Ianique dos Santos Tavares, coñecido como Stopira, nado en Praia o 20 de maio de 1988, é un futbolista caboverdiano. Xoga de defensa e o seu equipo actual é o Torreense, da Segunda Liga de Portugal.
Traxectoria Tras xogar no seu país no Sporting Clube da Praia, onde recibiu o alcume de Stopira polo antigo internacional francés Yannick Stopyra, chegou en 2008 ao fútbol portugués, asinando co Santa Clara, da Liga de Honra. Tras unha primeira campaña con escasa participación, fíxose coa titularidade na súa segunda e última campaña no club, pechando o seu paso polos Azores cun total de 36 encontros.
O 9 de xullo de 2010 o Deportivo da Coruña anunciou a súa contratación por 4 tempadas, coa intención de que alternase entre o primeiro e o segundo equipo. Con todo, acabou xogando só co Fabril na Segunda División B, disputando 24 encontros e sufrindo o descenso á Terceira División.
Para a tempada 2011/12 asinou co Feirense, que viña de ascender á Primeira Liga. Debutou na máxima categoría o 20 de agosto de 2011, nun partido ante o Benfica.
No verán de 2012 trasladouse a Hungría, onde fichou polo Fehérvár. Militou no club de Székesfehérvár durante as seguintes dez tempadas, proclamándose campión da liga húngara en dúas ocasións (2014/15 e 2017/18) e da Copa de Hungría en 2019. Xogou Liga de Campións e Europa League e disputou un total de 325 partidos oficiais co club, anotando 27 goles.
En 2024 regresou a Portugal para militar no Torreense, da segunda categoría do país. Na súa segunda tempada converteuse no capitán do equipo e acabou a tempada na terceira posición, disputando sen éxito a promoción de ascenso á Primeira Liga. Con todo, fixo historia capitaneando o equipo na final da Copa de Portugal ante o Sporting de Lisboa, onde marcou o gol da vitoria na prórroga.
Selección nacional Debutou coa selección de Cabo Verde en xuño de 2008, nun encontro ante Mauricio. Participou coa selección sub-21 nos Xogos da Lusofonía de 2009, onde gañou a medalla de ouro.
En maio de 2026 foi elixido polo seleccionador Bubista como un dos 26 xogadores da selección caboverdiana para a Copa do Mundo de 2026.
Palmarés Fehérvár Primeira División de Hungría (2): 2014/15, 2017/18. Copa de Hungría (1): 2018/19.
Torreense Copa de Portugal (1): 2025/26.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en bdfutbol.com
Categoría:Nados en 1988 Categoría:Nados en Praia Categoría:Futbolistas de Cabo Verde Categoría:Defensas de fútbol Categoría:Xogadores do CD Santa Clara Categoría:Xogadores do Deportivo Fabril Categoría:Xogadores do CD Feirense Categoría:Xogadores do Mundial de Fútbol de 2026