Belluno é unha provincia italiana da rexión do Véneto. Limita polo norte con Austria (Tirol e Carintia), polo leste con Friúl-Venecia Xulia (provincia de Udine e provincia de Pordenone), polo sur coa provincia de Treviso e coa provincia de Vicenza, e polo oeste con Trentino-Tirol do Sur (provincia de Trento e a provincia de Bolzano).

Xeografía A provincia, extensa, e case enteiramente montañosa, abarca as rexións xeográficas do Cadore, do Feltrino, do Alpago, do Val di Zoldo e do Agordino.

A sección oriental da cadea montañosa dos Dolomitas ocupa gran parte da provincia, con importantes cumios coma o Tofane, as Tre Cime di Lavaredo, o Monte Pelmo, o Monte Civetta, o monte da Marmolada e o da Pale di San Martino (estes dous últimos nos límites co Trentino).

A provincia é rica en recursos hídricos. O maior río é o Piave, cos afluentes Boite e Cordevole.

Na parte meridional da provincia esténdese un territorio maioritariamente chan, a Valbelluna, sobre o que se perfilan os Prealpes vénetos (grupo do Schiara, monti del Sole, macizo de Grappa) e se acha o Parque Nacional dos Dolomitas Belluneses.

Os centros principais da provincia (á parte da capital, Belluno) son Feltre, Cortina d'Ampezzo, Agordo, Pieve di Cadore, Mel e Sedico.

Economía Durante un tempo, a economía do territorio baseábase nos pastos e nunha rudimentaria agricultura de montaña. Agora a agricultura é pouco significativa, limitada a cultivos menores, como o cultivo de fabas no altiplano de Lamon.

Posúe un dos distritos industriais máis importantes do nordeste, en particular nas zonas do Agordino e de Cadore. En Agordo ten a súa sede Luxottica, unha das industrias italianas de óptica máis activas a nivel internacional. En Longarone está presente un establecemento de Safilo.

Un dos sectores importantes da economía é o turismo: a provincia de Belluno ten numerosas estacións de esquí, entre as que destacan Cortina d'Ampezzo, Alleghe, Auronzo di Cadore, Falcade, Arabba, Sappada, Alpe del Nevegal e en xeral as zonas do Cadore e do Agordino.

Minorías lingüísticas Na provincia están presentes algunhas minorías lingüísticas, tuteladas no estatuto provincial: a minoría ladina localizada nos tres concellos de Colle Santa Lucia/Col, Livinallongo del Col di Lana/Fodom e Cortina d'Ampezzo/Anpezo; a minoría xermanófona dos municipios de Sappada/Plodn, Farra d'Alpago e Tambre.

Véxase tamén Ligazóns externas Cultura, historia e xeografía, eventos e turismo en Belluno Información turística sobre a provincia de Belluno Os ladinos da provincia de Belluno

Belluno Belluno