Os peixes (Pisces) son animais vertebrados, ovíparos, acuáticos e con respiración branquial. A especialidade da zooloxía que se ocupa especificamente dos peixes chámase ictioloxía. O grupo dos peixes é un taxon parafilético, é dicir, un caixón de xastre definido pola exclusión dun taxon (os tetrápodos) doutro maior (os vertebrados), e non pola posesión de características derivadas comúns. Inclúense nesta definición os mixíns, a lamprea, os condrictios (ou peixes cartilaxinosos) e os osteíctios (ou peixes óseos), así coma diversos grupos relacionados extintos. A maioría dos peixes son ectotérmicos, é dicir, dependen de fontes externas para obter calor, o que provoca que a temperatura do seu corpo varíe segundo a temperatura do ambiente. Algúns dos grandes peixes coma o tiburón branco e o atún teñen unha temperatura máis alta de seu. Como é propio dos primeiros vertebrados, son acuáticos e, a diferenza do que observamos nos tetrápodos, a respiración prodúcese por branquias situadas nas fendeduras da farinxe. A locomoción baséase nunha forma hidrodinámica, con movementos laterais do corpo auxiliados por extremidades que son aletas.
Os peixes son abundantes en tódalas masas de auga da Terra e poden ser atopados en case tódolos ambientes acuáticos, dende as correntes de alta montaña ata as zonas máis profundidades dos océanos. É un grupo moi heteroxéneo con preto de 32.000 especies, máis ca ningún outro grupo de vertebrados.
Evolución Os peixes orixináronse a partir doutros cordados contra o comezo do Cámbrico. Non se sabe con seguridade onde fixar a súa orixe.
Os condrictios son un grupo de vertebrados moi primitivos, pero moi exitosos evolutivamente, xa que as quenllas son animais antiquísimos que non cambiaron moito desde a súa orixe e que hoxe en día seguen sendo un grupo moi ben adaptado ao mundo.
Os vertebrados terrestres (tetrápodos) diferenciáronse a partir de peixes emparentados co celacanto ou os peixes pulmonados, e algunhas das primeiras formas están a metade de camiño entre o noso concepto de peixe e o de anfibio.
Clasificación miniatura|. miniatura|dereita|. Podemos clasificar os peixes segundo diferentes criterios: Zoolóxico, que é o que seguiremos no seguinte apartado. Ecolóxico: de mar ou de auga doce, peláxicos ou demersais, tolerantes ou non á salinidade, migratorios ou non etc. Gastronómico: brancos ou azuis. Económico: comestibles (de interese pesqueiro) ou non.
Clasificación zoolóxica Tradicionalmente divídense en Ágnatos (é dicir, sen mandíbula, infrafilo Agnatha) e Gnatóstomos ou mandibulados (infrafilo Gnathostomata). Hai autores que dan a estes taxons a denominación de superclase.
No primeiro grupo inclúense as lampreas (clase Cephalaspidomorphi) e os peixes viscosos (clase Myxini), que algúns autores non consideran verdadeiros vertebrados. No segundo grupo están os peixes cartilaxinosos (raias e quenllas, clase Chondrichtyes) e os peixes óseos (clase Osteichthyes).
Subfilo Vertebrata Infrafilo Agnatha Clase Cephalaspidomorphi Clase Myxini Infrafilo Gnathostomata Clase Chondrichthyes Clase Osteichthyes
Os peixes cartilaxinosos ou condrictios caracterízanse polo seu esqueleto formado exclusivamente de cartilaxe, aberturas branquiais non protexidas por opérculos, fociño alongado coa boca disposta na cara ventral, aletas carnosas e ríxidas (non pregables coma no caso dos peixes óseos) e ausencia de vexiga natatoria. A maioría das especies son vivíparas.
Os peixes óseos ou osteictios (ou peixes verdadeiros) posúen un esqueleto formado por tecido óseo, aletas sostidas por radios, pel cuberta por escamas e branquias cubertas por opérculos. A maioría son ovíparos.
Clasificación ecolóxica
Os peixes, así coma outros organismos acuáticos, poden clasificarse ecoloxicamente pola súa tolerancia a distintas salinidades en eurihalinos ou estenohalinos, e tamén por outros aspectos da súa adaptación e hábitos (catádromos ou anádromos)
Clasificación gastronómica
En alimentación, os peixes clasifícanse de acordo ó seu contido en graxa, carácter que está en relación inversa á súa dixestibilidade. A cantidade de graxa depende, principalmente, dos hábitos migratorios das distintas especies.
Peixes graxos ou azuis: cando posúen máis dun 5% de graxa. Adoitan ter a carne máis escura cá dos peixes brancos. Son especies migratorias e utilizan eses depósitos graxos para resistiren os desprazamentos. Achegan á dieta entre 100 e 200 calorías por 100 gramos. Arenque, atún e bonito, peixe espada, salmón, xarda, xurelo etc. Peixes magros ou brancos: con menos do 2%, polo que achegan á dieta entre 60 e 100 calorías por 100 gramos. Abadexo, bacallau (fresco), dourada, escacho, faneca, linguado, peixe sapo, pescada, sargo etc. Peixes semigraxos ou rosados: cando a porcentaxe de graxa oscila entre o 2% e o 5%.
Dentro dunha mesma especie, a graxa varía segundo a época do ano en que se capture. O salmón, por exemplo, adoita ter un 12% de graxa ou máis, pero despois da desova alcanza cifras de só un 1%.
Anatomía miniatura|180px|A técnica de diafanización aplicada a un peixe deixa ao descubierto o seu esqueleto O medio acuático impuxo aos peixes a súa forma xenérica, a súa forma de respirar, o seu método de locomoción e a súa reprodución.
Sistema respiratorio miniatura|esquerda|Vista posterior das branquias do atún Os peixes realizan a maior parte do intercambio gasoso mediante o uso das branquias, que se atopan cara a ambos os lados da farinxe. As branquias están constituídas por estruturas filiformes denominadas filamentos branquiais. Cada un destes filamentos contén capilares, que permiten unha gran superficie para o intercambio de osíxeno e dióxido de carbono. Este intercambio prodúcese cando o peixe aspira auga, que pasa a través das branquias.
Hai peixes, como os tiburóns e as lampreas, que posúen aberturas branquiais múltiples. Porén, a maioría dos peixes posúen branquias protexidas por unha cuberta ósea chamada opérculo.
Ser capaz de respirar directamente aire é resultado da adaptación para peixes que habitan augas pouco profundas, onde os seus niveis varían ou onde a concentración de osíxeno na auga pode diminuír en certas épocas do ano. Os mecanismos para iso son variados. A delgada pel das anguías eléctricas permiten certo grao de absorción de osíxeno. Tamén poden respirar aire ao tragalo directamente da superficie. Os peixes gato das familias Loricariidae, Callichthyidae e Scoloplacidae son capaces de absorber aire a través do seu tracto dixestivo.
No caso dos peixes pulmonados e poliptéridos describíronse pulmóns similares aos dos tetrápodos, polo que deben subir á superficie da auga a tragar aire fresco a través da boca para que sexa pasado través das branquias ou filamentos branquiais.
Sistema dixestivo Se ben todas as especies de peixes posúen boca, non todas desenvolveron mandíbulas (exemplo disto son os ágnatos). No caso das especies que si as desenvolveron, isto permitiulles acceder a unha variedade moito máis ampla de alimentos, incluíndo plantas e outros organismos.
Nos peixes, ao ser a comida inxerida a través da boca, é desagregada no estómago. Órganos como o fígado e o páncreas engaden enzimas dixestivas. A absorción de nutrientes realízase a través do intestino.
Sistema locomotor miniatura|dereita|350px|Anatomía externa dun osteíctio. (1) - Opérculo, (2) - Liña lateral, (3) - Aleta dorsal, (4) - Aleta adiposa, (5) - Pedúnculo caudal, (6) - Aleta caudal, (7) - Aleta anal, (8) - Fotóforo, (9) - Aleta pelviana, (10) - Aleta pectoral Coa fin de desprazarse da mellor maneira no medio acuático (principalmente), os peixes desenvolveron unha serie de aletas, con diferentes funcións, algunhas delas son: Aletas dorsais: Situadas na zona dorsal, a súa función principal é entregar estabilidade e manobrabilidade. Aleta caudal: Situada na cola, a súa función é impulsar o nado. Aletas anais: Situadas ventrais ao ano, a súa función é estabilizadora. Aletas pectorais: Situadas detrás das branquias, a súa función principal é estabilizar, aínda cando existen interesantes modificacións destas aletas (como no caso do peixe voador). Aletas pelvianas ou ventrais: Ventrais ás aletas pectorais.
Sistema circulatorio miniatura|202x202px|esquerda|Modelo didáctico do corazón dos peixes miniatura|200px|Esquema do aparato circulatorio dun peixe Os peixes teñen un sistema circulatorio pechado cun corazón que bombea o sangue a través dun circuíto único por todo o corpo. O sangue vai do corazón ás branquias, destas ao resto do corpo, e finalmente regresa ao corazón. Na maioría dos peixes o corazón consta de catro partes: o seo venoso, o adro, o ventrículo e o bulbo arterioso. A pesar de posuír catro partes, o corazón dos peixes está constituído por dúas cavidades situadas en serie, unha aurícula e un ventrículo. O seo venoso é unha cámara de paredes delgadas que recibe o sangue das veas do peixe antes de permitirlle fluír ao adro, unha cámara muscular grande e que serve como un compartimento de dirección única que dirixe o sangue cara ao ventrículo. O ventrículo é unha bolsa muscular de paredes grosas, que se contrae e empurra o sangue a un tubo longo chamado bulbo arterioso. O bulbo arterioso únese cun gran vaso sanguíneo chamado aorta, pola cal flúe o sangue cara ás branquias do peixe.
Sistema excretor Ao igual que moitos animais acuáticos, a maior parte dos peixes excretan residuos nitroxenados en forma de amoníaco. Parte das súas excrecións difúndense a través das branquias na auga circundante. O resto expúlsase polos riles, órganos excretorios que filtran os refugallos do sangue. Os riles axudan aos peixes a controlar a cantidade de amoníaco nos seus corpos. Os peixes de auga salgada tenden a perder auga debido á osmose. Nos peixes de auga salgada, os riles concentran os refugallos e expulsan do corpo tan pouca auga como lles for posible. No caso dos peixes de auga doce, a situación é á inversa e tenden a obter auga continuamente. Os riles dos peixes de auga doce están especialmente adaptados para desbotar grandes cantidades de urina diluída (o sexa, con moita auga). Algúns peixes desenvolveron riles especialmente adaptados que cambian a súa función, permitíndolles trasladarse da auga doce á auga de mar.
Sistema nervioso miniatura|150px|Vista dorsal do cerebro dun Oncorhynchus mykiss Sistema nervioso central Comparándoos con outros vertebrados, os peixes teñen en xeral un cerebro pequeno en relación ao tamaño do seu corpo, arredor dun quinceavo da masa cerebral de aves ou mamíferos dun tamaño similar. Non obstante, algúns peixes teñen un cerebro relativamente grande, como é o caso dos peixes da familia Mormyridae e os tiburóns, cun cerebro que ten unha proporción entre masa cerebral e corporal similar ao das aves e os marsupiais.
O cerebro está dividido en varias rexións. Na parte frontal atópanse os lóbulos olfactivos, un par de estruturas que reciben e procesan sinais das narinas a través de dous nervios olfactivos. Os lóbulos olfactivos están máis desenvolvidos en peixes que cazan principalmente polo olor, como as mixinas, tiburóns e peixes gato. Tralos lóbulos olfactivos atópase o telencéfalo ou cerebro anterior, estrutura bilobular que nos peixes concirne sobre todo ao olfacto.
Conectando o cerebro anterior ao cerebro medio ou mesencéfalo localízase o diencéfalo. O diencéfalo realiza varias funcións asociadas coas hormonas e a homeostase. A glándula pineal sitúase xusto por riba do diencéfalo. Esta estrutura realiza moitas funcións diferentes, incluída a percepción da luz, o mantemento do ritmo cardíaco e o control dos cambios de pigmentación.
O cerebro medio contén os dous lóbulos ópticos. Estes lóbulos son de maior tamaño en especies que cazan coa vista, como a troita arco da vella e os cíclidos.