Marie-Anne Pierrette Paulze, coñecida como Marie Lavoisier, nada en Montbrison o 20 de xaneiro de 1758 e finada o 10 de febreiro de 1836, está considerada como "a nai da química moderna". Marie Lavoisier foi frecuentemente mencionada no seu papel de esposa do científico Antoine Lavoisier, aínda que son menos difundidos os seus logros científicos na química.

Traxectoria Á idade de tres anos, quedou orfa de nai, Claudine Thoynet Paulze. O seu pai, Jacques Villee, avogado parlamentario e financeiro, enviouna a un convento onde recibiu a súa educación. Con case catorce anos foi pedida en matrimonio polo Conde de Amerval, que a triplicaba en idade. O seu pai tentou oporse, pero foi ameazado con perder o seu emprego se rexeitaba, debido ao cal consultou cun dos seus colegas, se non estaría disposto a casar coa súa filla. Antoine Lavoisier tiña 28 anos, era nobre, avogado, economista e químico. Casaron o 16 de decembro de 1771.

En 1775 a parella mudouse a París, onde floreceu o interese de Lavoisier pola química. Pronto Marie comezou a involucrarse nas investigacións científicas do seu esposo e a participar activamente no traballo do laboratorio. Antoine seguía traballando para Ferme-Générale pero fora designado como administrador da pólvora, no Arsenal de París. Coa seguridade económica que alcanzara estivo en condicións de construír un laboratorio.

A medida que o interese de Marie Anne avanzaba, recibiu instrución formal no campo de parte de Jean-Baptiste Bucquet e Philippe Gingembre, ambos os colegas de Antoine. O matrimonio Lavoisier pasaban a maior parte do seu tempo xuntos no laboratorio, traballando en equipo, en varias direccións.

En maio de 1793, durante a Revolución francesa, xa na etapa do Reinado do Terror, Antoine foi acusado de traizón, debido á súa posición prominente na Ferme Générale. Coa mesma acusación, foi arrestado primeiro o pai de Marie-Anne e logo, o 28 de novembro, o propio Antoine, sendo recluído en Port-Libre. Durante a prisión do seu esposo, Marie-Anne visitábao regularmente e loitou por obter a súa liberdade. Ela mesma defendeuno ante Antoine Dupin, quen o denunciou, e quen tiña tamén o poder de salvalo. Marie-Anne apelou ás investigacións científicas que realizaban e a importancia que elas tiñan para Francia. As súas apelacións foron inútiles e Antoine foi finalmente axuizado e executado o 8 de maio de 1794 en París, cando tiña 50 anos.

Despois disto, Marie-Anne volveuse retraída. Todos os seus bens foron confiscados polo goberno revolucionario, incluíndo os cadernos de notas e o laboratorio. A pesar diso, logrou reunir moita documentación que organizou e publicou como as Memorias de Química de Lavoisier, sentando as bases da química moderna.

O primeiro volume contén os traballos sobre a calor e a formación dos líquidos, mentres que o segundo está dedicado ás ideas sobre combustión, aire, calcinación de metais, acción dos ácidos, e a composición da auga. Na copia orixinal Marie-Anne escribiu o prefacio e atacou os revolucionarios e contemporáneos de Antoine, a quen lles atribuía a responsabilidade pola súa morte. Este prefacio non foi finalmente incluído na publicación, pero o libro permitiu preservar as contribucións do seu marido e as súas propias no campo da química.

Algúns anos despois, Marie-Anne volveu casar, esta vez con Benjamin Thompson, Conde de Rumford. Rumford era un dos físicos máis coñecidos do seu tempo, pero a parella non logrou asentarse e terminaron separándose.

Contribucións científicas Marie-Anne Lavoisier colaborou co seu marido Antoine no laboratorio, anotando observacións no libro de notas e debuxando diagramas dos seus deseños experimentais. Os estudos realizados co pintor Jacques-Louis David permitironlle debuxar con precisión os aparatos do laboratorio, algo que finalmente resultou de grande utilidade para entender os métodos e resultados de Antoine. Madame Lavoisier tamén foi a organizadora e editora dos informes.

Conxuntamente, o matrimonio Lavoisier refixo o campo da química que, tiña os seus raíces na alquimia e se convertira nun saber dominado pola noción de floxisto difundido por Georg Stahl. No século XVIII a idea do floxisto (un elemento similar ao lume que se libera durante a combustión) foi usada para describir as propiedades aparentes dos cambios que a materia experimentaba cando se queimaba. Debido ao seu dominio do inglés, latín e francés, Marie-Anne realizou traducións de varios traballos sobre o floxisto para que o seu esposo os puidera ler. Probablemente a súa tradución máis importante xa foi o Ensaio sobre Floxisto de Richard Kirwan, traducido e á vez criticado por Madame Lavoisier, con notas ao pé nas que puntualizou os erros químicos do traballo. Tamén traduciu obras de Joseph Priestley, Henry Cavendish e outros investigadores, que resultaron nunha achega invalorable para Antoine. No caso do floxisto, foi a tradución de Marie-Anne a que o levou á convición de que a hipótese era incorrecta, e orientouno nos seus estudos sobre a combustión e o descubrimento do gas oxíxeno.

Notas

Véxase tamén Bibliografía SANCHIS, R. (2002), Gènere i ciència: Anne Marie Paulze, Madame Lavoisier (1758-1836), una dona en la revolució química, Alambí, IX (31), pp. 112–118.

Categoría:Químicos de Francia Categoría:Nados no departamento do Loira Categoría:Nados en 1758 Categoría:Finados en 1836