Eduardo Seoane Díaz, nado na Coruña o 25 de xaneiro de 1948 e finado o 22 de xuño de 2022, foi un futbolista galego, que xogaba de porteiro. Destacou especialmente no Deportivo da Coruña, no que militou durante seis tempadas, na Primeira, Segunda e Terceira División.

Traxectoria

Inicios Nado en San Pedro de Visma, formouse como futbolista no Atlético San Pedro e no Sin Querer antes de ingresar en 1966 no Deportivo da Coruña. Na tempada 1966/67 xogou cedido no Ordes, mentres que na seguinte incorporouse ao Fabril. Xogou co filial do Deportivo durante tres tempadas na Terceira División, compartindo portería con Canedo e tendo como adestrador a Arsenio.

Deportivo da Coruña O 6 de xaneiro de 1971, e da man de Arsenio, debutou co primeiro equipo do Deportivo na Copa do Rei, nunha goleada por 4-0 sobre o Salamanca. Na parte final da tempada quitoulle a titularidade a Aguilar e disputou oito partidos de liga, e na última xornada foi un dos 11 homes que conseguiron o ascenso á Primeira División, acompañado por Belló, Luis, Cholo, Manolete, Bordoy, Cortés, Loureda, Beci, Cervera e Juanito.

Na tempada 1971/72 debutou na máxima categoría, e xogou completos tódolos partidos de liga e Copa. Na seguinte campaña sufriu unha lesión nun partido contra o Zaragoza que o afastou dos terreos de xogo durante meses. Ao seu regreso foi suplente de Aguilar, ata que este se lesionou e Seoane recuperou a titularidade, nunha campaña na que o equipo acabou descendendo a Segunda. Na tempada 1973/74, na que compartiu a titularidade de novo con Aguilar, pasaron ata catro adestradores polo banco do club coruñés, que finalmente descendeu por primeira vez á Terceira División.

Foi titular na maioría de encontros na categoría de bronce, proclamándose campión e regresando así a Segunda. Ao ano seguinte disputou 30 partidos na que foi a súa derradeira campaña no Deportivo.

Salamanca e Oviedo En xullo de 1976 foi traspasado ao Salamanca, da Primeira División. No equipo dirixido por García Traid só puido disputar tres partidos de liga, sendo o gardameta titular o arxentino D'Alessandro, pero foi titular en 10 encontros da Copa do Rei, competición na que o equipo salmantino chegou ata as semifinais, caendo finalmente ante o Athletic. En 1977 fichou polo Oviedo, de Segunda División, co que descendeu na primeira das súas dúas campañas no equipo. Na segunda delas deixou o club en xaneiro, por problemas co presidente e o adestrador Lalo.

Compostela e retirada Na tempada 1979/80 xogou co Compostela na Terceira División, ás ordes de José. Foi titular na maioría de partidos e proclamouse campión do Grupo I, logrando así o ascenso á Segunda División B. A continuación deixou o fútbol ao non poder compatibilizalo co seu novo traballo na Refinería da Coruña.

Faleceu o 22 de xuño de 2022, aos 74 anos de idade.

Palmarés Deportivo da Coruña Terceira División (1): 1974/75.

Compostela Terceira División (1): 1978/79.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en Peña Deportivista Os Zorros

Categoría:Nados na Coruña Categoría:Nados en 1948 Categoría:Finados en 2022 Categoría:Futbolistas da Coruña Categoría:Gardametas de fútbol Categoría:Xogadores do Deportivo Fabril Categoría:Xogadores da SDC Órdenes Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores da UD Salamanca Categoría:Xogadores do Real Oviedo Categoría:Xogadores da SD Compostela Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes