Franck Steve Songo'o, nado en Yaoundé o 14 de maio de 1987, é un exfutbolista camerunés. Xogaba de centrocampista e dianteiro e desenvolveu a súa carreira principalmente en España e Inglaterra. Foi internacional coa selección do Camerún.
É fillo do ex-porteiro Jacques Songo'o e irmán do centrocampista Yann Songo'o.
Traxectoria
Comezos Fillo do gardameta camerunés Jacques Songo'o, naceu en Yaoundé, trasladándose a curta idade a Europa, tralo salto de seu pai ao fútbol francés. Comezou a xogar nas categorías inferiores do Metz, club no que militou seu pai entre 1993 e 1996, e trala fichaxe deste polo Deportivo da Coruña, a familia instalouse en Galicia.
Ao pouco de chegar á Coruña, e por mediación de José Ángel Franganillo, Franck comezou a xogar de dianteiro no equipo dos Salesianos, dependente do Orillamar SD. Xogou máis tarde no propio Orillamar e formou parte da selección coruñesa de fútbol 7. En xuño de 1999 participou no Torneo de Brunete representando ao Deportivo da Coruña, que daquela aínda non tiña equipo alevín, e realizoun unha destacada actuación. En 2001 entrou na canteira do FC Barcelona, despois de rexeitar unha oferta do Real Madrid.
Portsmouth Despois de catro anos en Barcelona, e de debutar en Terceira División co FC Barcelona C, no verán de 2005 fichou polo Portsmouth inglés, co que debutou na Premier League da man do adestrador Alain Perrin o 24 de setembro fronte ao Bolton Wanderers. Ao non contar apenas con minutos, en 2006 saíu cedido ao Bournemouth, da Football League One (terceira división do fútbol inglés), e a continuación foi cedido a tres equipos da Football League Championship: o Preston North End, o Crystal Palace e o Sheffield Wednesday. O 13 de xaneiro de 2008 xogou o seu terceiro e derradeiro partido na Premier, nunha derrota por 2-0 contra o Sunderland.
Real Zaragoza En agosto de 2008 fichou polo Real Zaragoza, co que disputou 26 partidos esa tempada, a maioría entrando dende o banco, e anotou un gol fronte ao Las Palmas. O equipo, adestrado por Marcelino García, logrou ese ano o ascenso á Primeira División. Debutou na máxima categoría na xornada 3 da tempada 2009/10, contra o Valladolid na Romareda, pero a falta de minutos fixo que fose cedido no mercado invernal á Real Sociedad, que estaba líder da Segunda División. Disputou oito encontros co equipo vasco, adestrado por Martín Lasarte, e acabou proclamándose campión da categoría.
Últimos anos como profesional Na tempada 2010/11 fichou polo Albacete, co que xogou só seis partidos e descendeu á Segunda División B. Deixou o equipo tralo descenso e despois dun tempo adestrándose co Montañeros da Coruña, realizou unha proba co Portland Timbers da MLS, co que asinou finalmente un contrato. Xogou un ano no equipo estadounidense, disputando 27 encontros, marcando un gol e repartindo cinco asistencias.
Despois dun breve paso polo Glyfada, da segunda división grega, fichou en decembro de 2013 polo PAS Giannina, da Superliga de Grecia, onde pouco despois puxo fin á súa carreira como futbolista profesional. Fóra do fútbol dirixiu na Coruña negocios postos en marcha por seu pai.
Selección nacional Foi internacional coa selección francesa sub-19 e en 2008 pediu á FIFA un cambio de selección, para poder representar ao Camerún nos Xogos Olímpicos de 2008. A solicitude foi aceptada e Songo'o participou na cita olímpica, tendo como compañeiros entre outros a Mbia, Song e Nkoulou. Disputou os catro partidos do seu equipo, que caeu eliminado en oitavos de final contra o Brasil, grazas a dous goles na prórroga de Sóbis e Marcelo.
Debutou coa selección absoluta do Camerún en setembro de 2008, nun partido de clasificación para o Mundial de 2010 contra Cabo Verde, e sumou un total de tres internacionalidades.
Palmarés Real Sociedad
Segunda división española (1): 2009/10.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en news.bbc.co.uk Datos do xogador en BDFutbol .
Categoría:Nados en Yaoundé Categoría:Nados en 1987 Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Futbolistas olímpicos do Camerún Categoría:Xogadores do FC Barcelona C Categoría:Xogadores do Portsmouth FC Categoría:Xogadores do AFC Bournemouth Categoría:Xogadores do Preston North End FC Categoría:Xogadores do Crystal Palace FC Categoría:Xogadores do Sheffield Wednesday FC Categoría:Xogadores do Real Zaragoza Categoría:Xogadores da Real Sociedad Categoría:Xogadores do Albacete Balompié Categoría:Xogadores do PAS Giannina FC Categoría:Futbolistas nos Xogos Olímpicos de 2008 Categoría:Xogadores da selección de fútbol do Camerún