Pablo Cancela Moll, nado na Coruña o 3 de agosto de 1988, é un xogador galego de hóckey a patíns que xoga como dianteiro no HC Liceo, da OK Liga.

Traxectoria Naceu nunha familia moi vencellada ao deporte coruñés, sendo fillo de Antonio Cancela (porteiro nos mellores anos do Dominicos), sobriño de Dagoberto Moll Jr (porteiro do Deportivo da Coruña de hóckey entre 1975 e 1979) e neto de Dagoberto Moll (histórico futbolista do Deportivo da Coruña nos anos 50). Comezou a práctica do hóckey a patíns no Santa María do Mar da súa cidade natal, na categoría de pre-benxamín en 1992, e permaneceu no club ata 2001, cando pasou á disciplina do Dominicos.

Militou tres anos no club da Cidade Vella da Coruña, os dous primeiros na categoría infantil e o terceiro en xuvenís. Na tempada 2002/03 proclamouse campión de España coa selección de Galiza. Entre o 2004 e o 2007, no seu segundo ano de xuvenil fichou polo Liceo, equipo co que gañou dous campionatos de España júnior (2006 e 2007).

No 2007 pasou a formar parte do cadro de xogarores do Vigo Stick, que daquela militaba na Primeira División. No equipo vigués permaneceu ata a tempada 2009-10, cando fichou polo Patín Cerceda co que xogou na OK Liga. Xogou na temporada 2010-2011 no PAS Alcoi da OK Liga e pasou logo a militar na máxima categoría do hóckey italiano nas filas do Forte dei Marmi. Tras cinco anos no club italiano, nos que gañou tres ligas e unha Supercopa, fichou en 2016 polo Oliveirense portugués. Con este club xogou en 2017 a final de Copa de Europa e gañou a Copa Continental. Xogou tres anos no equipo portugués, gañando ademais a Copa de Portugal en 2019.

Na tempada 2019/20 xogou no AP Follonica, da localidade toscana de Follonica e ao ano seguinte fichou polo Bassano. No verán de 2023, con 35 anos e despois de marcar 30 goles en 32 partidos na tempada anterior, deixou o Véneto e regresou ao Liceo coruñés. Militou no club verde durante dous anos.

Comezou a tempada 2025/26 nas filas do Compañía de María, pero deixou o club a metade de tempada por incompatibilidade entre a súa vida deportiva e laboral. No momento da súa marcha era o máximo goleador do equipo con 17 tantos, e a pesar de xogar só 13 partidos, acabou a OK Liga Prata como o sexto máximo goleador.

No verán de 2026 anunciouse a súa fichaxe polo Dominicos, tamén da OK Liga Prata.

Equipos Santa María do Mar: 1992 ata 2001 (categorías inferiores) Dominicos: 2001-2004 (categorías inferiores) HC Liceo: 2004-2007 (categorías inferiores) Vigo Stick: 2007-2009 CP Cerceda: 2009-2010 PAS Alcoi: 2010-2011 Hockey Club Forte dei Marmi: 2011-2016 UD Oliveirense: 2016-2019 AP Follonica: 2019-2020 Bassano: 2020-2023 HC Liceo: 2023-

Palmarés

Clubs

1 Copa Continental: 2017 3 Ligas italianas: 2013/14, 2014/15, 2015/16 1 Supercopa italiana: 2014 1 Copa de Portugal: 2019

Selección galega 1 Campionato de España júnior: 2006

Selección española 2 Campionatos de Europa xuvenís: 2003 e 2004 1 Campionato de Europa júnior: 2006 1 Campionato do Mundo Sub-21: 2007 1 Copa Latina: 2010

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas Ficha do xogador na web do PAS Alcoi Artigo sobre Pablo Cancela en La Opinión de A Coruña Pablo Cancela en hoqueipatins.cat

Cancela Moll, Pablo Cancela Moll, Pablo Categoría:Nados en 1988