Antonio Montserrat Carrasquer, nado en Barcelona o 9 de agosto de 1919 e finado na mesma cidade o 15 de novembro de 1988, foi un futbolista español. Xogaba de defensa.
Traxectoria Formouse no Sant Just Desvern e no Júpiter de Barcelona, e rematada a Guerra Civil foi destinado a Galicia para realizar o servizo militar. Alí foi posto a proba polo Celta de Vigo, xunto a outros futbolistas como Sansón, Cons ou O'Donell, pero finalmente non foi fichado. Uns meses despois fichou polo Compostela, co que participou na Serie B galega, proclamándose campión.
Para a tempada 1940/41 fichou polo Deportivo da Coruña, co que debutou nun derbi contra o Celta de Vigo, correspondente á Copa dos Alcaldes. O 29 de setembro estreouse na Segunda División, nunha vitoria por 1-3 contra o Sporting de Gijón no Molinón, onde formou liña defensiva xunto con Pedrito. O coruñés pasou a maior parte da tempada lesionado, polo que o seu compañeiro habitual na defensa foi Novo. Montserrat disputou 21 dos 22 encontros de liga, e participou tamén na fase de ascenso, na que o Deportivo conseguiu subir por primeira vez na súa historia á Primeira División.
Debutou na máxima categoría na primeira xornada da tempada 1941/42, nunha vitoria contra o Castellón (2–1), no vello campo de Riazor. Xogou 10 partidos, correpondentes ás 10 primeiras xornadas, ata que caeu lesionado. En marzo de 1942 deixou unilateralmente o Deportivo e regresou a Barcelona, sendo declarado "en rebeldía" polo club. Finalmente o Deportivo chegou a un acordo co FC Barcelona para que Montserrat se incorporase ao club catalán, a cambio de que estes renunciasen a recuperar a Muntané, que estaba xogando cedido na Coruña.
No Barcelona apenas contou con minutos de xogo, pois o club catalán contaba con destacados defensas como Curta, Rosalench ou Jaume Elías. Disputou só 9 partidos en dous anos, pasando na tempada 1944/45 ao Sabadell, tamén de Primeira, onde xogou seis partidos de liga. Durante os seguintes anos defendeu as camisetas do Igualada, do CD La Bisbal, do Martinenc, do CD Valls, da UE Sant Andreu e do Ripoll.
Ademais xogou dous partidos coa selección de Cataluña, en 1942 e 1944. Faleceu en Barcelona o 15 de novembro de 1988.
Palmarés Compostela
Campionato de Galicia da Serie B (1): 1939/40.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en BDFutbol . Datos do xogador en footballdatabase.eu .
Categoría:Nados en 1919 Categoría:Nados en Barcelona Categoría:Finados en 1988 Categoría:Futbolistas de Cataluña Categoría:Defensas de fútbol Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do FC Barcelona Categoría:Xogadores do CE Sabadell Categoría:Xogadores do UE Sant Andreu Categoría:Xogadores da selección de fútbol de Cataluña