Luís Daviña Facal, nado en Santiago de Compostela o 23 de xullo de 1942, é un científico e pedagogo galego.

Traxectoria Licenciouse en Ciencias Químicas na Universidade de Santiago de Compostela. Foi profesor de Física e Química e Ciencias Naturais en diferentes institutos, como o da Estrada (actual IES Manuel García Barros) ou o IES Fernando Wirtz Suárez da Coruña. Actualmente está xubilado.

Traballou en dous eidos principalmente. Por unha banda, na renovación dos plans de estudo no ensino secundario, formando parte do Seminario Permanente para a Reforma das Ensinanzas Medias da Consellería de Educación, e publicando, xunto a José Graña Carrodeguas, Jesús Fidalgo Fernández e José Mª Arias Quintairos, o libro Ciencias da Natureza, dentro da serie Programación Didáctica de Referencia para a Educación Secundaria Obrigatoria. E por outra banda, traballou na normalización lingüística e na fixación do léxico científico en lingua galega, coa publicación de distintos artigos en revistas especializadas (como "Necesidade (urxente) dun léxico científico", n'A trabe de ouro, 1991), libros e a participación na fundación da Sociedade Galega de Terminoloxía, da que é vicepresidente. Ademais, xa nun terreo máis divulgativo, colaborou n’O Correo Galego coa publicación dunha columna semanal baixo o título "Lingua e ciencia". Pertenceu tamén á Comisión Técnica de Linguaxes de Especialidade do Consello da Cultura Galega, e é académico correspondente da Real Academia Galega.Membros da Academia. Correspondentes. Letra D.

A súa proposta pódese resumir na necesidade de que lingüistas e científicos coordinen os seus traballos e coñecementos para conseguir que os primeiros —así como os medios de comunicación— utilicen o léxico científico dunha forma correcta, eliminando erros frecuentes, vacilacións, imprecisións ou propostas antietimolóxicas, e incorporando nos dicionarios os termos básicos da linguaxe científica; e que os segundos poidan resolver satisfactoriamente as súas dúbidas á hora de publicar en galego e que utilicen ese mesmo léxico científico seguindo as Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego. Así, o seu obxectivo sería a normalización e normativización do tecnolecto científico para non caer no que el chama castrapo científico para referirse ao uso do galego con terminoloxía en lingua castelá.

É editor habitual na Galipedia desde 2010.

Publicacións Problemas do léxico científico. Algunhas propostas de solucións. Santiago: Ed. do autor coa axuda da Dirección Xeral de Política Lingüística, 1993. Notas sobre os nomes vulgares ou vulgarizados dalgúns moluscos gastrópodos mariños galegos. Unha proposta, en Álvarez Blanco, Rosario; Fernández Rei, Francisco e Santamarina, Antón (editores): Actas do I Congreso Internacional, 16-20 de setembro de 1996: A lingua galega. Historia e actualidade. Vol. II: 271-290. Instituto da Lingua Galega / Consello da Cultura Galega, Santiago 2004. Lingua e ciencia. Xerais, Vigo 1999.Son 130 artigos publicados en El Correo Gallego entre 1990 e 1991 ou, a maioría, n’O Correo Galego entre 1994 e 1998. Tamén inclúe algún inédito. Programación didáctica de referencia. Ciencias da Natureza. Educación Secundaria Obrigatoria. Xunta de Galicia, Santiago 1999 (en colaboración con José Graña Carrodeguas, Jesús Fidalgo Fernández e José Mª Arias Quintairos). Diccionario das ciencias da natureza e da saúde. Tomo 1 (A-B). Tomo 2 (C). Deputación Provincial da Coruña, 2000. O tratamento do léxico científico e tecnolóxico nos diccionarios galegos, en Álvarez de la Granja, María e González Seoane, Ernesto Xosé (eds.): A estandarización do léxico.A estandarización do léxico Instituto da Lingua Galega / Consello da Cultura Galega, pp. 447-473. Santiago 2003.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Ligazóns externas Biblioteca Universitaria de Santiago de Compostela. shixela, shixelose. Sociedade Galega de Terminoloxía

Categoría:Nados en Santiago de Compostela Categoría:Nados en 1942 Categoría:Científicos de Galicia Categoría:Escritores de Galicia en lingua galega Categoría:Alumnos da Universidade de Santiago de Compostela Categoría:Membros correspondentes da Real Academia Galega Categoría:Wikimedistas Categoría:Profesores de educación secundaria