O Auditorio e Pazo de Congresos de Pontevedra ou Pazo da Cultura é un edificio que acolle congresos, exposicións, concertos, obras de teatro e espectáculos de ballet e danza en Pontevedra. Está situado na zona norte da cidade, á beira do río Lérez e á altura da ponte dos Tirantes e foi deseñado polo arquitecto Manuel de las Casas.

Historia A construción do Auditorio e Pazo de Congresos de Pontevedra planificouse a principios da década dos noventa como parte dun amplo proxecto urbanístico para o desenvolvemento da zona nordés da cidade, nos terreos desecados dunha antiga marisma.

O proxecto incluía a construción dunha ponte atirantada, a ponte dos Tirantes, para dar servizo ao auditorio e como saída da cidade cara ao norte, un recinto feiral anexo ao Auditorio fronte ao Parque Rosalía de Castro, e a urbanización das ribeiras do río Lérez e o parque da Illa das Esculturas.

O arquitecto Manuel de las Casas gañou o concurso de ideas para a construción do pazo de congresos, cuxa resolución se deu a coñecer o 2 de novembro de 1991. Realizou o proxecto en 1992. A construción do pazo de congresos comezou en 1993 e o auditorio inaugurouse en 1997, mentres que o recinto feiral inaugurouse en 1998.

O pazo inaugurouse o 20 de setembro de 1997, coa exposición A neutralidade da Orde de Manuel de las Casas e un concerto da mezzosoprano Teresa Berganza e a Real Filharmonía de Galicia dirixida por Maximino Zumalave.

Xusto despois, o 24 e 25 de setembro desenvolveuse no pazo de congresos un congreso sobre Infraestruturas, Medio Ambiente e Desenvolvemento Rexional.

Descrición Coa súa arquitectura contemporánea, o pazo comprende un complexo de edificios de 10.000 m², que inclúe unha zona de exposicións, salas de reunións, un auditorio e unha zona de restauración. É un edificio polivalente que permite utilizar todos os seus espazos ao mesmo tempo.

O aspecto máis característico do exterior do pazo son as laxas de lousa verde, o aceiro corten, o cobre e o vidro que, xunto co conxunto harmónico dos volumes do edificio, como o cubo da sala de exposicións, favorecen a súa integración na paisaxe e a vexetación da contorna. Manuel de las Casas organizou o terreo deseñando plataformas artificiais, prazas e terrazas de pedra que se asoman á ría, ao Lérez e á cidade.

O complexo componse de volumes puros cun cilindro para o Auditorio e dous prismas en diferentes plantas, que albergan unha gran sala de exposicións, o centro de congresos, un restaurante e unha cafetería. A sala de congresos e as salas de reunións atópanse no interior do prisma trapezoidal. No prisma de base cadrada, a entrada e a grande claraboia conducen á sala de exposicións no nivel inferior. Na beira do Lérez, accédese ao edificio por unha escaleira de pedra protexida por un muro de lousa verde.

O Pazo de Congresos de Pontevedra foi deseñado para acoller diferentes tipos de eventos, convencións, salóns, mostras, eventos corporativos, reunións de negocios, seminarios, simposios, conferencias, calquera que sexa o formato ou o ton que os organizadores queiran darlle. As súas vantaxes resúmense en dúas palabras: modularidade e funcionalidade.

Superficies e número de prazas O pazo de congresos ten: unha superficie neta total de 10.000 m² un auditorio principal con 772 asentos. Segundo o arquitecto Manuel de las Casas na sala de concertos ou auditorio principal buscáronse para unha adecuada sonorización as formas onduladas e mesmo caprichosas para evitar rebotes de son. un auditorio ou sala de conferencias con 276 prazas unha sala de reunións con 100 prazas unha sala de exposicións diáfana e luminosa de 1.220 m² un restaurante panorámico con vistas ao río Lérez e á ponte dos Tirantes 8 salas de seminarios unha sala de obradoiros para 40 persoas unha sala de prensa unha sala VIP unha sala de ensaios, unha sala de descanso, unha sala de vestiario e 10 camerinos un aparcadoiro público para 1300 vehículos

Eventos Ademais de concertos e espectáculos, o pazo de congresos acolle salóns e exposicións como Culturgal, a feira de actividades culturais e editoriais de Galicia,Pont Up Store, Cantos na maré, Etiqueta Negra, Edugal, Debut, etc.

Galería

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos Culturgal Recinto Feiral de Pontevedra Manuel de las Casas Teatro Principal de Pontevedra

Ligazóns externas Pazo de Congresos e Exposiciones de Pontevedra na web de Structurae Pazo de Congresos e Exposicións de Pontevedra na web Turismo de Galicia Páxina web do Pazo páxina web de Culturgal

Categoría:Pazos de congresos de Galicia Categoría:Auditorios de Galicia Categoría:Teatros de Pontevedra Categoría:Teatros de ópera de Galicia