miniatura|dereita|VIII Les charmes de Fanny exposés ("Fanny Hill", por John Cleland) A literatura erótica é un xénero literario no cal os textos se relacionan, directa ou indirectamente, co erotismo e o sexo. En ocasións pódese referir tamén á literatura pornográfica se as escenas sexuais son realmente moi explícitas, aínda que normalmente segue considerándose dentro do erotismo.
Dentro deste xénero poden atoparse habitualmente novelas de ficción de contido erótico, historias curtas ou contos, poesía, obras de teatro, memorias e manuais de sexo.
Historia O erotismo e o sexo estiveron asociados á sociedade e a cultura do home desde os inicios dos tempos, e o caso da literatura non é unha excepción, aínda que a miúdo se viu sometida á censura por considerarse un tema reprobábel ou pecaminoso. Así mesmo, tamén é frecuente a alusión ao sexo ou pasaxes eróticas englobadas dentro de obras maiores, non como tema principal da obra, senón como capítulos illados que contribúen ao devir da narración ou ao desenvolvemento de personaxes. Así, por exemplo, é posíbel atopar fragmentos claramente eróticos en obras como Don Quixote da Mancha de Cervantes ou o Ulises de James Joyce, sen que por iso se considere a estas obras dentro do xénero.
Erotismo literario na antigüidade
Xa no Antigo Exipto, redactáronse tratados acerca do sexo, en ocasións meras recompilacións de posturas sexuais, por exemplo no papiro de Turín, onde se detallan as variantes do acto amatorio. Aínda que pouco se conserva da época, si se salvaron algúns fragmentos, por exemplo no papiro de Leide, onde se propón a "confección dunha imaxe do amor".
A literatura antiga relativa ao erotismo caracterízase principalmente pola unión entre o divino e o terreal. Son frecuentes as alusións aos deuses e os cultos á fecundidade e ao falo. As obras encádranse habitualmente en manuais de posturas sexuais, poesía e obras de teatro. Á parte de tratar a heterosexualidade, son frecuentes tamén as referencias ao sexo oral e ao lesbianismo. As hetairas, mulleres que elevan a práctica do amor á categoría de arte, foron autoras propias de tratados sobre ditas prácticas, podéndose enunciar os tratados de Astyanassa, vella servidora de Helena, de Filenis de Samos e os de Elefantis. Non en poucas ocasións, o erotismo literario vai asociado á comedia ou se asocia coa sátira e a crítica social.
miniatura|O sultán perdoando a vida a Sherezade, As mil e unha noites Os primeiros escritos de literatura erótica remóntanse á Antiga Grecia, en torno ao ano 400 a.C., cando o dramaturgo Aristófanes escribiu a obra de teatro Lisístrata. De ao redor do ano 300 a.C. datan os obscenos poemas satíricos de Sotades, que chegaron a carrexarlle a prisión polas críticas cara á unión de Tolomeo coa súa irmá Arsinoe. Durante un tempo identificouse ata como literatura sotádica á propia literatura erótica. Cara ao século II a.C. atribúese a Luciano a escritura do libro pornográfico máis antigo, Diálogo das cortesanas. É Luciano, precisamente, quen emprega por primeira vez o termo do lesbianismo para definir a homosexualidade feminina.
A Roma Antiga tamén é rica neste xénero literario, cultivado entre o século II a. C e principios do século I. A esta época pertencen os Priapeios ou Priapeia, unha serie de poemas acerca do deus Príapo. Á parte dos achegamentos ao xénero de autores como Marcial, Juvenal, Plauto, Catulo e Horacio, caben destacar Ars amatoria (Arte de amar ), de Ovidio, Satiricón, de Petronio e O asno de ouro (Asinus aureus), de Apuleio, como obras máis relevantes da época.
Na Antiga China, durante o período Han (ao redor do ano 200 a.C.) circularon diversos manuais didácticos sobre a práctica sexual, seguindo a fórmula literaria do diálogo entre un Emperador e os seus preceptos ou profesores sexuais.
No século IV, apareceu na India o Kámasutra, o máis famoso e universal dos manuais de sexualidade. Escrito por Mal-la Naga Vatsiaiana como un texto relixioso dirixido ao pobo, a obra é un compendio de técnicas e consellos nas artes amatorias, que van desde o erotismo e a sensualidade máis sutís ata unha descrición detallada e gráfica de posturas sexuais para o acto da cópula.
Procedente do Oriente medio musulmán é a obra medieval As mil e unha noites, do século IX, na cal trátase o tema da infidelidade. Tamén de orixe musulmán é O xardín perfumado, de Cheik Nefzaoui, un manual ao estilo do Kama sutra. Un segundo manual xurdiu na India aproximadamente cara ao século XV ou XVI, o Ananga Ranga, de Kalyana Malla, cunha serie de consellos para evitar a monotonía no matrimonio e impedir a separación entre home e muller.
A Idade Media e o Renacemento
A Idade Media foi unha época difícil para o erotismo e a sexualidade en xeral, e a literatura viuse tamén influenciada por ese feito. No século XII xorde o ideal do amor cortés, baseado nun amor servizal e desinteresado que idealiza á muller amada. Algunhas obras englobadas dentro deste estilo son Lancelot de Chrétien de Troyes, Tristán e Iseu de Gottfried von Straßburg, o Roman de la Rose de Guillaume de Lorris e Jean de Meung e Vita nuova e a Divina Comedia de Dante Alighieri.
A literatura erótica cobrou certa importancia en Italia coa chegada do Renacemento. Giovanni Boccaccio foi o autor do Decamerón (1353), obra que narraba as fazañas dos monxes seducindo monxas nos conventos. O libro foi prohibido en moitos países. Aínda cinco séculos despois, diversas copias do texto foron destruídas en países como os Estados Unidos ou Inglaterra; entre os anos 1954 e 1958, maxistrados ingleses deron oito ordes de destrución do libro.H. Mongomery Hyde (1964) A History of Pornography: 71-2 Outra obra italiana importante do século XV foi Facetiae o Facecias de Gian Francesco Poggio Bracciolini, unha colección de historias breves onde os argumentos contorna á luxuria son grandes protagonistas. Girolamo Morloni retratou os costumes sexuais de Nápoles en Novellae (1520) e Pietro Aretino cativou aos lectores con comedias e sonetos luxurioso e a obra Ragionamenti, na que ten en conta das perversións da época. Aínda en Italia, destacan tamén a figura de Antonio Beccadelli, cuxa obra de maior fama, Hermaphroditus (1425) evocaba ao erotismo da obra de Catulo e Marcial, así como dos priapeos. Esta obra non escapou tampouco á censura cristiá debido á súa obscenidade. Outros exemplos da época dentro do mesmo xénero son os poemas eróticos de Eustache Deschamps, o libro De amore de Andreas Capellanus e Os contos de Canterbury de Geoffrey Chaucer.
En Francia comeza tamén a notarse a influencia da literatura erótica na figura de Antoine de la Sale, ao cal pertencen as obras Le Petit Jehan de Saintré (1456), na cal unha muller viúva adoutrina a un mozo cabaleiro en todas as artes da relixión, a cortesía e a cabalería, sen deixar de lado a sedución e o amor, e Les Quinze Joyes de mariage (Os quince chistes do matrimonio), onde cunha linguaxe vívida e natural describe as miserias do matrimonio.
Un intento de imprimir material erótico provocou un escándalo cando os italianos Pietro Aretino e Marcantonio Raimondi produciron I Modi en 1524, un libro ilustrado con 16 posturas sexuais. Raimondi xa chegara a publicalo unha vez antes, e foi posteriormente encarcerado polo papa Clemente VII, destruíndose todas as copias das ilustracións. Raimondi baseou os gravados nunha serie de pinturas eróticas que Giulio Romano estaba facendo por encargo para o Palazzo Te en Mantua. Aínda que as dúas representacións eran moi similares, só Raimondi foi procesado porque os seus gravados podían ser vistos polo público. Romano non soubo destes gravados ata que Aretino foi a ver as pinturas orixinais mentres Romano estaba traballando nelas. Aretino compuxo entón dezaseis sonetos explícitos («tanto no teu coello como no teu traseiro, a miña polla farame feliz, e a ti feliz e contenta») para acompañar as pinturas e asegurar a excarceración de Raimondi. I Modi foi entón publicado por segunda vez, cos poemas e as ilustracións, sendo a primeira vez que se combinaban textos e imaxes eróticos, aínda que o papa requisou de novo toda as copias que puido atopar. Raimondi eludiu esta vez a prisión, pero a censura foi tan eficaz que ningunha copia orixinal foi achada nunca. O texto conservado é só unha copia dunha copia que foi descuberta 400 anos despois. Entre os discípulos de Aretino pódese atopar a Lorenzo Veniero, autor de La puttana errante, e a Nicollo Franco, autor de La priapea, onde se burla dos usos sexuais do mestre.
Na Península Ibérica pódense destacar as cantigas de escarnho e maldizer, en galego portugués e o Libro de buen amor do Arcipreste de Hita, onde o autor narra os feitos da súa vida amorosa durante a Baixa Idade Media. Un pouco máis adiante, inmersos no Século de Ouro español, pódense citar as obras de La Celestina, onde se contan os acontecementos dunha alcaiota e La Lozana andaluza de Francisco Delicado, onde se describen o mundo da prostitución na Roma renacentista. Porén, multitude de escritores dedicaron algún verso ao erotismo e a sexualidade a pesar do puritanismo reinante da época, como Quevedo ou Góngora, aínda que xeralmente son máis achegas illadas que tramas centrais.
Século XVI e XVII, a liberación erótica
Durante o século XVI, a herdanza medieval farase notar nunha das literaturas máis ricas de Europa, a francesa, coñecendo obras mestras do xénero como Pantagruel (1532) e La Vie très Horrificque du Grand Gargantua (1534), de Rabelais, escritos que parodian os excesos do amor sensual e o libertinaxe. Neste mesmo contexto, o grupo de poetas coñecido como A Pléiade tamén aborda a poesía amorosa de carácter libidinoso. Destaca a obra Sonnets pour Hélène, de 1578, onde Pierre de Ronsard trata o tema do amor prohibido dun home de avanzada idade por unha nova doncela.
Inspirada no Decamerón de Boccaccio, Margarida de Navarra escribiu o Heptaméron (1558), unha colección de 72 historias curtas que versan sobre os temas do amor, a luxuria, a infidelidade e outras materias románticas e sexuais. miniatura|Ilustración da obra Fanny Hill, tamén coñecida como Memoirs of a Woman of Pleasure. No século XVII comezaron a circular numerosos exemplos de literatura pornográfica ou erótica, impresos principalmente en Ámsterdan e pasados de contrabando aos demais países europeos. Entre estes cóntanse L'Ecole des Filles, unha obra francesa impresa en 1655 que está considerada entre os comezos da pornografía de Francia. Consiste nun diálogo ilustrado entre dúas mulleres, unha moza de 16 anos e a súa curmá, e as súas discusións explícitas sobre sexo. O autor permanece anónimo ata a data, aínda que algúns sospeitosos sufriron penas de prisión pola suposta autoría da obra.
Do mesmo século data a idea do Don Juan, personaxe masculino sedutor e ousado que nunca atopa satisfacción plena nas súas conquistas, razón pola cal embárcase unha e outra vez na tarefa da sedución, renunciando ao amor.
Giovanni Benedicti Sinibaldi realizou unha das primeiras incursións nas raíces da sexoloxía, coa súa obra Geneanthropeia (1669), con máis intencións que rigorosidade.
En Francia, destaca a figura de Pierre de Brantôme, o cal presentaba uns personaxes inmersos na inmoralidade máis absoluta segundo os canons da sociedade. Nos seus manuscritos non faltan descricións explícitas e amplas das partes íntimas, así como alusións á promiscuidade, o lesbianismo, o cunnilingus e ata o sadomasoquismo. Entre as súas obras, probablemente a máis obscena sexa a Vida das mulleres galantes.