Agustín Raimundo Rodríguez Santiago, nado en Marín o 10 de setembro de 1959, é un exfutbolista galego. Xogaba de porteiro e pasou a maior parte da súa carreira no Real Madrid, co que gañou seis ligas, dúas Copas do Rei, dúas Supercopas e dúas Copas da UEFA. Na tempada 1982/83 gañou o trofeo Zamora como porteiro menos goleado da Primeira División. Xogous os seus últimos anos como profesional no Tenerife.

Foi internacional coas categorías inferiores da selección española e participou nos Xogos Olímpicos de 1980 en Moscova.

Traxectoria Naceu en Marín, pois seu pai traballaba na Escola Naval Militar, pero ao pouco de nacer mudáronse a Vigo. Seguiu os pasos no fútbol de seu tío Pereira e comezou a xogar de porteiro. Formouse nas categorías inferiores do Real Madrid e pasou ao primeiro equipo na tempada 80-81, estreándose na primeira división o día 4 de abril de 1981 contra a UD Salamanca por mor dunha lesión de Mariano García Remón, o porteiro titular do equipo.

Entre 1981 e 1983 xogou con regularidade, conseguindo o trofeo Zamora na tempada 82-83 ao encaixar 25 goles en 29 partidos. A pesar dese bo comezo perdeu a titularidade ante a competencia de Miguel Ángel, Ochotorena e Francisco Buyo. Volvería recuperar o posto de titular na segunda metade da tempada 85-86 debido á lesión de Ochotorena, chegando a xogar dous partidos da Copa da UEFA, un deles o da final contra o 1. FC Köln, no que o Real Madrid gañou 5-3.

Agustín deixou o equipo ao remate da tempada 89-90 e fichou co CD Tenerife. Durante os seus catro anos no mesmo o equipo clasificaríase por ver primeira para unha competición europea (a Copa da UEFA).

Retirouse no ano 1994 despois de xogar 131 partidos en primeira división, e tras o seu retiro foi adestrador de porteiros durante un breve período de tempo no CD Tenerife.

Participou coa selección española nos Xogos Olímpicos de 1980 en Moscova. Foi un dos dous gardametas do combinado español, xunto a Paco Buyo, e disputou o partido contra Siria no Estadio Dinamo de Minsk (1-1).

Vida persoal

É sobriño dos tamén porteiros Sansón e Pereira, quen destacou entre outros no Pontevedra e no Valencia.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Entrevista a Agustín en tenerifeadelante.com

Categoría:Nados en 1959 Categoría:Nados en Marín Categoría:Futbolistas de Marín Categoría:Gardametas de fútbol Categoría:Xogadores do Real Madrid Castilla Categoría:Xogadores do Real Madrid CF Categoría:Xogadores do CD Tenerife Categoría:Futbolistas olímpicos de Galicia Categoría:Futbolistas nos Xogos Olímpicos de 1980 Categoría:Gañadores do Trofeo Zamora Categoría:Xogadores da selección de fútbol de España sub-19 Categoría:Xogadores da selección de fútbol de España sub-21