miniatura|Cartel do Comité de Saúde Pública da Comuna de París. miniatura|Guerra civil, litografía de Édouard Manet, 1871.

A Comuna de París referíase orixinalmente ó goberno de París durante a Revolución Francesa. Porén, na actualidade o termo usualmente refírese ó goberno socialista que dominou brevemente en París dende o 18 de marzo (formalmente o 26 de marzo) de 1871 ata o 28 de maio dese ano.

No sentido estrito, a Comuna de París de 1871 foi simplemente a autoridade local («commune» en francés é un consello dun pobo ou distrito) que exerceu o poder en París durante dous meses na primavera de 1871. No entanto, as condicións na que se formou, os seus controvertidos decretos e o seu cruel final convértena nun dos máis importantes episodios políticos da época.

Antecedentes A comuna foi posíbel grazas a un levantamento popular de todas as tendencias revolucionarias dentro de París despois de que a guerra franco-prusiana terminase coa Francia derrotada. A guerra coa Prusia, comezada por Napoleón III («Louis Bonaparte») en xullo de 1870, terminou desastrosamente para a Francia, e en setembro dese ano, París quedou baixo o asedio do exército inimigo. A fenda entre ricos e pobres na capital ampliouse enormemente nos últimos anos e coa escaseza de comida, sumado ó constante bombardeo prusiano, levou a un descontento xeral. Os traballadores estábanse volvendo máis receptivos a ideas máis radicais. Unha demanda específica foi a de que París debía posuír un goberno autónomo, cunha comuna elixida pola propia poboación, algo que xa gozaban a meirande parte das cidades francesas, pero que era negado a París por un goberno medorento da indócil poboación da capital. Un desexo máis vago, pero tamén relacionado, foi o dun sistema de xestión da economía máis xusto, aínda que non necesariamente un sistema socialista, resumido no berro popular de "A Sociale!"

En xaneiro de 1871, cando xa transcorreran 4 meses de asedio, Louis-Adolphe Thiers, futuro xefe executivo (máis tarde presidente) da Terceira República Francesa, buscou un armisticio. Os prusianos incluíron a ocupación de París dentro dos termos da paz. Malia as penalidades do asedio moitos parisienses estaban amargamente resentidos e particularmente anoxados de que permitisen ós prusianos unha breve ocupación cerimonial da súa cidade.

Por aquel tempo varias decenas de miles de parisienses eran membros armados dunha milicia de cidadáns coñecida como a «Garda Nacional», a cal se expandira moito para axudar a defender a cidade. Algúns batallóns nos distritos máis pobres elixían os seus propios oficiais e posuían algúns canóns que foran creados en París e pagados por subscrición pública. A cidade e a súa Garda Nacional resistiron o ataque das tropas prusianas durante seis meses. A poboación de París foi desafiante ao enfrontaren a ocupación e limitaron a presenza prusiana a unha pequena área da cidade, vixiando ademais os límites desta.

Comezaron movementos para formar un «Comité Central» da Garda Nacional. Louis-Adolphe Thiers, presidente do goberno francés, a nova Terceira República, deuse de conta de que naquela inestábel situación cabía a posibilidade de que este comité se constituíse nun centro alternativo de poder ó do goberno. Ademais, estaba preocupado por que os traballadores se armasen coas armas da Garda Nacional e provocasen os prusianos.

Os eventos nesta etapa son confusos, pero o que é certo é que antes de que os prusianos entrasen en París, a Garda Nacional, axudada por civís, arranxouse para afastar do camiño dos prusianos os canóns (que consideraban da súa propiedade) e almacenalos en «distritos seguros». Un dos principais «parques de canóns» estaba nas alturas de Montmartre.

O alzamento e natureza da Comuna miniatura|Barricadas diante de La Madelaine. Os prusianos entraron en París brevemente e abandonárona de novo sen ningún incidente. Pero París continuou cercada mentres o problema das indemnizacións das guerras seguía afectando.

Ao mesmo tempo que o Comité Central da Garda Nacional estaba adoptando unha posición cada vez máis radical e gañando firmemente autoridade, o goberno non podía permitirlle indefinidamente ter 400 canóns á súa disposición. E así, como primeiro paso, o 18 de marzo Thiers ordenou ás súas tropas coller os canóns almacenados nas cimas do Montmartre. No canto de seguir as instrucións, os soldados, que non tiñan a moral moi alta, fraternizaron coa Garda Nacional e os residentes locais. Cando o seu xeneral, Claude Martin Lecomte, lles ordenou disparar a un xentío desarmado, apeárono do seu cabalo. Máis tarde foi fusilado, xunto co xeneral Thomas, un odiado comandante anterior da Garda que foi recollido por un xentío en «Outer Boulevards».

Outras unidades armadas uníronse á rebelión, que se estendeu tan rapidamente que o presidente Thiers ordenou a evacuación inmediata de París das forzas regulares que aínda lle seguían sendo leais, tales como a policía, e dos funcionarios. El mesmo fuxiu, á cabeza dos seus homes, a Versalles. O Comité Central da Garda Nacional era agora o único goberno efectivo en París: case inmediatamente renunciou á súa autoridade e organizou eleccións para unha comuna, propostas para o 26 de marzo.

Os 92 membros da Comuna (ou, mellor dito, do Concilio Comunal) incluía habilidosos traballadores, algúns «profesionais» (tales como doutores e xornalistas), e un gran número de activistas políticos, dende reformistas republicanos, ademais de varios tipos de socialistas, ata xacobinos que tendían a mirar nostalxicamente a Revolución Francesa. O carismático socialista Louis Auguste Blanqui foi elixido presidente do Concilio, pero isto ocorreu na súa ausencia xa que fora arrestado o 17 de marzo e estivo retido nunha prisión secreta durante a duración da Comuna. A Comuna de París foi proclamada o 28 de marzo, aínda que os distritos locais con frecuencia retiveron ás organizacións polo asedio.

Malia as diferenzas internas o Concilio, que tiña o poder lexislativo e o executivo, tivo un bo comezo ao manter os servizos públicos esenciais para unha cidade de dous millóns de habitantes; tamén foi capaz de acadar un consenso sobre certas políticas que tendían cara a unha democracia social progresista máis que a unha revolución social. Debido á falta de tempo (a Comuna puido reunirse menos de 60 días en total) só uns poucos decretos foron implantados. Estes incluían: remisión das alugueiros, que foran aumentadas considerabelmente polos alugueiros, ata que se rematase o asedio; a abolición do traballo nocturno nos centos de panadarías de París; a abolición da guillotina; a concesión de pensións para as viúvas dos membros da Garda Nacional mortos en servizo, así tamén como para os seus fillos; a devolución gratuíta, a través das casas de empeño estatais, de todas as ferramentas dos traballadores; pospuxéronse as obrigacións de débedas e abolíronse os intereses nas débedas; e, afastándose dos estritos principios "reformistas", o dereito dos empregados a tomar o control dunha empresa que fose abandonada polo seu dono.

O Concilio terminou co illamento e substituíu o exército convencional cunha Garda Nacional de todos os cidadáns que podían portar armas. A lexislación proposta separaba a igrexa do estado, facía que todas as propiedades da igrexa pasasen a ser propiedade estatal, e excluía a relixión das escolas. Permitíuselles ás igrexas seguir coa súa actividade relixiosa só se mantiñan as súas portas abertas ao público pola tarde para que se realizasen reunións políticas. Isto fixo das igrexas o principal centro político participativo da Comuna. Outra lexislación proxectada trataba de reformas educativas que permitirían que a educación e a práctica técnica fosen dispoñíbeis para todo o mundo.

A Comuna adoptou durante a súa breve existencia o anteriormente descartado calendario da I República Francesa, así como a bandeira vermella no canto da tricolor.

A carga de traballo foi facilitada por varios factores, aínda que se esperaba dos membros do concilio (que non eran «representantes» senón «delegados» e podían ser inmediatamente cambiados polos seus electores) que realizasen algunhas funcións executivas á parte das lexislativas. As numerosas organizacións ad hoc estabelecidas durante o asedio nos barrios («quartires») para satisfacer as necesidades sociais (cantinas, estacións de primeiros auxilios etc.) continuaron crecendo e cooperando coa Comuna.

Ao mesmo tempo, estas asembleas locais perseguían as súas propias metas, normalmente baixo a dirección de traballadores locais. A pesar do reformismo formal do Concilio da Comuna, en conxunto a composición da Comuna era moito máis revolucionaria. As tendencias revolucionarias incluían anarquistas e socialistas, Branquistas e republicanos liberais. A Comuna de París foi celebrada por anarquistas e socialistas marxistas continuamente ata a actualidade, en parte debido á variedade de tendencias, o alto grao de control por parte dos traballadores e a notábel cooperación entre os diferentes bandos revolucionarios.

No III arrondissement, por exemplo, proporcionouse material escolar gratuitamente, tres escolas transformáronse en entidades laicas e estabeleceuse un orfanato. No XX arrondissement, proporcionouse ós escolares roupa e comida gratuíta. Existiron moitos casos máis deste tipo. Pero un ingrediente vital no relativo éxito da Comuna na súa etapa foi a iniciativa mostrada por traballadores sinxelos no dominio público, que foron capaces de tomaren as responsabilidades dos administradores e especialistas removidos por Thiers.

Friedrich Engels, o máis próximo colaborador de Marx, mantería despois que a ausencia dun exército fixo, as políticas autónomas dos "quartiers" e outras características tiveron como consecuencia que a Comuna non fose como un estado no sentido represivo do termo: era unha forma de transición en dirección da abolición do estado como tal. O seu posíbel desenvolvemento futuro, con todo, seguiría sendo unha pregunta teórica: logo de só unha semana foi atacada por elementos do novo exército (que incluía antigos prisioneiros de guerra liberados polos prusianos) creado rapidamente en Versalles.

O Asalto Pero a comuna non foi quen de estenderse ao resto das cidades francesas e aproveitando este illamento o goberno enviou un exército de 100.000 homes para tomar a capital. A Comuna foi asaltada dende o 2 de abril polo exército que tiña a súa base de operacións en Versalles e a cidade foi bombardeada constantemente. A vantaxe do goberno era tal que dende mediados de abril negaron a posibilidade de negociacións.

A zona exterior de Courbevoie foi capturada, e nun intento atrasado das forzas da Comuna para marcharen sobre Versalles fracasou ignominiosamente. A defensa e a supervivencia transformáronse nas principais consideracións. As mulleres da clase traballadora de París agora tiñan un firme e importante papel. Servían na Garda Nacional e ata formaron o seu propio batallón, co que máis tarde pelexaron heroicamente para defenderen o Palacio Blanche(Pazo Branco), peza fundamental para Montmartre. (É importante tamén sinalar que ata baixo o goberno da Comuna as mulleres aínda non tiñan dereito a voto, nin tampouco existían membros femininos no Concilio.)

Unha grande axuda tamén veu dende a comunidade estranxeira de refuxiados e exiliados políticos en París: un deles, o polaco ex-oficial e nacionalista Jaroslaw Dombrowski, converteuse no mellor xeneral da Comuna. O Concilio estaba fortemente influenciado polo internacionalismo, polo que a Columna Vendôme, que celebraba as vitorias de Napoleón e era considerada pola Comuna coma un monumento ao Chovinismo, foi derrubada.