O mitosoma é un orgánulo atopado nalgúns organismos eucariotas unicelulares. O mitosoma foi descuberto e nomeado moi recentemente, e a súa función aínda non está ben caracterizada. Foi denominado tamén crypton, mais ese nome xa non se usa.

O mitosoma detectouse só en organismos anaeróbicos ou microaerófilos que non teñen mitocondrias. Estes organismos non teñen a capacidade de obter enerxía da fosforilación oxidativa, como se realizaría normalmente nas mitocondrias. O mitosoma foi descrito primeiro en Entamoeba histolytica, un parasito intestinal humano. Os mitosomas tamén foron identificados en varias especies de microsporidios e en Giardia intestinalis.

Os mitosomas derivan con case toda seguridade das mitocondrias. Igual que as mitocondrias, teñen dobre membrana e a maioría das proteínas que son transportadas a eles teñen unha secuencia de sinalización de aminoácidos. Dita secuencia de aminoácidos é similar á que usan as mitocondrias e as auténticas presecuencias mitocondriais poden servir para transportar proteínas aos mitosomas. Demostrouse ademais que un certo número de proteínas asociadas a mitosomas están estreitamente relacionadas coas da mitocondria ou coas dos hidroxenosomas (os cales son tamén mitocondrias dexeneradas).

Sábese actualmente que os mitosomas probablemente interveñen na ensamblaxe de grupos ferro-sulfurados de proteínas, xa que non presentan as proteínas mitocondriais para a respiración celular ou a síntese do grupo hemo pero si as proteínas requiridas para a biosíntese de grupos Fe-S, como frataxina, cisteína desulfurase, Isu1 e unha Hsp70 mitocondrial.

A diferenza das mitocondrias, os mitosomas non teñen xenes no seu interior. Os xenes que codifican os compoñentes mitosómicos están contidos no xenoma nuclear. Un informe inicial suxería a presenza de ADN neste orgánulo, pero investigacións máis recentes demostraron que carecen del.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Mitocondria Hidroxenosoma Mixotricha paradoxa

Categoría:Orgánulos Categoría:Bioloxía celular Categoría:Protistas