Francisco Lamas López, nado en Lugo en 1905 e finado en Madrid o 18 de febreiro de 1987, foi un médico e político galego.
Traxectoria Fillo de Francisco Lamas Díaz e Manuela López Vázquez. Orfo de pai aos nove anos, ten que poñerse a traballar. Xa desde unha idade moi temperá se tiña iniciado na lectura dos autores clásicos galegos, fundamentalmente Rosalía de Castro, cuxos versos lía xunto cun grupo de amigos en reunións arredor da muralla de Lugo. Esta paixón inicial polos clásicos motivou a invitación para impartir unha conferencia organizada pola Asociación de Estudiantes del Instituto de Lugo (que titulou “Rosalía de Castro y Curros Enríquez”) cando tiña só dezaseis anos. Pouco despois iniciou a súa traxectoria no mundo do xornalismo e as colaboracións en periódicos como La Provincia, revistas e proxectos editoriais, época á que se fai referencia nas súas memorias:
En 1931 participou, xunto con Lorenzo Varela e outros intelectuais lucenses, na fundación do Ateneo Popular de Lugo, do que foi nomeado secretario primeiro, mais o proxecto non chegará a bo termo, sinalando Lamas, entre outros factores, a desidia e a indiferenza manifestadas polos propios socios. O Ateneo xogaba un papel oposto ao do Círculo de las Artes, cuxas actividades culturais e membros considerábanse en exceso institucionalizadas e burocratizadas. Neste momento o grupo do Ateneo comezou a organizar algunhas actividades xunto con grupos culturais (formais ou non) de Santiago de Compostela.
Colaborou e impulsou diferentes empresas do eido cultural, participou con Ánxel Fole, Xosé Gayoso Veiga e outros autores do grupo lugués en proxectos como Guión e Yunque, que codirixiu xunto con Fole. Xunto con eles un grupo de escritores e xentes do mundo das artes lucenses comezaron a pór en marcha diversas iniciativas culturais (cine-club, conferencias...).
Sobre Yunque comenta Lamas López nas súas memorias:
No eido político organizou Acción Republicana, foi secretario de Izquierda Republicana e alcalde de Lugo xusto antes do estoupido do levantamento militar que conduciu á guerra civil. Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 foi detido o 24 de xullo e ingresou no cuartel de San Fernando con Roberto Ouro e despois na cadea. Xulgado en Lugo en consello de guerra acusado de traizón, foi condenado a cadea perpetua e multa mancomunada de 1,5 millóns de pesetas. Conmutada a 30 anos, estivo preso no Fuerte San Cristóbal de Pamplona dende o 23 de decembro de 1936 ata o 31 de decembro de 1941 cando saíu en liberdade provisional. Instalouse como médico privado en Vilagarcía de Arousa. Logo foi profesor do Instituto Cajal (1947-1948), da Facultade de Medicina (1956-1959) e da Escuela de Terapia Ocupacional. Colaborador en distintos medios de comunicación, foi autor dos traballos El medio ambiente en el hospital de hoy e El médico ante la frontera de la muerte.
Obras
Escribiu traballos médicos para revistas, entre os que destacan "El hospital, la medicina y la evolución del pensamiento social", "Meditación de un médico en tomo al hoy del hombre" e "El médico ante la frontera de la muerte". Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Ligazóns externas Ficha en Represión franquista en Lugo
Categoría:Médicos de Lugo Categoría:Alcaldes de Lugo Categoría:Alcaldes de Galicia durante a II República Categoría:Alcaldes de Galicia por Izquierda Republicana Categoría:Nados en Lugo Categoría:Nados en 1905 Categoría:Finados en 1987