Santiago Rey Fernández-Latorre, nado na Coruña o 31 de agosto de 1938 e finado no hospital San Rafael (Oza, A Coruña) o 28 de agosto de 2024, foi un empresario galego, propietario e presidente da Corporación Voz de Galicia, propietaria á súa vez do xornal La Voz de Galicia, que é o primeiro grupo de comunicación na comunidade autónoma de Galicia.
Traxectoria
Carreira empresarial Foi fillo de Emilio Rey Romero e de María Victoria Fernández-Latorre. Licenciouse en Dereito, e en 1961 entra a traballar en La Voz de Galicia, a empresa familiar que fundara o seu avó Juan Fernández Latorre en 1882. En 1963 converteuse no seu xerente, ascendeu logo a conselleiro delegado, en 1987 a vicepresidente e posteriormente, en 1988, foi nomeado presidente, logo do falecemento do seu irmán Emilio Rey Fernández-Latorre.García González, A.: Historia de la empresa La Voz de Galicia. Libros en red, 2009. En 1992 controlaba o paquete de accións maioritario da empresa, o 26 %. A súa época na dirección do xornal viu marcada pola expansión, coa merca doutras cabeceiras e medios, coa construción dunha planta de impresión en Sabón, e coa despregadura dunha rede de edicións.
O negocio ademais estendeuse ao sector audiovisual Galicia en cinema, radio e televisión, coa creación da Corporación Voz de Galicia S.A. que inclúe RadioVoz (anteriormente o seu xermolo fora a creación en Galicia de Antena 3 de Radio), a Voz Audiovisual e do instituto demoscópico Sondaxe. Tamén engloba a sociedade de contidos dixitais Canal Voz, a distribuidora Disgasa, Galicia Editorial — que é a planta de impresión con maior capacidade de Galicia—, e o xornal dixital La Voz de Asturias.
En 1993 deixou a primeira fila de xestión do grupo empresarial en mans do seu fillo Emilio Rey Berguer, pero en 2001 destituíuno e recuperou o control da liña empresarial e da toma de decisións.Emilio Rey: "Mi etapa como editor aún no ha terminado", Xornal de Galicia, 11/1/2002
Tamén foi presidente do Instituto Internacional de Prensa (IPI), foi un dos fundadores e presidiu a Asociación de Editores de Diarios Españois (AEDE), creou e presidiu a axencia de noticias Colpisa. E creou Antena 3 Galicia e o grupo Cable, e foi conselleiro de Antena 3 TV e Antena 3 Radio.
Fundación Santiago Rey Ademais, no 2001, inaugurou a Fundación Santiago Rey, responsable do programa de educación ambiental Voz Natura, da convocatoria do Premio Fernández Latorre, da organización dun Mestrado Universitario en Produción Xornalística e Audiovisual (MPXA). A fundación, tamén, xestiona o Museo Santiago Rey Fernández-Latorre, creado en 1998 e sito no polígono de Sabón (Arteixo), que garda unha colección de case 5.000 publicacións periódicas e maquinaria histórica da profesión periodística.
Influencia política e económica Tivo unha enorme influencia tanto na comunidade autónoma como, en diferentes momentos, nas proximidades do goberno en Madrid; mesmo aparecendo, en ocasións, como valedor de Galicia e exercendo un papel reivindicativo.
Un exemplo foi cando, en xaneiro de 2003, durante a crise do Prestige, segundo contou o, daquela, alcalde Francisco Vázquez, cando Mariano Rajoy, ministro e voceiro do goberno de José María Aznar, chamou ao editor para intercambiar opinións sobre unha cita inminente na Coruña, e o editor lle preguntou se incluíran na orde do día a aprobación do Porto exterior da Coruña. Ao dicir Rajoy que non había nada previsto, Santiago Rey respondeulle que, entón, mellor que non viñesen. E cando Aznar, inmediatamente, anunciou a súa construción, as informacións do xornal tamén cambiaron de ton.
Foi moi belixerante contra o goberno bipartido da Xunta de Galicia de PSdeG-PSOE e BNG, entre 2005-2009, especialmente contra o vicepresidente Anxo Quintana de quen declarou: "Un enfermeiro de Allariz non pode vir mudar o marco económico de Galicia", referíndose ao concurso eólico do momento. Tamén se enfrontou a Augusto César Lendoiro, presidente do Real Club Deportivo e, o actual dono e presidente do club, Juan Carlos Escotet, é hoxe patrón da Fundación Santiago Rey.
Beneficiouse de grandes contratos co sector público, como a impresión do Diario Oficial de Galicia,La Xunta tiene que decidir ya si amplía el contrato a ‘La Voz’ para imprimir el DOG , Xornal de Galicia, 26/01/2010 así como da maior cantidade de subvencións recibida polos medios de comunicación. Tamén se beneficiou doutras subvencións oficiais como cando, en 2011, levou a cabo un investimento de 22 millóns de euros para unha nova rotativa, e recibiu do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), o 10 % na maior subvención dada ese ano polo organismo, á que sumou outros 2,6 millóns do goberno de Rajoy.
Galardóns Gran Cruz do Mérito Civil (1986) Fillo Predilecto da cidade da Coruña (2001), e da provincia e Fillo Adoptivo de Ferrol, Ortigueira, Culleredo e Muxía. Doutor honoris causa pola Universidade da Coruña (2002) Premio periodístico Diego Bernal (2002), outorgado pola Asociación de Periodistas de Galicia. Medalla de Ouro de Galicia (2005). Doutor honoris causa pola Universidade de León (2006). Medalla de ouro e brillantes da Fundación Barrié da Coruña (2007) Medalla de ouro do Colexio de Médicos da Coruña (2011) Gran Cruz da Orde de Isabel a Católica (2022)
Vida persoal Estaba casado en segundas nupcias con Salomé Fernández-San Julián Martínez.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Outros artigos La Voz de Galicia Ligazóns externas https://fundacionsantiagoreyfernandezlatorre.es/
Categoría:Empresarios de Galicia Categoría:Medalla de Ouro de Galicia Categoría:Doutores honoris causa pola Universidade da Coruña Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes Categoría:La Voz de Galicia Categoría:Nados na Coruña Categoría:Nados en 1938 Categoría:Finados en 2024