Carlos Vázquez Padín, nado en Tui o 1 de agosto de 1973, é un emprendedor e expolítico galego.

Traxectoria Licenciado en Ciencias Políticas e da Administración na Universidade de Santiago de Compostela. Foi concelleiro do BNG en Tui entre xullo de 1999 e decembro de 2001. Fundou Converxencia 21 en 2009, partido de orientación liberal e galeguista do que foi Secretario Xeral interino dende a súa fundación e en outubro de 2010 foi ratificado no cargo polo I Congreso nacional de Converxencia 21Carlos V. Padín, primeiro secretario xeral de Converxencia XXI , A Nosa Terra, 3/10/2010.. Nas eleccións municipais de 2011 foi candidato á alcaldía de Tui por esta formación, e obtivo posto de concelleiro, co que se converteu no primeiro cargo institucional do seu partido. En 2013, no III Congreso Nacional abandonou a secretaría xeral, e foi substituído por Garcilaso de la Vega López, nese mesmo congreso foi nomeado presidente do partido, cargo de índole honorífica.

En 2015 volveuse presentar ás eleccións municipais na súa cidade natal e a súa formación obtivo dous concelleiros, apoiando a elección do socialista Enrique Cabaleiro como alcalde. En outubro de 2017 foi elixido alcalde de Tui logo dunha moción de censura, cos votos de PP, Alternativa Popular de Tui e Cidadáns Tudenses.

En maio de 2018 tivo que facer fronte á explosión dun almacén pirotécnico clandestino no barrio da Torre, na parroquia de Paramos, sendo esta crise a que marcou o seu goberno.

En maio de 2019 presentouse á reelección acompañado de varios concelleiros do seu goberno e coa fichaxe de José Manuel Palacín (expresidente do Centro Democrático Liberal), porén só obtivo 929 votos e tan só un representante. Debido ós resultados que el mesmo catalogou como "malos" renunciou á acta, quedando Palacín como concelleiro.

Despois do seu abandono da actividade política, retomou a súa actividade no sector privado, impulsando a posta en marcha dun mercado en Internet de adegas ecolóxicas.

Obras Galeguismo e Liberdade (2011), ISBN 978-8493818463, unha escolma dos artigos publicados ata esa data en diversos medios dixitais. Por un Tui próspero (2014); ISBN 978-84-617-3465-8 A miña visión do futuro de Tui (2019), ISBN 978-84-09-10523-6

Notas

Véxase tamén Outros artigos Converxencia 21

Eleccións municipais en Tui

Ligazóns externas Web de Carlos Vázquez Padín

Categoría:Políticos de Galicia Categoría:Políticos liberais Categoría:Alcaldes de Tui Categoría:Alcaldes de Galicia durante a democracia Categoría:Nados en Tui Categoría:Nados en 1973 Categoría:Alumnos da Universidade de Santiago de Compostela