Carlos Pérez Alonso, nado en Vigo o 1 de xuño de 1935, é un ex-atleta galego. Especializado en longas distancias, foi 15 veces campión de España e 12 de Galicia, e participou en tres Xogos Olímpicos: Roma 1960, México 1968 e Múnic 1972.

Traxectoria Naceu na rúa Real de Vigo. Comezou na mocidade a practicar distintas especialidades deportivas: o tenis de mesa, o básquet, o balonmán e a vela. Como membro da Fronte de Xuventudes acudiu como delegado a un encontro de atletismo, en 1947. O azar púxoo a correr e a raíz dese resultado, comezou a adestrar ao atletismo.

Pertenceu ao Club Alerta e á sección de atletismo do Real Club Celta, . En 1953 foi ao campionato de Europa, da daquela categoría escolar, que se celebraba en Oostende (Bélxica).

Foi 12 veces campión galego en diferentes modalidades: cinco veces nos 10000 metros (1953, 1955, 1956, 1957 e 1965), catro veces nos 5000 metros (1955, 1956, 1957 e 1958), dúas veces nos 1500 metros (1956 e 1960) e unha vez nos 800 metros (1958).

En 1958 proclamouse por primeira vez campión de España, na proba de 10000 metros, título que revalidou nos dous anos seguintes, e tamén en 1968. En 1959 foi ademais campión de España de 5000 metros e de campo a través, revalidando este último título en 1960. Nos Xogos Mediterráneos de 1959 celebrados en Beirut, conseguiu unha medalla de bronce nos 5000 metros e un cuarto posto nos 10000. En setembro do ano seguinte participou nos seus primeiros Xogos Olímpicos, en Roma, disputando a proba de 10000 metros no Stadio Olimpico, e rematando na 25ª posición. Un mes despois participou en Chile nos Xogos Iberoamericanos, logrando no Estadio Nacional a medalla de bronce nos 10000.

En xuño de 1966 proclamouse en Sagunto campión de España de maratón, batendo ademais o récord de España cun tempo de 2h22'45''. Isto permitiulle acudir ao Campionato de Europa celebrado en Budapest, onde volveu superar dita marca, quedando ás portas da medallas, na cuarta posición, só por detrás do británico Jim Hogan, o belga Aurèle Vandendriessche e o húngaro Gyula Tóth. Ese mesmo ano mellorou de novo a súa marca, na maratón de Fukuoka, deixándoa en 2h17'32''. Proclamouse campión de España outras catro veces nos seguintes catro anos, mantendo o récord ata 1971, cando foi superado por Agustín Fernández. Con todo, volveu bater a marca en 1972 en Manchester, cun tempo de 2h16'27'', récord que estivo vixente ata 1974.

En 1967, en Tunes, volveu lograr unha medalla de bronce nos Xogos Mediterráneos, esta vez en maratón. Ao ano seguinte disputou os seus segundos Xogos Olímpicos, por primeira vez na proba de maratón, pero non conseguiu chegar á meta situada no Estadio Olímpico de Cidade de México. Participou nos Campionatos de Europa de 1969 e 1971, pero sen achegarse aos postos de medalla. En 1972 disputou os seus terceiros Xogos Olímpicos, en Berlín, onde quedou no posto 50º na proba de maratón.

Foi ademais campión de España de Gran Fondo (30km) en tres ocasións (1966, 1968 e 1969) e ostenta dende 1969 os récords de España de 25000 metros e 30000 metros.

Palmarés

Campionatos de España miniatura|240px|A cidade de Vigo ós seus atletas. +TítulosProbaAnos5Maratón1966, 1967, 1968, 1969, 1970410000 m1958, 1959, 1960, 1968330000 m1966, 1968, 19692Campo a través1959,196015000 m1959

Campionatos de Galicia TítulosProbaAnos510000 m1953, 1955, 1956, 1957, 196545000 m1955, 1956, 1957, 195821500 m1956, 19601800 m1958

Vida persoal Fóra do deporte, Alonso traballou primeiro carrexando peixe na lonxa, despois foi representante de caramelos, e xa logo coa retirada deportiva foi profesor de educación física no Colexio Fogar San Roque até a súa xubilación.

Casou con Isolina Carrera, cantante.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Biografía no sitio web oficial da Real Federación Española de Atletismo .

Categoría:Nados en Vigo Categoría:Nados en 1935 Categoría:Atletas olímpicos de Galicia Categoría:Fondistas Categoría:Atletas nos Xogos Olímpicos de 1960 Categoría:Atletas nos Xogos Olímpicos de 1968 Categoría:Atletas nos Xogos Olímpicos de 1972