Elisabeth Lasker-Schüler, con apelido de solteira Elisabeth Schüler, nada en Elberfeld, que hoxe en día forma parte de Wuppertal (Alemaña) o 11 de febreiro de 1869 e finada en Xerusalén o 22 de xaneiro de 1945, foi unha poeta alemá. É considerada unha referente da vangarda e do expresionismo na literatura alemá. Ademais de ser escritora, debuxaba no seu tempo libre.
Traxectoria Orixe e infancia A Elisabeth Schüler, coñecida como Else Schüler, naceu no seo dunha familia xudía o 11 de febreiro de 1869 en Elberfeld, que hoxe en día forma parte de Wuppertal, e creceu no barrio de Brill en Elberfeld. Era a menor dos seis fillos de Jeanette Schüler, con apelido de solteira Kissing (1828-1890), unha das figuras centrais na súa poesía. O seu pai foi Aaron Schüler (1825-1869), un banqueiro privado que máis tarde se convertería no modelo do personaxe principal do drama Die Wupper (O río Wupper). Tras a morte dos seus pais, Jeanette Kissing foi acollida pola familia do editor e político Leopold Sonnemann en Frankfurt.
O pai de Else, Aaron Schüler, e o banqueiro berlinés, Julius Israel Schüler (1827-1908), eran irmáns de Rosa Sonnemann, muller de Leopold Sonnemann. Jeanette coñeceu o seu marido Aaron Schüler grazas ao seu irmán Julius.
Else foi considerada un prodixio familiar, xa que sabía ler e escribir aos catro anos. A partir de 1880 asistiu ao colexio Lyceum West an der Aue. Logo de abandonar a escola, recibiu clases particulares na casa de seus pais.
Cando tiña 13 anos, faleceu o seu irmán predilecto, Paul. A súa nai morreu o 27 de xullo de 1890, o que para ela significou a «expulsión do paraíso».
Matrimonio e primeiros poemas En 1894, Else Schüler casou e trasladouse a Berlín; o seu marido foi o médico Jonathan Berthold Lasker, o irmán máis vello de Emanuel Lasker, campión mundial de xadrez durante moitos anos.
En 1897 sofre a perda do seu pai. O 24 de agosto de 1899 naceu o seu fillo Paul (1899-1927). Este mesmo ano publicáronse os seus primeiros poemas; o seu primeiro volume de poemas, titulado Styx (Estix), publicouse en 1901.
O 11 de abril de 1903 divorciouse de Berthold Lasker. O 30 de novembro dese mesmo ano casou co escritor Georg Lewin, coñecido polo pseudónimo Herwarth Walden que inventou Else Lasker-Schüler.
Outras publicacións En 1906, Lasker-Schüler publicou a súa primeira obra en prosa, Das Peter Hille-Buch (O libro de Peter Hille), tras a morte de Hille, un dos seus mellores amigos. En 1907 publicou a súa primeira colección de prosa Die Nächte der Tino von Bagdad (As noites de Tino de Bagdad). En 1909 publicou a peza teatral Die Wupper, que non se chegou a representar ata 1919. Co libro de poemas Meine Wunder (Os meus milagres; 1911), Lasker-Schüler converteuse na principal representante do expresionismo literario alemá.
En 1910, separouse de Herwarth Walden e, dous anos máis tarde, divorciouse deste segundo matrimonio. Ese mesmo ano Walden casou en Londres coa sueca Nell Roslund. Sen ingresos propios, Else Lasker-Schüler vivía das axudas dos seus amigos, en particular de Karl Kraus, editor de Die Fackel. No verán de 1912, Else Lasker-Schüler coñeceu a Gottfried Benn, co que trazou unha intensa amizade, plasmada nun gran número de poemas de amor dedicados a este. Gottfried Benn, no seu Discurso sobre Else Lasker-Schüler en 1952, eloxiouna como «a máis grande poeta que Alemaña tivo» e loou a súa lingua como «un alemán exuberante, suntuoso e delicado [...]». Na súa lingua era capaz de expresar os seus sentimentos, pero sen descubrir «o misterio» do seu ser.Dieter Wellershoff (2003) Essays & Aufsätze, Reden & Vorträge, Prosa, Stücke aus dem Nachlaß. Frankfurt am Main. Gottfried Benn. Rede auf Else Lasker-Schüler , p. 1102.
A correspondencia con Franz Marc En setembro de 1912, a xilografía Versöhnung (Reconciliación), creada por Franz Marc e homónima ao poema de Else Lasker-Schüler,Else Lasker-Schüler 1869–1945. Ed. Erika Klüsener und Friedrich Pfäfflin. Marbacher Magazin 71/1975, Deutsche Schillergesellschaft, Marbach (am Neckar) 1995, ISBN 3-929146-26-6, p. 92-93. foi portada do número dobre da revista artística Der Sturm, editada por Herwarth Walden. En decembro dese mesmo ano, Franz e Maria Marc coñeceron en Berlín a poeta, xa divorciada de Herwarth Walden. Entre Marc e Lasker desenrolouse unha estreita amizade e, mesmo antes dese primeiro encontro, xa mantiñan correspondencia. O príncipe Jussuf de Tebas (Else Lasker-Schüler) e o Xinete Azul (Franz Marc)Michael Baumgartner, Cathrin Klingsöhr-Leroy, Katja Schneider (2010) (ed.): Franz Marc. Paul Klee. Dialog in Bildern. Nimbus. Kunst und Bücher, Wädenswil. ISBN 978-3-907142-50-9. carteábanse con certa intensidade ata o verán de 1914. Da totalidade de postais e cartas pintadas a man, 66 son de Else Lasker-Schüler e 28 de Franz Marc. Nelas, Lasker-Schüler conxugaba o debuxo coa escritura, mentres que Marc plasmaba na parte frontal un debuxo en acuarela ou con tinta chinesa e titulábao no dorso, onde tamén escribía.
A primeira postal de Marc, titulada de forma reveladora como O xinete azul presenta a súa Maxestade o seu cabalo azul, veu seguida da acuarela A torre dos cabalos azuis, onde lle felicita o Aninovo de 1913. Marc creou a devandita postal a partir dun esbozo a lapis. Trátase do único bosquexo coloreado que se conserva do homónimo óleo perdido.Franz Marc – Else Lasker-Schüler, Der blaue Reiter präsentiert Eurer Hoheit sein blaues Pferd, Karten und Briefe. Editado e comentado por Peter-Klaus Schuster. Prestel, München 1987, ISBN 3-7913-0825-4.
No catálogo de exposicións Else Lasker-Schüler: Die Bilder, editado pola especialista Ricarda Dick, saliéntase a maneira na que Marc adoptou os símbolos pictóricos da poeta nas súas acuarelas, enriquecendo así as súas composicións pictóricas e escritas.Ricarda Dick. Else Lasker-Schüler als Künstlerin. Extraído de: Else Lasker-Schüler. Die Bilder. p. 136.
De acordo co historiador Peter Klaus Schuster, a singularidade desta amizade artística radicou en que Franz Marc se amosou como un «pintor poético» nas súas cartas, ás que Else Lasker-Schüler respondeu acompañando as súas palabras con debuxos.Franz Marc – Else Lasker-Schüler, Der blaue Reiter präsentiert Eurer Hoheit sein blaues Pferd. p. 6.
Na última postal, Marc enviou a ilustración dun escenario idílico prealpino de Baviera. A acuarela Schloss Ried (Castelo de Ried) representa unha paisaxe bucólica, na que un xinete azul, montado nun cabalo da mesma cor, caza un cervo cunha lanza. Estaba ideada para o fillo enfermo da poeta, Paul. Esta imaxe serviu como frontispicio para a súa novela Der MalikFranz Marc – Else Lasker-Schüler, Der blaue Reiter präsentiert Eurer Hoheit sein blaues Pferd. p. 159.. Die Briefe an den blauen Reiter Franz Marc (O malik. Serie de cartas ao xinete azul Franz Marc), a cal apareceu entre 1913 e 1915 nas revistas literarias Die Aktion e Der Brenner. En 1915, Else Lasker-Schüler revisouna e corrixiuna para publicala máis tarde, en 1919, como primeira parte da novela „Der Malik.“ Eine Kaisergeschichte mit selbstgezeichneten Bildern und Zeichnungen («O malik». A historia dun káiser con ilustracións e debuxos propios). Nela figura a dedicatoria: «Para o meu inesquecible amigo Franz Marc/ O Xinete Azul / para a posteridade».Marbacher Magazin 71/1995, p. 151.
Emigración e exilio A morte prematura do seu fillo Paul (1899-1927) debido á tuberculose precipitou a poeta nunha profunda crise. Por todo isto, publicou unha necroloxía titulada Mein Sohn (O meu fillo).
Xunto con Richard Billinger a poeta recibiu no ano 1932 o último Premio Kleist concedido antes da toma do poder do Partido Nacionalsocialista. Tras varias agresións físicas por parte dos nazis e ante o perigo que corría a súa vida, decidiu emigrar cara a Zúric o 19 de abril de 1933, pero alí prohibíronlle traballar. A policía de estranxeiría cantonal e municipal, que contaba con detectives de control, só expedía permisos de residencia temporais, polo que se viu obrigada a cambiar de domicilio constantemente.Else Lasker-Schüler 1869–1945. (1995) Ed. Erika Klüsener e Friedrich Pfäfflin. Marbacher Magazin 71/1975, Deutsche Schillergesellschaft. Marbach (am Neckar). ISBN 3-929146-26-6. En 1934 e 1937 emprendeu desde Zúric dúas viaxes cara a Palestina, «a súa terra hebrea».
No ano 1938, desposuírona da nacionalidade alemá e converteuse nunha «sen papeis».Else Lasker-Schüler 1869–1945. (1995). Ed. Erika Klüsener e Friedrich Pfäfflin. Marbacher Magazin 71/1975, Deutsche Schillergesellschaft, Marbach (am Neckar). ISBN 3-929146-26-6, p. 295. En 1939, viaxou por terceira vez cara Palestina. Non obstante, o comezo da Segunda Guerra Mundial impediulle volver a Suíza. Alén disto, as autoridades suízas denegaron o seu visado de retorno.Dagmar C. G. Lorenz: 1939: Else Lasker-Schüler becomes permanently exiled in Jerusalem when Swiss immigration authorities deny her reentry to Switzerland. New Haven : Yale Univ. Press, 1997, p. 563–570.
En Xerusalén, Lasker-Schüler viviu primeiro no hotel Vienna e, a partir de maio do ano 1940, no hotel Atlantic, ambos na concorrida rúa Ben Yehuda. O seu último fogar foi unha habitación privada para subarrendar na rúa King George en Rehavia no verán de 1941. A poeta recibiu unha pensión honorífica mensual: a metade outorgada pola Axencia Xudía para Israel e, a outra, polo editor Salman Schocken. Todo isto permitiulle levar unha vida económica razoablemente segura. Perdeu a maioría das súas amizades cando emigrou. Non obstante, mantivo un pequeno círculo de amigos con outras persoas que tamén tiveran que emigrar, no que a maioría foron escritores ou filósofos, como Werner Kraft, Martin Buber, Samuel Hugo Bergman, Salman Schocken e Ernst Simon.Ricarda Dick. Epílogo de Mein blaues Klavier - Neue Gedichte. Jüdischer Verlag en Suhrkamp Verlag, 2006 Nos últimos anos de vida, admirou o filósofo relixioso Simon, ao que lle mandaba innumerables cartas e poemas. Entre o seu legado, atópanse 14 cartas para Simon escritas entre os anos 1940 e 1943. No seu último volume de poemas Mein blaues Klavier – Neue Gedichte (O meu piano azul – novos poemas) publicados no ano 1943 figuran 12 poemas dedicados a Simon. A devoción que sentía Lasker-Schüler cara a Simon foi o tema principal da novela biográfica escrita por Christa Ludwig sobre a poeta.Christa Ludwig (2018). Ein Bündel Wegerich. Verlag Oktaven, Stuttgart. ISBN 978-3-7725-3008-1.
Lasker-Schüler sentiuse desesperada en Palestina. Imaxinouse outro tipo de vida en Xerusalén e acabou decepcionada por ese motivo. Ademais, a todo isto sumouse a dor pola perda da súa terra natal e das súas innumerables amizades de Alemaña; a situación de guerra; os asasinatos de xudeus nos campos de concentración que se foron coñecendo; os disturbios e numerosos levantamentos que se produciron entre xudeus e árabes en Palestina baixo o Mandato británico e, por último, as disposicións recollidas no Libro Branco de 1939 polas que se impuxo a drástica restrición da entrada de barcos de refuxiados xudeus nos portos marítimos. Simultaneamente, Lasker-Schüler preocupábase por conseguir un acordo pacífico entre xudeus e árabes e, segundo fontes da súa época, foi moi coñecida nas famosas rúas de Xerusalén por ser unha anciá poeta incansable.
Lasker-Schüler, con máis de 70 anos e empobrecida, sen poder volver a Europa pero aínda vestida de «príncipe Jussuf», converteuse no albo das risas dos colonos e dos intelectuais de Xerusalén. Fundou o «Kraal», un salón literario que o filósofo Martin Buber inaugurou no Centro Cultural Francés o 10 de xaneiro de 1942.Henrik Eger. Ed. Martin Tucker. Greenwood Press, New York, Westport, 1991, ISBN 0-313-23870-7, p. 408–410.