José Fernández Canosa, máis coñecido como o Ghaiteiro do Piñeiro ou o Ghaiteiriño, nado no Piñeiro (Aldán, Cangas de Morrazo) o 1 de decembro de 1935 e falecido no mesmo lugar o 9 de marzo de 2025,Calvo, Juan (9/3/2025). "Muere el último gran gaiteiro de Aldán". Faro de Vigo . foi un gaiteiro galego.
Traxectoria Fillo de Avelino Fernández e Dolores Canosa, comezou a traballar nun serradoiro aos 8 anos. Aos dezaoito meteuse a albanel, oficio que, xunto co de gaiteiro, desempeñaría o resto da vida. Montou a súa propia empresa, pero aínda así acabou tendo a necesidade de buscar traballo fóra, en Zaragoza en 1976 e máis tarde saíndo por contratos a Suíza. No 1988 volveu ao seu barrio natal e retomou a súa empresa ata que se xubilou en 2000. Aos vinte e catro anos, coñeceu na rapa das bestas de Sabucedo a Carmen Ambroa Lago, coa que casou en 1960 e tiveron cinco fillos e dúas fillas.
Os primeiros contactos coa gaita chegáronlle da man do seu pai, Avelino, do seu tío materno, Eustaquio, gaiteiro de sona na parroquia, e do seu avó. Desde ben novo comezou a practicar na casa ou cando ía co gando ao monte, coas frautas de cana que el mesmo facía, ben de pito ou ben de través. Tamén aproveitaba a vexiga do porco para armar unha gaita de cana, con punteiro, soprete e mesmo roncón de adorno.
Logo de casar pensou en pasarse á actividade gaiteira dun xeito máis profesional. Xuntouse co seu curmán Armando, co seu cuñado Manolo (bombo) e co irmán deste, José de Marcelino (caixa). Nunha tenda compraron dúas gaitas de ébano, hoxe desaparecidas. Fixeron tamén os primeiros traxes ao estilo dos grupos de gaiteiros da época e, sendo todos do Piñeiro, recuperaron o nome que José herdara da familia: Airiños do Piñeiro.
Tocou con esta primeira agrupación en múltiples festas: San Pedro, San Cibrán e Santo Amaro. Comezaron tamén a ir aos entroidos do Hío, de Aldán e de Darbo. Entre 1976 e 1979, cando foi traballar a Zaragoza, seguiu exercendo de gaiteiro no Centro Galego, co que chegou a tocar en Barcelona.
Nestes anos o cuarteto sufriu diversos cambios e mudaron os compoñentes, pero mantendo sempre de eixe central a José. Tocou con varios grupos da zona, e mesmo foi reclamado para tocar con cuartetos xa históricos do Morrazo como Airiños do Mar do Hío, Airiños do Castelo (San Pedro, Cangas) ou Airiños do Liboreiro (A Portela, Bueu). Entre 1981 e 1988, tocou para o grupo de baile Airiños de Arcade (Soutomaior).
Os Reis e a danza de Aldán Á marxe dos cuartetos, José recolleu o testemuño familiar de dúas importantes tradicións na parroquia: a danza e os Reis de Aldán. Foi polos anos vinte anos cando José colleu a remuda ao seu tío, Eustaquio Canosa, como gaiteiro acompañando os Reis. Tocou co bando de Reis do Piñeiro entre os anos 1955 e 1960, tras os que se deixaron de cantar. Case trinta anos despois, José e máis a familia procuraron a letra completa deste antigo romance e retomaron a tradición xunto coas dos Anos Novos e as Navidás.
Xa con 50 anos, José tomou tamén o relevo como gaiteiro da coñecida danza de Aldán, aínda que a melodía xa a tomara herdada do seu pai. Tocouna vinte anos acompañando á caixa por Felisiano Otero pai, tamborileiro dos Airiños do Mar e caixeiro tamén da "Danza do Hío" durante trinta anos.
Rúa En xuño do ano 2016 cambiouse o nome da rúa Tartoucido (no Piñeiro, rúa onde se sitúa a súa casa) por rúa Camiño do Ghaiteiriño, e descubríronse unha escultura e unha placa en homenaxe a José Fernández Canosa.
Repertorio José foi un gaiteiro que estivo en activo practicamente máis de cincuenta anos e tocou con moitas agrupacións e baixo diversas circunstancias. A súa experiencia e o seu afán por ter sempre novo repertorio fixeron que a cantidade de pezas que coñecía e interpretaba se fixese inmensa e variada, desde as moi antigas, aprendidas na familia, ata as tocatas de moda dos días máis actuais. Estas adaptacións tiñan sempre un toque persoal, na liña do que adoitaba dicir: “para faser o que fan os outros, xa o fan os outros”.
José tiña importantes e amplas referencias no tocante aos cuartetos da súa época, pois coincidiu con moitos deles ao longo do tempo no afamado entroido do Hío. No de Aldán, ao contrario que na veciña parroquia do Hío, os grupos contratados non eran cuartetos, senón charangas das que José tomaba unha boa cantidade de pezas que logo adaptaba ao seu estilo.
Os ritmos bailables que interpretaba eran moi variados, e entre eles destacaban o pasodobre ou a rumba e soltos enxebres como a muiñeira ou a xota. Entre as pezas de moda, incluía unha boa cantidade de pasodobres e valses suramericanos, tangos e mesmo a polca.
Do seu toque destacaba unha ornamentación moi rica en recursos, o constante venteo movendo toda a man, as posturas do tocar pechado, os silencios reais que gustaba de facer e os requinteos que empregaba cando a peza o requiría.
Gravou o CD José Fernández Canosa. O Ghaiteiro do Piñeiro, editado pola Asociación de Gaiteiros Galegos e Edicións do Cumio e producido polo músico e compilador da tradición Guillerme Ignacio Costa. Nel colaboraron o seu fillo Javier e outros músicos de formación popular como Marcelino Otero, Xosé Bermúdez, “O Peix” e Manuel Sotelo.
Os títulos das pezas son: “Himno das solteiras” “Baila aquí mi morena” “Rumba I” “Muiñeira I” “Valse I” “Pasodobre I” “Jota” “As vellas ocasias” “Alborada” “Polca” “Jota da escaleira” “A prosesión” “Que dirán” “Sebastián Barrighudo”
Notas
Categoría:Gaiteiros de Galicia Categoría:Nados en Cangas de Morrazo Categoría:Nados en 1935 Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes