Francisco-Javier Elola Díaz-Varela, nado en Monforte de Lemos o 22 de setembro de 1877 e finado en Barcelona o 12 de maio de 1939, foi un xuíz e político galego.
Traxectoria Elola estudou dereito na Universidade de Santiago de Compostela, foi pasante no despacho de Francesc Pi i Margall en Madrid en 1901. Aprobou as oposición á carreira fiscal e xudicial en 1905 exercendo en Galicia, Asturias, Cataluña e León, e o 4 de decembro de 1923, logo da proclamación da ditadura de Primo de Rivera, entrou como vogal na Xunta Organizadora do Poder Xudicial. En 1924 nomeárono xuíz do distrito de Chamberí e representou a España nos Congresos Penais Internacionais de París, Bruxelas (1926) e Budapest (1929).
Co cambio de réxime o goberno nomeouno Fiscal Xeral da República o 31 de maio de 1931 cesando o 31 de xullo ao entrar no Tribunal Supremo como novo maxistrado. Nas eleccións a Cortes Constituíntes de 1931 accedeu ao Parlamento como deputado pola provincia de Lugo nas listas do Partido Republicano Radical, participando nas discusións sobre a organización do poder xudicial en España mesmo enfrontándose co seu partido o que levaría a abandonalo e a non presentarse ás eleccións de 1933, continuando como maxistrado do Tribunal Supremo. Logo do golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 foi nomeado presidente da Sala Terceira do Contencioso Administrativo do Tribunal Supremo de España o 26 de agosto, e o 16 de setembro xuíz especial instrutor da causa pola insurrección en todos os cuarteis e cantóns militares da capital de España; gardou as formalidades legais, admitíndolle ao xeneral Joaquín Fanjul Goñi as probas que presentara, razón pola cal foi apartado da instrución. O 27 de agosto de 1937 accedeu á presidencia da Xunta de Inspección dos Tribunais de Madrid e en outubro de 1937 trasladouse a Cataluña, onde en xuño de 1938 defendeu os funcionarios dos xulgados de Barcelona acusados de quintacolumnismo.
Cando as tropas republicanas abandonaron Cataluña en 1939, decidiu quedar ofrecéndose a colaborar co novo réxime, pero detido o 26 de febreiro procesárono pola morte do xeneral Fanjul e os mortos da prisión Modelo de Madrid do 23 de agosto de 1936. Condenado a morte executárono en Barcelona o 12 de maio de 1939.
Véxase tamén Bibliografía
Ligazóns externas Ficha en galegos.info
Francisco Javier Elola Díaz Varela en Biografías del Ministerio Fiscal.
Francisco Javier Elola Díaz-Varela, la lealtad de un magistrado al Estado de derecho hasta las últimas consecuencias Francisco Vázquez Osuna
Categoría:Xuíces de Galicia Categoría:Deputados de Galicia no Congreso dos Deputados Categoría:Deputados nas Cortes da II República Categoría:Asasinados polo bando nacional Categoría:Nados en Monforte de Lemos Categoría:Nados en 1877 Categoría:Finados en 1939 Categoría:Fiscais de Galicia Categoría:Alumnos da Universidade de Santiago de Compostela