Big Black foi unha banda estadounidense de punk rock procedente de Evanston, Illinois, activa dende 1981 ata 1987. Fundada polo guitarrista e vocalista Steve Albini, a súa formación incluía tamén ao guitarrista Santiago Durango e ao baixista Jeff Pezzati, ambos da banda Naked Raygun. En 1985 Pezzati foi substituído por Dave Riley, quen tocou nos dous álbums de estudio da banda, Atomizer (1986) e Songs About Fucking (1987).

O son agresivo e abrasivo de Big Black caracterízase polas súas distintivas guitarras metálicas e o uso dunha caixa de ritmos en vez dunha batería, elementos que precederon a aparición do rock industrial. A banda non tiña tabús, e nas letras de Albini falábase abertamente de temas como o asasinato, a violación, o abuso sexual a menores, o racismo ou a misoxinia. Tamén tiveron uns principios moi firmes, fuxindo da industria da música comercial e mantendo un control completo sobre todos os aspectos da súa carreira. Big Black organizou as súas xiras, pagou as gravacións e rexeitou asinar contratos, evitando moitos dos símbolos corporativos das bandas de rock. Este feito tivo un impacto moi significativo na evolución estética e política da música rock independente.

Ademais dos dous álbums de estudio, Big Black editou dous álbums en directo, dous recompilatorios, catro EPs e cinco sinxelos, todos eles a través de selos independentes. A meirande parte do catálogo da banda mantívose impresa a través da discográfica Touch and Go Records durante anos tras a súa separación.

Historia

Formación e Lungs Big Black foi fundada por Steve Albini en 1981 durante o seu segundo ano universitario na Northwestern University. Albini fixérase fan do punk rock nos seus anos de instituto en Missoula, Montana, e aprendeu el só a tocar o baixo no outono de 1979, o seu derradeiro ano, mentres se recuperaba dun accidente de tráfico onde rompera unha perna.Azerrad, pp. 313-314 No ano seguinte mudouse a Evanston, Illinois para estudar xornalismo e belas artes na Northwestern, e alí mergullouse na incipiente escena punk de Chicago, converténdose nun devoto fan da banda Naked Raygun. Tamén foi DJ da emisora do campus, da que foi despedido varias veces por poñer música alta e abrasiva na franxa horaria da mañá e por non completar os rexistros requiridos.Azerrad, pp. 314-315 Tamén escribiu unha controvertida columna titulada "Tired of Ugly Fat?" sobre a escena local no fanzine de Chicago Matter, polarizando aos lectores que ben o odiaban ou o respectaban.

Albini comezou a tocar en bandas universitaria, incluído nun grupo "arty new wave" de curta vida chamado Stations, que contaba cunha caixa de ritmos. Vendo a vantaxe dunha máquina que podía tocar incriblemente rápido sen cansarse, que sempre mantiña un ritmo estable, e que seguía as ordes exactamente, mercou unha caixa de ritmos Roland TR-606 e comezou a compoñer o que serían as primeiras cancións de Big Black.Azerrad, p. 315 Porén, era incapaz de atopar outros músicos que puidesen tocar as cancións como el quería, así que na primavera de 1981 mercou unha guitarra, pediu prestado un gravador de catro pistas a un amigo a cambio dunha caixa de cervexas, e pasou as súas vacacións de primavera gravando o EP Lungs no seu salón, encargándose el mesmo da guitarra, do baixo, das voces e da programación da Roland TR-606 como son de batería.Azerrad, p. 316 Influenciado por bandas como Cabaret Voltaire, Killing Joke, e The Cure, o EP foi descrito polo escritor Michael Azerrad como "frío, escuro, e decididamente inescoitable", coas letras describindo maltratadores de nenos e outros temas controvertidos. Posteriormente Albini considerouno como un dos seus poucos arrepentimentos artísticos. miniatura|250x250px|Caixa de ritmos Roland TR-606 como a usada por Big Black Albini bautizou ao seu novo proxecto musical Big Black, dicindo que o nome era "só unha especie de redución do concepto dunha figura grande, aterradora e ominosa. Todas as imaxes históricas de medo e todas as cousas ás que os nenos teñen medo son grandes e negras, basicamente". Albini usou a cinta de Lungs para intentar conseguir outros músicos para o proxecto, recrutando brevemente ao guitarrista de Minor Threat Lyle Preslar, que tamén estudaba na Northwestern, pero resultaron ser músicos incompatibles. Albini pasoulle Lungs a John Babbin, do pequeno selo local Ruthless Records, que editou 1 500 copias do EP en decembro de 1982 con obxectos aleatorios como billetes de dólar, preservativos usados, fotografías de Bruce Lee, e anacos de papel ensanguentados nos insertos.Azerrad, pp. 316-317

Formación completa e Bulldozer A principios de 1983 Albini coñeceu ao cantante de Naked Raygun Jeff Pezzati a través de amigos comúns e convenceuno para tocar o baixo con Big Black. Pezzati recordou que Albini "sabía moito, xa dende o principio, sobre como lanzar un disco e correr a voz de que tiñas un disco", e que "aproveitou a oportunidade de que unha banda tocara as súas cousas".Azerrad, p. 317 Os dous ensaiaban no soto de Pezzati, e un día o guitarrista de Naked Raygun Santiago Durango baixou e pediu tocar con eles.Azerrad, pp. 317-318 O trío encaixou perfectamente e a habilidade de Durango para reelaborar arranxos e axustar sons axudou a refinar as ideas de cancións de Albini. Segundo este último, "acabou sendo absolutamente crucial para Big Black".

Albini "enganou" ao pequeno selo local Fever Records para que financiase o seguinte EP de Big Black EP, traendo ao batería Pat Byrne de Urge Overkill para que tocase nas sesións como acompañamento da caixa de ritmos, que bautizaron como "Roland" para os créditos do disco.Azerrad, pp. 318-319 Albini conseguiu un característico son metálico coa súa guitarra usando púas de metal adentadas, creando o efecto de dúas púas pulsando as cordas á vez.Azerrad, p. 319 O EP Bulldozer gravouse co enxeñeiro Iain Burgess e lanzouse en decembro de 1983, coas primeiras 200 copias embaladas nunha funda de chapa galvanizada en homenaxe ao Metal Box de Public Image Ltd.Azerrad, pp. 318-321 Moitas das letras do EP representaban escenarios sacados da educación de Albini no medio oeste, como "Cables", que describía o sacrificio de vacas nun matadoiro de Montana, e "Pigeon Kill", sobre un pobo na Indiana rural que se enfrontaba a unha superpoboación de pombas alimentándoas con millo envelenado.Azerrad, pp. 320-321

Xira e contrato discográfico miniatura|250x250px|Jeff Pezzati e Santiago Durango con Big Black Mesmo con Bulldozer publicado, Big Black non conseguía xuntar a moita xente nos seus concertos no seu Chicago nativo.Azerrad, p. 322 A banda comezou a aventurarse fóra de Illinois para facer concertos en Madison, Minneapolis, Detroit e Muncie, movéndose eles e o seu equipo nun coche estreito e durmindo no chan das casas doutros.Azerrad, pp. 321-322 Albini encargábase de gran parte da loxística do grupo, montando ensaios, reservando tempo de estudio, e pechando xiras. Coa súa reputación medrando grazas a pequenas xiras, Albini foi capaz de conseguir unha serie de actuacións na costa leste, incluíndo concertos en Washington, D.C., Boston e Nova York, seguidos por unha xira por Europa onde foron aclamados pola prensa británica. Ao mesmo tempo Big Black foi gañando popularidade na súa cidade, pero sentíanse amargados porque os mesmos veciños que os desprezaran poucos meses antes estaban de súpeto interesados ​​agora que tiñan unha reputación fóra da cidade, e a banda realmente negouse a tocar en Chicago durante algún tempo.

Parte da pouca popularidade local de Big Black debíase á hostilidade que Albini habitualmente mostraba cara a escena rock de Chicago: en 1985 o Metro Chicago era o único club na cidade que estaba organizando concertos de punk rock e era o suficientemente grande para acomodar a Big Black, pero despois de actuar alí, Albini criticou o local nunha entrevista e prohibíronlle entrar permanentemente. O problema estaba agravado polo son agresivo e ruidoso da banda e as letras hostís de Albini, que puxo a proba a tolerancia do seu público liberal branco satirizando sen piedade o racismo, o sexismo, o chauvinismo, e os estereotipos de homosexualidade, usando ás veces termos pexorativos como "darkie" e "fag" para aclarar as cousas; isto fixo que algúns oíntes consideráseno un fanático.Azerrad, pp. 324-326

Buscando unha mellor distribución dos seus discos, Big Black negociou un trato con Homestead Records.Azerrad, pp. 326-327 Gerard Cosloy, que se fixera amigo de Albini escribindo para Matter e comezara a traballar en Homestead, negociou un trato pouco ortodoxo coa banda: Big Black só concedeu a licenza das súas gravacións a Homestead durante períodos de tempo específicos, en lugar de que o selo conservase os dereitos das gravacións como era habitual. Ademais, a banda non recibiu pagos anticipados, pagou as súas propias gravacións e non asinou contratos. Durango despois remarcou que "víñamos dunha perspectiva punk. Non queríamos deixarnos atrapar nunha cultura corporativa na que basicamente estás asinando un contrato porque non confías na outra persoa para cumprir a súa palabra. Tiñamos ideais, e ese era un dos nosos ideais".Azerrad, p. 327 Os membros da banda pensaron que se unha discográfica os ía enganar, poderían facelo con ou sen contrato porque a banda non podía permitirse o luxo de defenderse.

Albini cría que Big Black non tiña nada que gañar adoptando as trampas corporativas habituais das bandas de rock: "se non usas contratos, non tes contratos dos que preocuparte. Se non tes un rider de xira, non tes rider de xira polo que discutir. Se non tes un axente de reservas, non tes un axente de reservas co que debater". O manexo das reserva da xira, do transporte do equipo, e da montaxe e desmontaxe nos concertos tamén significaba que a banda non tiña que contratar un axente de reservas ou un equipo de xira co que tivese que compartir os beneficios.Azerrad, p. 328 A falta dun batería tamén significaba un membro menos co que repartir beneficios, e xa que non había batería o grupo non necesitaba alugar unha furgoneta para transportar o equipamento. Así, Big Black foi capaz de gañar cartos en case todas as súas xiras. En 1984 o grupo iniciou unha xira polos Estados Unidos para prepararse para o seu seguinte EP con Homestead, utilizando a rede unida de bandas de rock independente para coñecer cidades e lugares onde tocar.

Racer-X e Atomizer A finais de 1984, tras a gravación do EP Racer-X, Pezzati deixou amigablemente a banda debido ao aumento das esixencias, a necesidade de tempo para dedicarlle á súa prometida, e ao aumento de popularidade e maior axenda de Naked Raygun, da que aínda era membro.Azerrad, pp. 328-330 Durango, mentres tanto, optou por deixar Naked Raygun para dedicarse a tempo completo a Big Black. Pezzati foi substituído por Dave Riley, que se uniu a Big Black a semana do lanzamento de Racer-X en abril de 1985. Riley mudárase a Chicago en 1982 dende Detroit, onde traballara nun estudio onde os artistas funk George Clinton e Sly Stone gravaran (aparece acreditado como enxeñeiro de gravación no de Trombipulation Parliament e no The Electric Spanking of War Babies de Funkadelic). En Chicago uniuse a unha banda chamada Savage Beliefs, e o seu estilo á hora de tocar impresionou a Albini e Durango, que o invitaron a unirse a Big Black mentres gravaban as cancións que formarían o primeiro álbum do grupo.