miniatura|A fotografía máis antiga do Deportivo, disputando un partido contra o Pontevedra Sporting Club no Corralón da Gaiteira en 1907.A historia do Deportivo da Coruña abrangue máis de 119 anos, dende a súa fundación na Sala Calvet da Coruña en 1906.
Fundación e primeiros anos Primeiros pasos como club (1906–1914) miniatura|O Deportivo da Sala Calvet en 1908. O Deportivo da Coruña naceu o 2 de marzo de 1906, co nome oficial de "Club Deportivo de la Sala Calvet", un dos ximnasios que existían na cidade na época. Un grupo de deportistas liderado por Federico Fernández-Amor Calvet, decidía crear o club. O seu primeiro presidente foi Luís Cornide e a súa primeira formación deportiva, ante o Corunna o 8 de decembro de 1906, foi a integrada por Salvador Fojón, Venancio Deus, Juan Long, Ángel Rodríguez, Manuel Álvarez, Daniel Aler, Paco Martínez, Félix de la Paz, Virgilio Rodríguez, Juan Manuel López e Martínez Urioste. Este partido ía disputarse na praza de touros da cidade pero xogouse no "Corralón da Gaiteira". O envite constaba de dúas partes de 40 minutos, pero foi suspendido a 15 minutos do final por falta de luz, cando gañaba o Deportivo por dous goles a un. Ao día seguinte reanudouse a contenda, sen máis goles para ningún dos dous equipos. O capitán foi Manuel Álvarez e os goleadores Virgilio Rodríguez e o propio capitán.
O 7 de xaneiro de 1907 constiuíuse formalmente o club, sendo aprobada por unanimidade unha acta na que se oficializaba a creación dun club para a práctica de "toda clase de deportes". Na acta establecíase tamén que o Club Náutico da Sala Calvet cedería a súa traiñeira ao Deportivo e que os membros do Club Náutico pasarían a ser membros fundadores do novo club. A primeira xunta directiva do Deportivo quedou constituída por Luís Cornide como presidente, Rogelio Fernández como vicepresidente, Emilio Alba como tesoureiro, José Longueira como contador e Gonzalo Villanueva como secretario. Ademais nomeáronse os capitáns das diferentes seccións do club: Juan Long como capitán do equipo de fútbol, José Martínez Urioste do de náutica e Salvador Fojón do de pushball.
O Deportivo e o Corunna volveron enfrontarse nalgunhas ocasións máis. O 21 de xullo de 1907 gañou o equipo da Sala Calvet (2–1), repetindo triunfo catro días despois (5–1). O seguinte choque entre ambos data do 25 de agosto de 1908, pero non hai constancia do resultado. O 27 de setembro repetiron duelo e volveu vencer o Deportivo (3–1). En anos posteriores continuaron estas contendas.
Xogou o equipo no chamado "Corralón da Gaiteira", até a creación do primitivo campo de Riazor en 1909. Este novo recinto tiña unha superficie de 18.000 metros cadrados e unha capacidade de 6.000 localidades. O seu impulsor foi Federico Fernández-Amor Calvet. Inaugurouse ante o Fortuna de Vigo cun equipo formado por Martínez, Long, Ancos, De Llano, Martínez, Rajoy, Rodríguez, Álvarez, Rincón, Paz e Portela. Uns meses antes, o Rei Afonso XIII, con motivo dunha visita á cidade, aceptara a presidencia de honra do club, que pasou a denominarse "Real Club Deportivo da Sala Calvet". Tamén en 1909, o Deportivo comezou a organizar o Campionato Provincial "Copa Gabino Bugallal", proclamándose campión da primeira edición, ao derrotar na final ao Real Club Coruña por 2-0. esquerda|miniatura|Equipo do Deportivo campión do Concurso España de 1912. En 1910 o club participou por primeira vez na Copa do Rei, nunha edición marcada por un cisma producido nos clubs españois que tivo como consecuencia a disputa de dous torneos paralelos, en Donostia e Madrid. O Deportivo participou no de Madrid, organizado pola Federación Española de Clubs de Football, predecesora da RFEF, para o que se inscribiron nun principio sete clubs. Con todo, só tres clubs se desplazaron finalmente para o torneo (o Deportivo, o FC Barcelona e o Español), disputándose este cun sistema triangular. O 24 de maio de 1910 o Deportivo debutou na competición, enfrontándose ao Español no campo do Tiro del Pichón, gañando o equipo catalán por 1-0, cun tanto de Armando Giralt. Os coruñeses caeron derrotados tamén contra o Barcelona (5-0), que se acabou proclamando campión do torneo.
En febreiro de 1911 o Deportivo xogou un partido contra mariñeiros ingleses dos buques HMS Liverpool e HMS Gloucester, atracados no porto da cidade, gañando o equipo galego por 3-0. Dous meses despois disputou o seu primeiro encontro internacional contra un club como tal, o Vie au Grand Air du Médoc francés, ao que derrotou por 3-2 ante uns 3000 espectadores en Riazor, con goles de Macho, Virgilio e Álvarez. Ese mesmo ano o Deportivo gañou por segunda vez a Copa Gabino Bugallal, tras derrotar na final ao Everton FC coruñés por 5-1.
En 1912, o club mudou o seu nome polo de "Real Club Deportivo da Coruña", e participou no Concurso España, competición organizada na Coruña pola Federación Española de Clubs, e na que podían participar xogadores estranxeiros, a diferenza da Copa do Rei, onde se prohibiu a participación destes despois da polémica da edición de 1911. Inscribíronse só o Deportivo, o Vigo FC e o Pontevedra Sporting, e destes tres retirouse o equipo pontevedrés, polo que o torneo decidiuse nun man a man entre coruñeses e vigueses. O encontro disputouse no campo de Riazor e comezou o 7 de setembro, saltando o Deportivo ao terreo de xogo con De Llano, Fernández, Quincho Yarza, Portela, Álvarez, Catoira, Parra, Silva, Virgilio, Macho e Barreiro. O partido suspendeuse a falta de poucos minutos para o remate por falta de luz, cando o marcador sinalaba un 4-3 para o Deportivo, con dous tantos de Virgilio, un de Barreiro e outro de Parra. Retomouse ao día seguinte, sen producírense cambios no marcador, proclamándose así campión o Deportivo da Coruña. En 1913 gañou por terceira vez a Copa Gabino Bugallal ficando co trofeo en propiedade, vencendo por 6-1 ao British Club de Ferrol, formado por xogadores británicos. Traxectoria 1906-1914Tempada20px CopaCampionato de GaliciaOutros / Notas1906–07 1907–08 1908–09 1909–10Final 1910–11Retirado 1911–12 Campión do Concurso España1912–13 1913–14
Escisión e anos de inactividade (1914-1918)
Debido á forte rivalidade co Real Club Coruña, os partidos contra o equipo negro e amarelo remataban en ocasións con altercados entre os xogadores e tamén entre os seareiros. Por este motivo, a directiva do Deportivo decidiu non volver xogar contra o Coruña, facéndoo en vez diso, contra outros equipos coruñeses, vigueses e ferroláns. Tras un tempo sen enfrontarse, en 1914 os futbolistas do Deportivo, descontentos coa situación, pactaron un par de partidos amigables contra o Coruña, sendo desautorizados pola directiva presidida por Rogelio Fernández Conde. Os xogadores fixeron caso omiso e o 30 de agosto disputaron no campo de Monelos o primeiro dos encontros, resultando vencedor o Real Club Coruña por 2-0. Unha semana despois xogouse o segundo partido, tamén con vitoria coruñesistas, por 4-0.
Cara a finais de outubro de 1914, os xogadores do Deportivo da Coruña constituíronse como un novo club, co nome de Deportivo FC Auténtico, e con Carlos González de Ancos como o seu primeiro presidente. Deste xeito, o Deportivo orixinal quedou sen xogadores, permanecendo nel só a directiva. O club mantívose sen competir durante os seguintes anos, nos que o Deportivo Auténtico xogou no campo de Riazor e coas mesmas cores branca e azul do Deportivo da Coruña.
O Deportivo Auténtico disputou o Campionato de Galicia nas tempadas 1916/17 e 1917/18 e estivo presidido dende finais de 1917 por Virgilio Rodríguez. Foi precisamente Virgilio quen propiciou a reunificación dos dous equipos en agosto de 1918, e pouco despois converteuse en presidente do club reunificado, que conservou o nome do Deportivo orixinal. Traxectoria 1914-1918Tempada20px CopaCampionato de GaliciaOutros / Notas1914–15 Sen xogadores1915–16 1916–17 1917–18
Estrea no Campionato de Galicia (1918-1928) miniatura|O Deportivo en 1927. Na tempada 1918/19 disputou por primeira vez o Campionato de Galicia, xunto co Fortuna de Vigo, o Vigo Sporting Club, o Real Club Coruña, e o Pontevedra Athletic Club. Debutou o 2 de febreiro de 1919 contra o Fortuna no campo de Bouzas, recibindo unha goleada por 6-1. Na seguinte xornada chegou a primeira vitoria, vencendo ao Coruña por 3-2, con dous goles de Álvarez e un de Mella. O Deportivo finalizou a tempada en terceira posición, por detrás dos dous equipos vigueses, que dominaron o campionato nos seguintes anos.
En 1923 o Vigo e o Fortuna fusionáronse dando lugar ao Celta de Vigo, situación coa que non estaban de acordo o futbolista Chiarroni e mais os medallistas olímpicos Ramón González e Luis Otero, que abandonaron Vigo para fichar polo Deportivo da Coruña. As posteriores protestas do Celta, que acusaron o Deportivo de ter subornado aos xogadores vigueses, levaron a Federación Galega a inhabilitar os tres futbolistas tránsfugas, acusándoos de profesionalismo, mentres que o Deportivo foi descualificado do Campionato de Galicia 1923/24. Porén, o Deportivo recorreu ante a Real Federación Española de Fútbol, a cal se pronunciou en favor dos herculinos e anulou a sanción contra o club por entender que non existira suborno, instando á FGF a que readmitise o Deportivo no campionato, aínda que si mantivo a sanción sobre os tres xogadores por existir duplicidade de fichas. A FGF enviou un escrito de protesta á RFEF, mais esta reafirmouse na súa decisión, polo que a FGF convocou unha asemblea extraordinaria na que acordou por maioría acepta-lo veredicto da RFEF. Pouco despois xurdiu outra polémica semellante arredor de Isidro, gardameta do Celta que solicitou a baixa do club nas vésperas do Campionato de Galicia 1924/25 e mudou o seu domicilio á Coruña, aínda que sen poder fichar por outro club durante esa tempada xa que o Celta non o autorizou. No inicio da seguinte tempada (1925/26) tentou fichar polo Deportivo da Coruña, mais o Celta declarouno en “rebeldía” e a Federación Galega de Fútbol denegou a fichaxe. Porén, a Real Federación Española de Fútbol acordou en decembro de 1925 que a ficha de Isidro fose traspasada ao Deportivo. Estes feitos foron considerados unha ofensa para o Celta e foron un dos detonantes da histórica rivalidade entre os dous clubs.
En xuño de 1924 o Deportivo viviu un dos seus grandes momentos, ao enfrontarse en Riazor á selección uruguaia, que ía camiño dos Xogos Olímpicos de París, onde lograría a medalla de ouro. O Deportivo formou no primeiro dos dous partidos que se disputaron con Mulero, Otero, Abelardo, Redondela, Rivera, Viñas, Leonardo, Ramón, Chiarroni, Cancela e Alonso. No primeiro deles adiantouse o combinado uruguaio por medio de Pedro Petrone, pero o Deportivo, que xogaba reforzado co ferrolán Manuel Rivera, deulle a volta ao marcador con dous goles de Chiarroni e Alonso. Con todo, o galego-uruguaio Pedro Cea puxo o empate de novo e Héctor Scarone marcou o gol da vitoria para os uruguaios. No segundo encontro, o ourensán Tolete, que substituíu a Leonardo, puxo por diante ao Deportivo pouco despois de comezar, pero os uruguaios realizaron unha nova remontada e venceron por 1-2, con tantos de Pedro Etchegoyen e Ángel Romano.
En xuño visitou Riazor o Dundee FC, equipo profesional escocés que se enfrontou ao Deportivo en tres partidos, nos que comezou a destacar un futbolista que se convertería nun emblema do club nos seguintes anos, Ramón González. O dianteiro coruñés, que fora elixido capitán dous meses antes, pouco despois da súa polémica chegada dende Vigo, marcoulle sete goles aos escoceses nos dous primeiros partidos, nos que o Deportivo conseguiu un empate (3-3) e unha vitoria por goleada (5-1).