Alberto Albístegi Zamakola, nado en Éibar o 24 de setembro de 1964, é un exfutbolista e político vasco, actual portavoz do PSE-EE nas Xuntas Xerais de Guipúscoa.

Xogador polivalente, ocupou diferentes posicións no campo, como líbero, defensa central, lateral dereito e mediocentro defensivo, disputando máis de 500 partidos ao longo da súa carreira. Destacou especialmente na Real Sociedad, o Sestao e o Deportivo da Coruña, e conseguiu tres ascensos á Primeira División, nas filas do propio Deportivo, o Mallorca e o Alavés.

Trala súa retirada do fútbol entrou en política e tras ser concelleiro de Éibar entre 2015 e 2019, obtivo un escano nas Xuntas Xerais de Guipúscoa polo PSE-EE. En 2024 foi nomeado voceiro do seu grupo nas Xuntas Xerais

Traxectoria

Como futbolista

Eibar Naceu en Éibar o 24 de setembro de 1964, sendo fillo do exfutbolista vasco Alberto Albístegui Arizmendiarrieta, xogador do Eibar, a Real Sociedad e Osasuna na década de 1950, e de Soledad Zamakola Zabala. Comezou a xogar ao fútbol no propio Eibar e con só 15 anos debutou co primeiro equipo na Terceira División.

Real Sociedad (1ª etapa) A continuación pasou á Real Sociedad e xogou durante catro anos co filial na Segunda División B, disputando 114 partidos oficiais, a maioría deles como defensa central. O 9 de setembro de 1984, con 19 anos, debutou co primeiro equipo da Real na Primeira División, aproveitando a folga de futbolistas que afectou ao fútbol profesional do país. Foi nun partido contra o CD Málaga en Atotxa no que foi aliñado como titular por Alberto Ormaetxea, pero tivo que ser substituído por lesión no primeiro tempo. Xogou un segundo encontro coa Real Sociedad na seguinte tempada, nunha goleada por 6-0 sobre o Hércules.

Sestao En 1986 foi contratado polo Sestao SC, da Segunda División, onde coincidiu con xogadores como Yosu, Aspiazu, Sabin Bilbao, José Luis Ribera ou Mendilíbar. Titular indiscutible ás ordes de Irureta, xogou habitualmente no centro do campo e disputou 83 partidos en dúas campañas, anotando sete goles.

Mallorca En 1988 foi traspasado ao Mallorca, tamén de Segunda. No seu primeiro ano en Mallorca conseguiu o ascenso á Primeira División con Lorenzo Serra Ferrer como adestrador. Na seguinte campaña apenas contou con minutos, sumando só oito partidos, tres deles como titular.

Deportivo da Coruña En xuño de 1990 foi contratado polo Deportivo da Coruña, na categoría de prata. No club galego reencontrouse cos seus excompañeiros Yosu, Mujika, Sabin Bibao, Aspiazu e Pedro Uralde. Na súa primeira campaña na Coruña disputou 42 encontros, todos agás un como titular, e realizou grandes actuacións na posición de líbero, revelándose como un dos mellores fichaxes do club, xunto a Yosu e Đukić. Marcou ademais catro goles, contribuíndo ao histórico ascenso do Deportivo á Primeira División despois de dúas décadas fóra da elite.

Permaneceu no club galego outras dúas tempadas, sendo un habitual nos onces iniciais de Arsenio. Na súa segunda tempada disputou a promoción de permanencia ante o Betis, e marcou de penalti un dos goles do seu equipo, que conseguiu manter a categoría. A súa polivalencia permitiulle ocupar diferentes posicións no campo. Nas súas primeiras tempadas na Coruña acostumaba a xogar como líbero ou centrocampista defensivo, pero coa chegada de Mauro Silva en 1992, pasou a xogar habitualmente como defensa central, ocupando en ocasións tamén o lateral dereito.

Na súa última campaña formou unha sólida liña defensiva xunto a José Luis Ribera, Đukić, López Rekarte e Nando, que foi vital para que o Paco Liaño gañase o Trofeo Zamora ao gardameta menos goleado da liga. O equipo obtivo o terceiro posto en liga, clasificándose así para a Copa da UEFA por primeira vez na súa historia. Disputou o seu derradeiro encontro co club o 19 de xuño de 1993, ante o Rayo Vallecano, despedíndose entre bágoas da afección de Riazor. O seu balance total no Deportivo foi de 114 partidos oficiais e nove goles.

Real Sociedad (2ª etapa) En 1993 volveu á Real Sociedad, onde militou durante as seguintes catro campañas, todas en Primeira e nun novo estadio: Anoeta. Titular habitual na tempada 1993/94, con Toshack como adestrador, unha grave lesión fíxolle perder a metade da seguinte, pero trala súa recuperación regresou ás aliñacións iniciais. Dende 1995 tivo de novo como adestrador a Javier Irureta, pero a súa sorte cambou en 1997 coa chegada ao banco do alemán Bernd Krauss, que preferiu a Gómez e non contou con el, polo que tivo que buscar unha saída. Disputou un total de 124 encontros na súa segunda etapa na Real, na que sumou 6 goles.

Alavés En novembro de 1997 fichou polo Deportivo Alavés, da Segunda Divisón. Esa mesma tempada, ás ordes de Mané, conseguiu o ascenso a Primeira División, o terceiro da súa carreira, contribuíndo cun total de 23 partidos entre liga e Copa, competición esta última na que eliminou ao Deportivo da Coruña en cuartos de final. Xogou unha segunda campaña no conxunto vitoriano, antes da súa retirada en 1999, aos 35 anos de idade.

Carreira política Licenciado en Historia, trala súa retirada traballou como coordinador de vendas en diferentes empresas. En 2015 presentouse ás eleccións municipais en Éibar polo PSE-EE e obtivo unha acta de concelleiro, ao ser o partido máis votado, por diante de EH Bildu, PNV e Irabazi. En 2019 obtivo un escano nas Xuntas Xerais de Guipúscoa e en 2024 foi nomeado voceiro do PSE-EE en dito parlamento.

Vida persoal Casou con Susana Burdell e foi pai de dúas fillas: Eneida e Ibone. É tío do tamén exfutbolista Alex Albistegi.

Palmarés Alavés Segunda División (1): 1997/98.

Estatísticas ClubTempadaDivisiónLigaCopa do ReiOutrosInclúe partidos de promoción de permanencia en Primeira División.TotalPartidosGolesPartidosGolesPartidosGolesPartidosGolesSan Sebastián1982/83Segunda B160----1601983/84Segunda B351----3511984/85Segunda B362----3621985/86Segunda B271----271Total club114400001144Real Sociedad1984/85Primeira10--00101985/86Primeira10--0010Sestao1986/87Segunda40321--4231987/88Segunda37340--413Total club7766100837Mallorca1988/89Segunda 17 1 00-- 1711989/90Primeira8000--80Total club2510000251Deportivo da Coruña1990/91Segunda 34 3 81-- 4241991/92Primeira 24 2 912 1 3541992/93Primeira33140--371Total club916212211149Real Sociedad1993/94Primeira30150--3511994/95Primeira19130--2211995/96Primeira29310--3031996/97Primeira35110--3611997/98Primeira0010--10Total club1156110001266Alavés1997/98Segunda19040--2301998/99Primeira19000--190Total club 38 0 400 0 420Total carreira 460 23 4232 1 50427

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en bdfutbol.com

Categoría:Nados en 1964 Categoría:Nados en Éibar Categoría:Futbolistas do País Vasco Categoría:Defensas de fútbol Categoría:Xogadores da Real Sociedad B Categoría:Xogadores da Real Sociedad Categoría:Xogadores do Sestao Sport Club Categoría:Xogadores do RCD Mallorca Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do Deportivo Alavés Categoría:Políticos do Partido Socialista de Euskadi Categoría:Concelleiros do País Vasco