A facultade de Belas Artes de Pontevedra é un centro universitario situado no campus de Pontevedra, no centro da cidade. A facultade fundouse en 1990 en Pontevedra e ten a súa sede no antigo cuartel de San Fernando, un edificio neoclásico de principios do século XX. É a única Facultade de Belas Artes de Galicia e do noroeste de España e pertence á Universidade de Vigo.
Historia Nos anos 80 do século XX diversos docentes de debuxo capitaneados polo profesor José Roselló Valle xunto con políticos da época, como o entón responsable de Cultura na Deputación de Pontevedra, Adriano Marques, loitaron e fixeron múltiples trámites e xestións para que a cidade tivese unha Facultade de Belas Artes no proxecto de creación da futura universidade que nesa época denominábase Universidade Galicia Sur.
A Facultade de Belas Artes de Pontevedra foi creada en 1990 polo decreto 416/1990, do 31 de xullo da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, no seu artigo 14. O primeiro plan de estudos foi aprobado o 9 de xullo de 1990 e adoptouse o plan estudos da Universidade de Salamanca publicado para o primeiro e segundo ciclo da carreira nos BOE do 20 de xullo de 1983 e do 17 de marzo de 1987.
Nos catro primeiros anos a facultade de Belas Artes estivo instalada provisionalmente no antigo fogar provincial na rúa Serra, con certa precariedade en canto a medios materiais e espazo.
O 15 de decembro de 1994 a facultade trasladouse á sede actual, o edificio do antigo Cuartel de San Fernando, no centro da cidade, logo dun proxecto de adquisición e reforma do edificio: diversas consellerías da Xunta de Galicia, o concello de Pontevedra e a Universidade puxeron o diñeiro para a compra do edificio e a Deputación de Pontevedra financiou as obras de reforma. Segundo o alcalde da época, Javier Cobián, o proxecto total supuxo 2000 millóns de pesetas.
Desde os inicios, houbo unha grande interactuación entre o alumnado da facultade e a cidade de Pontevedra, coa realización de instalacións, performances e obras polas rúas.
Titulacións miniatura|dereita|200px|Patio interior. A facultade imparte o grao en Belas Artes.
Como estudos de posgrao acolle na actualidade o seguinte máster: Mestrado en Deseño e Dirección Creativa en Moda.
Ademais o centro ofrece o Doutoramento en Creación e Investigación en Arte Contemporánea.
Instalacións O grande edificio da facultade é o antigo cuartel neoclásico de San Fernando, obra do arquitecto Bonifacio Menéndez Conde, construído entre 1906 e 1909 e reformado en 1994 polo arquitecto César Portela Fernández-Jardón para converterse en sede da facultade e albergar os estudos de Belas Artes.
A facultade dispón da sala X, situada á entrada do edificio, onde se adoitan celebrar exposicións e eventos.
A Biblioteca de Belas Artes ten 55 títulos de publicacións periódicas, 9.600 volumes e 108 postos de lectura.
Nos obradoiros multiúsos, dotados de ferramenta de man e maquinaria específicas, lévanse a cabo os talleres de metal, madeira, cerámica, plástico e outros materiais. Outros laboratorios do centro son o de audiovisuais (con quince postos con equipamentos de edición dixital), informática (vinte equipos con equipamentos informáticos para edición de imaxe dixital, 3D, deseño de páxinas web e tratamento fotográfico dixital), técnicas gráficas (instalacións para gravado calcográfico) e fotografía.
Equipo decanal A decana é Silvia García González, sendo Susana Cendán Caaveiro a vicedecana de organización académica.
Cultura O patrón da facultade é santo Ero e a facultade celebra a súa festividade no mes de maio.
Alumnos que estudaron na facultade Kiko da Silva Alberto Gracia Carme Nogueira María Ruido
Galería
Notas
Véxase tamén
Outros artigos Cuartel de San Fernando de Pontevedra Facultade de Deseño de Pontevedra Facultade de Dirección e Xestión Pública de Pontevedra Facultade de Comunicación de Pontevedra
Ligazóns externas Páxina web da facultade
Categoría:Facultades en Pontevedra Categoría:Belas artes Categoría:Escolas de arte