José Ramón Lamelo Pérez, nado en Monforte de Lemos o 25 de abril de 1942 e finado en Pontevedra o 25 de xuño de 2025, foi un futbolista e adestrador galego. Xogaba de dianteiro e desenvolveu case toda a súa carreira como xogador no Deportivo da Coruña.

Traxectoria Tras xogar no Español SD da Coruña asinou co Deportivo en setembro de 1959, con 17 anos, xunto ao seu compañeiro do Español, Guillermo. Debutou co primeiro equipo en Segunda División o 18 de setembro de 1960, no partido da segunda xornada fronte ao Salamanca en Riazor, anotando un dos tres goles do seu equipo (3-2). Disputou un total de 12 partidos esa tempada. Na tempada 1961/62 marchou cedido ao Racing de Ferrol, de novo xunto a Guillermo.

Tras dous anos en Ferrol volveu ao Deportivo no verán de 1963, facéndose cun posto de titular. Anotou 14 goles durante a tempada, na que o Deportivo se proclamou campión da Segunda División. Na 1964/65 debutou en Primeira División, aínda que participou tan só en 6 partidos, sen marcar ningún gol. Os seus números foron semellantes nas seguintes tempadas, nas que o Deportivo descendeu e ascendeu varias veces. Permaneceu no club até xuño de 1968, momento no que rematou o seu contrato, pechando o seu paso polo Deportivo cun total de 62 partidos e 18 goles

A continuación foi contratado polo Granada, pero finalmente o club non lle fixo ficha. Disputou un partido co Racing de Santander na Terceira División, na derradeira xornada da tempada 1968/69 contra o Bilbao Athletic.

Trala súa retirada tivo unha modesta carreira como adestrador, dirixindo a Cultural Leonesa, o Cacereño, o Lugo, o Tenerife e o Mensajero. Foi tamén o encargado de confeccionar a selección coruñesa de modestos que disputou o histórico partido amigable contra a selección do Camerún en Elviña, que serviu de preparación ao combinado africano para o Mundial de 1982.

Fóra do fútbol rexentou durante anos unha tinturaría no barrio dos Castros da Coruña. Faleceu en Pontevedra o 25 de xuño de 2025, sendo soterrado no cemiterio de Santo Amaro de Mourente.

Palmarés Deportivo Segunda División (3): 1963–64, 1965–66, 1967–68

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en bdfutbol.com

Categoría:Nados en 1942 Categoría:Finados en 2025 Categoría:Nados en Monforte de Lemos Categoría:Futbolistas de Monforte de Lemos Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do Racing de Ferrol Categoría:Xogadores do Racing de Santander Categoría:Adestradores de fútbol de Galicia Categoría:Adestradores da Cultural Leonesa Categoría:Xogadores do CD Lugo Categoría:Xogadores do CP Cacereño Categoría:Xogadores do CD Tenerife Categoría:Xogadores do CD Mensajero Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes