hall central, coa escaleira principal e a balaustrada de castiñeiro rodeando o corredor do primeiro piso. O teito era acristalado, dando gran claridade ao interior. Separados por un patio estaban os edificios dedicados ás cortes, celeiros e a vivenda dos traballadores. No xardín había un magnolio, nogueiras e eucaliptos. Un paseo bordeado por flores conducía cara a prados rodeados de froiteiras, e baixo un arco de castiñeiros centenarios chegábase á estrada. Hoxe en día, denomínase Finca A Fortaleza e pertence a Torrre de Núñez.
Finou por mor dunha septicemia. Debido á Segunda guerra mundial non puido conseguir os antibióticos que lle poderían salvar a vida. Malia que o médico Francisco Sánchez Cantón conseguiu algún frasco a través dalgunha embaixada, non foi dabondo.
Obra
Instituto de Ensinanza Juan Montes (1936). Ten forma triangular e esquinas curvadas, dando luminosidade ao interior e amplitude ás áreas comúns. O novo Mercado Municipal de Lugo (1939) é moi funcional, con limpas e modernas liñas que combinan perfectamente co contorno antigo e proporciona un interior amplo e luminoso. Edificios comerciais e vivenda na praza Maior. Estas estruturas na praza principal foron no seu momento obxecto de controversia debido á moderna aparencia e altura, con dous andares máis cós antigos edificios que substituíron. O Sanatorio de Pimentel, na ronda da muralla, foi o mellor exemplo do Estilo Racionalista. Na década de 1980 houbo protestas por mor da súa demolición, ao ser considerado parte importante do patrimonio lucense. O Sanatorio do Doutor Portela. Na rúa do mesmo nome segue en pé o antigo Sanatorio Doutor Portela. Grazas ao intenso traballo do Colexio de Arquitectos e tras ser adquirida polo Instituto Nacional de Estatística, esta notable obra conservouse. Ademais, deseñou un proxecto residencial de corenta casas acaroadas con xardíns, coñecidos como Casas Baratas, e o Parque Rosalía de Castro.
Notas
Véxase tamén Outros artigos Rúa García Camba
Ligazóns externas "El Colegio de Arquitectos recupera a Eloy Maquieira y su estilo racionalista", artigo de Suso Varela en La Voz de Galicia, 27 de decembro de 2000.
Categoría:Arquitectos de Galicia do século XX Categoría:Nados en Pontevedra Categoría:Nados en 1901 Categoría:Finados en 1944 Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes