Ulises é unha novela do escritor irlandés James Joyce, escrita en lingua inglesa co título orixinal de Ulysses. Foi serializada en parte no xornal americano The Little Review dende marzo de 1918 a decembro de 1920, e posteriormente foi publicada por Sylvia Beach en febreiro de 1922, en París. Está considerada unha das obras máis importantes da Literatura modernista, e foi descrita como "a demostración e a suma de todo o movemento".Beebe (1971), p. 176.
Características Ulises conta o paseo de Leopold Bloom pola cidade de Dublín durante un día corrente, o 16 de xuño de 1904 (o día da primeira cita de Joyce coa súa futura muller, Nora Barnacle).Keillor, Garrison, "The Writer's Almanac", 2 de febreiro de 2010. Ulises é o nome latinizado de Odiseo, o heroe do poema de Homero A Odisea, e a novela establece unha serie de paralelismos entre os seus personaxes e situacións e os do poema (como a correspondencia de Leopold Bloom con Odiseo, Molly Bloom con Penélope e Stephen Dedalus con Telémaco).
Ulises ten aproximadamente 265.000 palabras, cun vocabulario de 30.030 (incluíndo nomes propios, plurais e distintas formas verbais), e está dividido en 18 capítulos. Dende a súa publicación, o libro xerou moita controversia e escrutinio, como xuízos por obscenidade. A técnica do monólogo interior de Ulises, cunha estruturación coidadosa, e a prosa experimental, chea de calembur, parodias e alusións, así como a súa rica caracterización e humor aberto, fixeron que o libro teña un gran prestixio no panteón modernista. En 1998, a Modern Library clasificou Ulises no primeiro posto da súa lista das "100 mellores novelas do século XX en lingua inglesa". Outra novela de Joyce, Retrato do artista cando novo, acadou o terceiro posto nesta listaxe. Os fans de Joyce en todo o mundo celebran o 16 de xuño como o Bloomsday.
Tradución ao galego
O 15 de agosto de 1926 apareceron publicados na revista Nós algúns fragmentos do Ulises traducidos por Ramón Otero Pedrayo (2003): "Introdución", en : Fragmentos de Ulises, 1926. Vigo: Ed. Galaxia. Páx. 7-51. ISBN 978-84-8288-646-0., facendo do galego a primeira lingua da Península Ibérica en que se puideron ler partes da novela. A totalidade da obra foi traducida por Eva Almazán, Xavier Queipo, María Alonso Seisdedos e Antón Vialle e publicada por Editorial Galaxia en 2013. Este proxecto editorial, malia ter sido rexeitado nas axudas da Dirección Xeral do Libro do ano 2011, acadou o Premio Nacional de Tradución de España en 2014.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Víctor Freixanes presenta Ulises en Eirado, TVG2
Categoría:Obras literarias de 1922 Categoría:Novelas en inglés Categoría:Obras traducidas do inglés ao galego Categoría:Novelas ambientadas en Dublín