Marcelino Fernández Sánchez, coñecido como Tino, nado en San Pedro de Nós (Oleiros) o 14 de febreiro de 1925 e finado en Ferrol o 25 de agosto de 2001, foi un futbolista galego. Xogaba de dianteiro e tras xogar cinco anos no Racing de Ferrol triunfou no Deportivo da Coruña, conseguindo un subcampionato de liga e formando parte da Orquestra Canaro, unha das dianteiras máis famosas da historia do club, xunto con Franco, Moll, Corcuera e Oswaldo.
Traxectoria
Comezos Nado en San Pedro de Nós, sendo fillo de Marcelino Fernández e Purificación Sánchez. Comezou a xogar ao fútbol no Hércules de San Pedro, no que militou catro anos, proclamándose campión da liga das Mariñas na tempada 1942/43.
Racing de Ferrol Na tempada 1944/45 fichou polo Racing de Ferrol, da Segunda División. Da man do adestrador Tomaselli, debutou na primeira xornada contra a Real Sociedad en Atotxa, marcando o único gol do seu equipo que perdeu por goleada (1-7). Foi o seu único tanto nesa tempada, que pechou con 12 partidos oficiais. Na campaña 1945/46 tivo números semellantes, con 11 partidos disputados e un gol logrado ante o Betis.
Na tempada 1946/47 asentouse como titular indiscutible na dianteira ferrolá, disputando todos os partidos de liga e anotando 13 tantos. Na primeira rolda da da Copa do Xeneralísimo, marcou contra o Real Madrid o gol da vitoria no partido de ida no Inferniño (2-1), aínda que o club ferrolán caeu eliminado na volta no Metropolitano. Na seguinte campaña volveu ser titular en todos os encontros de liga, así como nos catro da Copa do Xeneralísimo, e anotou 11 goles, incluído un triplete contra o Mestalla. Repetiu a cifra de 11 goles na súa quinta e última tempada en Ferrol, pechando o seu paso polo club cun total de 110 partidos e 37 goles.
Deportivo da Coruña (1ª etapa) Na tempada 1949–50 fichou polo Deportivo da Coruña, da Primeira División, co que asinou un contrato por catro anos, e a onde chegou para ocupar o lugar de Chao, quen marchou para o Málaga. O seu debut na máxima categoría produciuse na primeira xornada, nun encontro a domicilio contra o Gimnàstic de Tarragona que rematou en derrota (3–2). O seu primeiro gol produciuse na xornada 5, nunha vitoria en Riazor fronte o FC Barcelona (3–0). O equipo adestrado polo arxentino Alejandro Scopelli logrou esa tempada o subcampionato de liga e Tino disputou 23 partidos no torneo, formando habitualmente na dianteira xunto a Franco, Marquínez, Moll e Dieste. Anotou cinco goles nesa primeira tempada na Coruña.
Na tempada 1950/51 chegou ao club o adestrador Osvaldo "Oso" Díaz, e varias fichaxes máis, formándose entón a chamada Orquestra Canaro, nome co que foi coñecida a dianteira desa tempada, integrada por Franco, Moll, Corcuera, Oswaldo e o propio Tino. Entre os cinco, marcaron 56 dos 64 goles do equipo, cifra que o Deportivo tardaría décadas en igualar. Tino foi o máximo goleador do equipo, con 16 tantos.
Zaragoza Para a tempada 1951/52 foi traspasado ao Real Zaragoza, onde coincidiu cos tamén galegos Candil, Cabido e Santín. Disputou só 10 partidos co club aragonés, marcando dous goles nun mesmo partido contra o Espanyol.
Cesión ao Deportivo da Coruña Na tempada 1952/53 xogou cedido no Deportivo, a cambio da cesión ao equipo aragonés do gardameta ourensán Pita. No conxunto coruñés recuperou a titularidade e sumou sete goles máis, incluíndo dous contra o Real Madrid e outro nun derbi co Celta de Vigo.
Na tempada 1953/54 volveu de novo ao Real Zaragoza, desta volta en Segunda División, onde non xogou ningún partido.
Escoriaza Sen minutos no Zaragoza, en marzo de 1954 rescindiu o seu contrato e asinou co tamén zaragozano Escoriaza, tamén en Segunda. Con este equipo disputou 8 partidos, marcando un gol. Ao remate da campaña, o club descendeu e finalmente acabou por disolverse.
Xuvenil Na tempada 1954/55 retornou á Coruña para xogar inicialmente no Xuvenil, da Segunda División, onde tivo como adestrador a Eduardo Viso.
Deportivo da Coruña (3ª etapa) En novembro de 1954 volveu fichar polo Deportivo, en Primeira, que estaba tendo problemas para ocupar o posto de extremo esquerdo. Ás ordes do galego Eduardo Toba, compartiu dianteira con Arsenio, Bazán, Pahiño e Lechuga e foi titular en case todos os restantes partidos da tempada, sumando dous goles ante Hércules e FC Barcelona. Continuou asentado no once inicial na seguinte campaña, na que marcou sete goles. Na tempada 1956/57 o equipo descendeu a Segunda, categoría na que militou Tino os seguintes dous anos.
Permaneceu no club na tempada 1958/59, aínda que non xogou ningún partido co primeiro equipo. Nesta época realizou funcións de auxiliar do adestrador Pons. Pechou o seu paso polo club coruñés con 41 goles en 174 partidos.
Fabril En 1959 pasou ao Fabril, co que disputou a Terceira División, marcando 6 goles en 21 partidos.
Vida persoal En decembro de 1950 casou en Ferrol coa ferrolá Encarnación Teruel Vidal.
Notas
Categoría:Nados en 1925 Categoría:Finados en 2001 Categoría:Nados en Oleiros Categoría:Futbolistas de Oleiros Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do Racing de Ferrol Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do Real Zaragoza Categoría:Xogadores do Deportivo Xuvenil Categoría:Xogadores do Deportivo Fabril Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes