miniatura|«Uma», casa comunal tradicional do pobo mentawai, Indonesia. miniatura Unha casa (do latín casa) é unha construción destinada a vivenda, construída a fin de ser habitada polos seres humanos, polo xeral por unha unidade familiar e/ou por un grupo de persoas vencelladas por vínculos de convivencia. A casa, formada polo teito e as paredes que pechan un recinto, serve para refuxiarse da choiva, o vento, o frío e a calor ou outras inclemencias meteorolóxicas así como de posibles intrusos humanos ou animais. Unha vivenda unifamiliar, que pode ser illada ou apegada a outras casas similares compartindo as paredes medianeiras ou formando fileiras máis ou menos longas nas rúas da maior parte das cidades e pobos. Pode organizarse nunha ou varias plantas: normalmente non superando as tres alturas. Pode tamén dispoñer dun rocho ou un semirocho, e dunha cuberta superior transitable, denominada azotea. Se dispón de terreo suficiente, pode contar tamén con patio e xardín. Algunhas poden ter terraza.

É o lugar no que historicamente se desenvolveron as actividades e relacións específicas da vida social ou familiar, desde o nacemento á morte de moitos dos seus compoñentes. Ademais é o lugar onde almacenar os aparellos e propiedades dos seus habitantes.

O paradigma máis estendido da casa urbana actual, corresponde á tipoloxía de casas apegadas que proliferan nas novas promocións inmobiliarias. Componse de dous ambientes: o de día, coa sala de estar como espazo ou habitación principal a cal, habitualmente fai as funcións de comedor constituíndo unha peza polifuncional chamada comedor-estar, onde se reúnen e fan varias actividades os diferentes membros da familia. O ámbito nocturno, ou de descanso fórmano as diferentes habitacións, a principal é a dos xefes de familia e as outras son as dos fillos, que poden compartir con outros inquilinos da casa como algún avó ou outros parentes ou amigos. Este paradigma ideal que forma a casa urbana de entre 70 a 100 metros cadrados de superficie co comedor-estar, cociña e dúas, tres ou ata catro dormitorios, un baño e outro baño pequeno (chamado lavabo ou aseo) etc., nunha casa apegada ou, con maior frecuencia, nun piso dentro dun edificio plurifamiliar atopámolo na base do urbanismo actual, como un índice estatístico fundamental para a planificación do crecemento urbano.

A casa ou a vivenda familiar é o principal produto e, xa que logo, a base da industria da construción e de todo o sector económico derivado que vai desde as fábricas de materiais de construción ata as axencias inmobiliarias ou as tendas de utensilios.

Pero por encima de todo, a casa é o lugar da vida familiar, consecuentemente, na súa organización espacial e no seu deseño reflicte as formas de vida e de organización social. A casa aglutina o conxunto de significado e significantes máis amplo da vida privada. É neste sentido que moitos autores (ver bibliografía) ven a casa como o resultado histórico dun proceso cultural, o reflexo dunha sociedade determinada, por exemplo, a Uma que ilustra este artigo, é a casa comunal tradicional do pobo mentawai de Indonesia e reflicte un esquema organizativo local propio dunha cultura moi diferente da nosa, a casa xaponesa, o Yurt dos pobos siberianos, o Tippi dos indios das pradeiras dos Estados Unidos etc., reflicten as correspondentes culturas, con matices e diferenzas ata a nivel rexional.

Tamén se denomina casa a algúns edificios destinados a servizos comunitarios, como a casa consistorial, a casa de beneficencia, a casa de empeños, a casa de maternidade, a casa de socorro; as sedes institucionais principais, como a Casa Branca ou a Casa Rosada, ou ata ás de mala reputación, como as casas de camas, casas de citas etc.

En contraposición á casa, adóitase denominar piso (apartamento ou departamento) á vivenda unifamiliar que forma parte dunha edificación maior, normalmente de varias alturas.

Simboloxía da casa A casa asóciase ao fogar, a un lugar seguro, polo que pode aparecer como logotipo ou emblema de marcas comerciais que busquen transmitir valores como proximidade ou confianza. Dado que é un elemento coñecido polos nenos, úsase a miúdo como un test en psicoloxía: segundo como debuxen unha casa típica (presenza de figuras, tamaño dos elementos, fiestra, cheminea...) pódense deducir determinadas características da súa personalidade e detectar problemas. Neste sentido funciona igual que outro test de debuxo convencional, como o da árbore. Cabe dicir que as casas que se debuxan teñen sempre teito a dúas augas, independentemente de onde viva o neno, por convención.

Historia da casa Pouco se sabe sobre a orixe máis antiga da casa e da súa estrutura interior, con todo, remóntase á forma máis simple de refuxios. As teorías do arquitecto romano Vitruvio reivindicaron a primeira forma de arquitectura como un armazón de ramas de árbores rematadas con barro, tamén coñecido como choza primitiva.Hill, Jonathan, “Immaterial Architecture”, Nova York: Routledge, 2006. A historia e evolución da casa marcha da man da historia das cidades. Non é homoxénea, nin a calidade dos edificios é ascendente para todos os habitantes, pois en todas as épocas coexisten magníficos exemplos de excelentes casas que contrastan coa inxente proliferación de miserables habitáculos.

Precedentes As chozas dos cazadores, precedente das primeiras casas, simples refuxios temporais de ramas e arbustos, foron construídas polos nosos antepasados, polo menos, fai 300.000 anos. Atopáronse restos de tendas de cazadores construídas con peles e ósos de mamut, de c. 35 a 10.000 a. C. Os campamentos de inverno en madeira para grandes grupos familiares de cazadores nómades europeos dátanse c. 12.000 a. C. miniatura|220px|dereita|Maqueta dunha cabana neolítica. Cultura de Cucuteni .

As primeiras casas: 6000 a.C.

Xorden as primeiras poboacións coñecidas c. 6000 a. C., nas fértiles marxes dos grandes ríos de Oriente Medio, vinculadas a actividades agrícolas. Nas rexións mediterráneas c. 5500 a. C. constrúense casas de adobe xunto aos campos de cultivo.

miniatura|220px|dereita|Caseta de marfil atopada en Abu Roash, da época do rei Den (Primeira Dinastía de Exipto c. 3000 a.C.). Museo do Louvre

Casas rurais: 3000 a.C. No Antigo Exipto os seus habitantes edifican vivendas, c. 3000 a. C., que gardan xa moita semellanza coas casas rurales de séculos posteriores, con muros de adobe e teitos de madeira de palma. Hai palafitas (casas sobre piares) no medio de lagos, en diversas partes de Centroamérica. Palacios e casas con patio: 2000 a. C. No val do Indo, cidades como Mohenjo-Daro, Kalibangan e Harappa, posúen grandes casas con patio (c. 1800 a. C.). O palacio do rei Minos data do 1700 a. C.

No Antigo Exipto os cidadáns ricos edificaron palacetes. Na nova cidade de Amarna construíronse casas cun patio central.

Cara ao ano 1300 a. C. xurdiu a cultura olmeca. Os olmecas de Centroamérica construían casas de barro, das cales apenas quedan vestixios.

Casas circulares: 1000 a.C.

Os celtas do norte de Europa constrúen, c. 500 a.C., casas circulares de pedra, co teito de palla. Nas cidades estado gregas edifícanse casas con patio, c. 400 a.C. Estímase que Alexandría no ano 200 a.C. tería uns 300.000 habitantes.

Grecia En Grecia, as casas eran nun principio, de madeira e logo de ladrillos ou pedra, pero sempre moi pequenas e modestas; as casas estaban divididas en dúas partes:

unha para os homes que ocupaba o piso baixo: andronitis. outra para as mulleres que ocupaba o piso alto ou ben a parte posterior do baixo: gineceo.Diccionario enciclopédico popular ilustrado Salvat (1906-1914)

Roma: casas de campo e bloques de pisos No primeiro século da era cristiá, nas grandes cidades romanas construíanse bloques enteiras de edificios de vivendas, denominados ínsulas, e nos arredores "casas de campo", ou "quintas".

En Roma, a fachada dos edificios multifamiliares estaba ocupada por unha tenda ou pola loxa do escravo porteiro. O vestíbulo conducía ao atrio, vasta peza cadrada, cunha abertura no centro pola cal as augas pluviais caían nun pio. Estaba rodeada polas dependencias e servía para recibir aos forasteiros. Un remanente deste atrio é o patio andaluz. Desde alí, por unha galería (tablinum) e por dous corredores (fauces) ingresábase ao perístilo disposto como o atrio e desde o cal tíñase acceso aos cuartos (cubicula) destinados á familia. No piso alto, atopábanse os cuartos para a servidume (cenáculo).

Estímase que Roma no ano 100 a.C., tería uns 450.000 habitantes.

Idade Media: pedra, adobe e madeira Na Idade Media, dependendo dos materiais de construción da rexión, as casas dos campesiños eran de adobe, pedra ou madeira e consistían dunha estancia ou habitación ampla, con cuberta de palla e cun fogar ou fogón como centro da vivenda. Era a vivenda de toda a familia e utilizábase como celeiro, e habitualmente tamén era corte. Ata o século XIII non se creou un espazo separado para os humanos e os animais no interior das casas. A mesa era o obxecto esencial do mobiliario onde toda a familia acomodábase, sentada en bancos, ao seu ao redor. Había estantes para depositar os escasos obxectos que posuían e ganchos de madeira para colgar os vestidos. Non había camas, durmíase no chan, habitualmente sobre palla, ou en xergóns recheos de palla. Con todo, ao redor do ano 700 d C, por diversos motivos, defensivos ou climáticos, moitos habitantes vivían en covas escavadas como nas comunidades do leste de Asia Central (aínda perduran), na China etc.

Mentres que no ano 800 d C, os palacios de pedra, como os maias, con casas de adobe para o pobo, ou de madeira (entre os viquingos) indicaban o status, o clima ou os medios. En Europa, no século XIII, os novos ricos (comerciantes, banqueiros e nobres adiñeirados) construíron magníficas casas de pedra, mentres que o pobo continuou usando as chozas con paredes de madeira revestidas de barro e cubertas de palla.

miniatura|220px|Unha casa do século XVIII, Theux Bélxica.

Idade Moderna: O ladrillo A partir do século XVI xeneralízase o uso de ladrillos de barro cocido para edificar casas no norte de Europa. Xorden as primeiras mansións señoriais europeas. No século XVIII, en moitas cidades europeas e americanas, erixense edificios de estilos "elegantes" para a nova burguesía. miniatura|220px|dereita|A Red House en Bexleyheath, Kent O século XIX: infravivendas e chalés A principios do século XIX as cidades están colmadas de traballadores que emigran do campo para buscar traballo nas fábricas. Habitan nos "barrios baixos", hacinados, en condicións insalubres, a maioría na total miseria. A finais do século XIX xorden os primeiros barrios residenciais, os bloques de vivendas de estilo ecléctico, os chalés e as cidades xardín para a burguesía. Algúns historiadores consideran a Red House de Philip Webb (1859) o primeiro deseño de "casa moderna".

Século XX Durante o século XX a vivenda nas cidades densificase, e o número de casas decrece mentres aumenta o número de pisos ou vivendas en altura (rañaceos). As casas unifamiliares sitúanse nos barrios máis podentes na periferia das cidades. Tamén son frecuentes como segunda vivenda, para vacacións ou fins de semana e os conceptos de decoración externa e interna toman relevancia.

Elementos dunha casa Desde un punto de vista construtivo as casas están constituídas polos seguintes elementos:

Estrutura A estrutura é a armazón resistente que soporta o edificio e o fixa ao terreo. Pode estar feita de adobe, ladrillo, pedra, madeira, aceiro ou formigón armado, aínda que moi excepcionalmente poden empregarse outros materiais. A estrutura consta de "cimentación" e "estrutura portante":