A historia antiga de Exipto abrangue a historia de Exipto durante a Idade Antiga. Iníciase a finais do IV milenio a. C. e remata cando Exipto é conquistado por Alexandre o Grande, momento no que perde definitivamente a independencia.

Os tres milenios que durou esta civilización divídense tradicionalmente de acordo coas dinastías reinantes. As datas son discutidas e pode haber diferenzas de tres séculos. As dinastías agrúpanse en "períodos", se ben existen diferenzas entre os estudosos á hora de asignar algunha dinastía a un período ou a outro.

Período predinástico

A vida en Exipto estivo confinada sempre á estreita faixa ribeireña. As crecidas do Nilo inícianse regularmente a mediados de xullo, inundan todo o val e proporcionan humidade; o seu descenso gradual, a partir de novembro, deixa tras de si unha camada de limo que fertiliza o chan. As crecidas foron sometidas mediante diques e canles, o que esixía unha organización centralizada, mais a lonxitude do río obrigaba á subdivisión administrativa en nomos, ou provincias. A aparición da metalurxia do cobre marca o comezo do período predinástico, aínda que a introdución do metal non supuxese mudanzas importantes, pois os trazos fundamentais do que sería a cultura exipcia xa existían. A finais deste período xa era clara a diferenza entre o Alto e o Baixo Exipto: No sur sucédense as culturas tasiense, badariense e amraciense (ou Naqada I) e no norte a geerzense (ou Naqada II) e a maadiense. A mediados do IV milenio fúndense a amraciense e a gerzeense nunha cultura única, da que xurdirá o imperio unificado.

Puido haber soberanos con pleno dominio sobre todo o Exipto antes da primeira dinastía que sucederon a senllas dinastías do Alto e do Baixo Exipto. Neste período xa estaban formados os elementos característicos da plástica exipcia.

O individuo máis antigo "momificado" data de preto de 3300 a. C., aínda que non sexa unha verdadeira momia. O corpo consérvase no Museo Británico e recibiu o alcuño de "Ginger" por ter o cabelo roxo. A Ginger enterrárono nas areas quentes do deserto, talvez con algunhas pedras empilladas sobre o cadáver para evitar que o comesen os chacais. As condicións quentes e secas disecaron o corpo, evitando que os músculos e os tecidos moles se descompuxesen. Na súa tumba tamén contiña algúns recipientes de cerámica, orixinalmente con comida e bebida para sustentar o morto na longa viaxe ata o outro mundo. Non existen rexistros escritos sobre a relixión ou deuses do tempo, e non se sabe se era intención dos antigos exipcios que o corpo fose preservado. Sábese apenas que a comezos da I Dinastía a cultura exipcia xa estaba plenamente formada.

Período tinita

Segundo a lista de reis transmitida por Manetón, o primeiro faraón que unificou Exipto foi Menes. Con anterioridade existira un rei Escorpión (supostamente), que foi seguido por Ka, por Narmer e por Aha. Un destes dous últimos, posibelmente Narmer, é o Menes de que fala Manetón. O feito mítico da unificación está reflectido na paleta de Narmer, atopada en Hieracómpolis, que é probabelmente, o documento histórico máis importante de toda a historia de Exipto. A pose do rei, a punto de partirlle o cranio cunha maza a un inimigo, serviu de modelo para retratar os faraóns dos tres milenios posteriores. A tumba máis antiga de Saqqara é a de Aha. Este período, chamado tamén Protodinástico, durou uns cinco séculos e durante el reinaron a I e II dinastías. Unha vez establecida a unión do norte e o sur, aínda que precaria, procedeuse a protexer as fronteiras contra os libios, que tentaron continuamente penetrar desde o oeste, subir polo Nilo até a Nubia (Dzer chegou á segunda catarata), e ocupar o Sinaí. A capital trasladouse de Tinis a Menfis e a necrópole de Abidos a Saqqara a partir da II dinastía.

Durante este período consolidouse o poder centralizador do faraón e desenvolveuse unha estrutura burocrática e administrativa. O faraón faise divinizar, proclamándose descendente do deus Horus e establece ritos e cerimonias, como a festa Sed, ou xubileu, na que renova os seus poderes. Os faraóns enterrábanse en luxosas construcións funerarias, como a de Abidos. Os nomos eran administrados por un gobernador, entre cuxas principais tarefas estaba organizar o sistema de irrigación.

Parece como se o uso da escrita se difundise precisamente a partir do comezo da I dinastía. Usábase principalmente para indicar o nome do ano.

As prácticas funerarias dos campesiños serían as mesmas dos tempos predinásticos. Cando a fins do período predinástico algunhas das sepulturas se converteron en tumbas máis amplas e se introduciron os ataúdes, a "momificación" natural das areas do deserto non se producía, polo que foi preciso deseñar procedementos específicos de momificación para asegurar a inmortalidade dos faraóns. As tumbas destes chámanse mastabas (palabra que provén da palabra exipcia moderna para "banco", porque a distancia asemellan un banco de lama). Nunha tumba en mastaba, escavábase unha cámara profunda que despois se revestía con pedra, ladrillos de lama ou madeira. Na superficie, a lama era empillada e ficaba marcando o local claramente.

Imperio Antigo

A cidade máis poderosa deste período foi Menfis, a primeira capital do Exipto unido. Abidos, no norte, foi a primeira cidade funeraria, se ben máis tarde os faraóns preferiron Saqqara, preto da capital.

O Imperio Antigo iníciase coa III dinastía, cuxo segundo faraón, Zoser (2630 - 2611 a. C.), foi inmortalizado grazas ás impresionantes construcións realizadas baixo a dirección do seu primeiro funcionario, Imhotep. Especialmente, a pirámide de Zoser de Saqqara, na que substituíu os ladrillos por pedra como elemento construtivo e introduciu as columnas (acaroadas).

miniatura|Gran Pirámide de Gizeh (2560 a. C.) A IV dinastía (2726 - 2563 a. C.) é a dos grandes construtores de pirámides. Cunha das dúas que Snefru, o fundador da dinastía, fixo construír en Dahshur, ficaron establecidos os trazos típicos e esenciais da sepultura real: pirámide con cámara sepulcral escavada debaixo, na rocha; foxo arrodeándoa, templo funerario e templo exterior, unido ao río mediante unha canle pola que chegaba o barco funerario. Tres dos seus sucesores, Khufu (Queops), Quefrén e Menkaure (Micerinos) foron os construtores das grandes pirámides de Gizeh: Khufu ergueu a Gran Pirámide; Quefrén, ademais da súa pirámide mandou esculpir a Esfinxe, e a terceira pirámide do complexo é a de Menkaure, que ficou inacabada debido á decadencia posterior. Queops foi descrito posteriormente como un tirano cruel que escravizou os seus súbditos.

Durante a V dinastía (2563 - 2423 a. C.) deixáronse de construír grandes pirámides. As tumbas señoriais son, pola contra, máis suntuosas que con anterioridade, constrúense en provincias e decóranse con escenas cotiás. Reviviuse o culto a Ra e á súa filla Hator, en honra a quen se ergueron varios templos.

A economía foise debilitando, como reflicte o tamaño cada vez menor das últimas pirámides de Saqqara e Abusir. O longo reinado de Pepi II (2278 - 2184 a. C.) contribuíu a agravar a situación provocada por sucesivas más colleitas e a debilidade dos seus últimos anos. Sucedeulle a primeira raíña de Exipto, Nitocris, que nada puido facer para impedir o declive.

Primeiro Período Intermedio

Co debilitamento do poder central entrouse nunha época turbulenta que Manetón caracteriza dicindo que en setenta días chegou a haber setenta reis. Os funcionarios foran creando os seus propios reinos, que sostiñan con exércitos privados. A ausencia dun poder unificador é observábel na arte deste período, no que se detectan variacións locais, así como na literatura. As tentativas de recuperar a monarquía unificada en Heracleópolis mediante alianzas dos reinos meridionais frustrouse ao formar Tebas unha monarquía independente.

Imperio Medio

miniatura|Mentuhotep II. miniatura|Unha estatua gardiá que reflicte os trazos faciais do rei reinante, probablemente Amenemhet II ou Sesostris II. O Imperio Medio comeza para algúns coa XI dinastía, co poderoso caudillo tebano Mentuhotep II e para outros coa XII dinastía, iniciada por Amenemhat I, cando se consolidou a reunificación de Exipto, logrou centralizarse o poder e se emprendeu a expansión das fronteiras, freando as incursións estranxeiras. A XII dinastía trasladou a capital a Menfis e aumentou a burocracia. Sesostris I (1970 - 1936 a. C.) iniciou a irrigación do lago Moeris (al-Fayum) e ampliou as fronteiras na Asia e na Nubia. Sesostris III (1887 - 1850 a. C.) suprimiu o cargo de nomarca, ou gobernador dun nomo, e dividiu o país en tres sectores, Baixo, Alto e Medio Exipto. Invadiu o Sinaí, Palestina e Siria e conquistou boa parte da Nubia. Nunca antes Exipto atinxira tanta prosperidade. Quen o seguiu, Amenemhat III, é visto como o maior monarca do Imperio Medio.

Moitas das maiores accións dos reis da XII dinastía tiveron lugar fóra do val do Nilo. Tal como antes, houbo moitas expedicións a Nubia, Siria e ao Deserto do Oriente, en busca minas e de madeira para transportar para Exipto. Para alén diso, estableceuse comercio coa Creta minoica.

Durante o Imperio Medio, a fase seguinte en deseño funerario foron as tumbas escavadas na rocha. Os mellores exemplos destas tumbas poden verse no Val dos Reis. Aínda se construían grandes templos en áreas máis visíbeis. O proxecto arquitectónico máis destacado foi o impoñente mausoleo de Mentuhotep en Deir al Bahri, que serviría de prototipo para o templo de Hatshepsut cinco séculos máis tarde. É o período clásico da arte e a literatura exipcios.

O faraón perdeu o carácter divino dos séculos precedentes, pero a autoridade real ficou firmemente establecida. Unha táctica moi utilizada para manter o control era substituír os gobernadores provinciais por funcionarios adeptos, moitos deles inmigrantes da veciña Palestina. Tebas converteuse nunha gran metrópole; os faraóns trasladáronse á antiga capital, Menfis, que estaba máis próxima do centro do país. Sesostris III e Amenemhet II construíron grandes pirámides en Saqqara, Dahshur, Illahun e Hawara.

A XIII dinastía é incluída frecuentemente no Reino Medio, se ben o período parece ser un tempo de confusión e de príncipes estranxeiros provenientes da Asia, coñecidos por hicsos, que se aproveitaron da inestabilidade política no Delta do Nilo para obteren o control da área e máis tarde estender o seu poder para o sur. Os hicsos, que eran eses colonizadores que tanto lles serviran aos faraóns, trouxeron consigo a carruaxe de guerra puxada por cabalos. Os exipcios non botaron moito tempo ata recoñecer o poder desta carruaxe e comezar, eles mesmos, a usala.

Sexa como for, esta quebra no control central marca o inicio do Segundo Período Intermedio.

Segundo Período Intermedio

As dinastías XIII e XIV (1785 - 1670) foron débiles e foron derrubadas polos "hicsos" ou "gobernantes de terras estranxeiras". De orixe asiática, reinaron (dinastías XV e XVI) primeiro desde Ávaris e foron avanzando cara ao sur até tomaren Menfis. O seu primeiro faraón foi Salitis e o seu momento de maior poder corresponde ao reinado de Khian. Introduciron en Exipto os arreos do cabalo, o carro de guerra e o bronce.

En Tebas, xa en tempos da XIII dinastía, unha casa real local recoñeceuse vasala dos hicsos até que, acaudillados por Seqenenre Taa II e os seus fillos Kamés e Amosis, logrou unificar todo o Alto Exipto e se instaurou como dinastía XVII en tempos do hicso Apofis I.

Imperio Novo

miniatura|dereita|Busto de Amenofis IV/Akhenatón miniatura|Máscara de Tutankhamon. miniatura|Ramsés II.