miniatura|dereita|Estrutura secundaria dun ARNt co anticodón en vermello.
O anticodón é unha secuencia de tres nucleótidos ou triplete que se encontra no extremo do brazo anticodón dos ARNt, e que exerce un importante papel na síntese de proteínas nos ribosomas. A información utilizada directamente para a síntese de proteínas encóntrase nos codóns do ARNm. A sucesión de codóns do ARNm determina a secuencia de aminoácidos da proteína, xa que conforme o ARNm vai pasando polo ribosoma é descodificado. O encargado de traer os aminoácidos ao ribosoma é o ARNt, e o anticodón é fundamental para que se introduza en cada momento o aminoácido correcto que se debe enlazar na cadea proteica en crecemento. Durante a tradución de proteínas o anticodón únese ao codón.
Emparellamento codón-anticodón e cambaleo miniatura|255px|Posibles emparellamentos de bases da inosina e a guanina, que se apartan dos emparellamentos estándar e orixinan o cambaleo.
Como norma xeral, o codón e o anticodón son complementarios en bases seguindo a complementariedade estándar de Watson e Crick (A-U, G-C), pero hai excepcións debido ao denominado cambaleo no emparellamento de bases .
En xeral, o anticodón é complementario en bases nitroxenadas e antiparalelo con respecto ao codón, e cando o ARNt entra no ribosoma establécense pontes de hidróxeno entre as bases A e U e entre as C e G do codón e do anticodón. Por exemplo, se o codón do ARNm é 5'-UUG-3', o anticodón do ARNt será 3'-AAC-5', porque é o seu complementario. Se no ribosoma está nese momento exposto o codón UUG, en xeral só entraría no ribosoma o ARNt co anticodón AAC de entre as decenas de ARNt que hai na célula.
Pero hai excepcións con respecto a este mecanismo xeral, porque algúns anticodóns poden emparellarse con máis dun codón debido ao fenómeno do "cambaleo no emparellamento de bases". Frecuentemente o nucleótido 5' do anticodón é un nucleótido non habitual nos ácidos nucleicos, pero que aparece ás veces no ARNt, como a inosina ou a pseudouridina. Estes nucleótidos raros poden establecer pontes de hidróxeno estables con varias bases distintas na 3ª posición (3') do codón. Así, a inosina pode emparellarse con A, U ou C. Mesmo os nucleótidos normais poden en certos casos emparellarse sen respectar os pares normais debido á peculiar estrutura secundaria do ARNt; por exemplo, a G pode emparellarse con U .
Debido a este fenómeno do cambaleo non ten que haber 61 ARNt distintos nas células, como se requirirían nun emparellamento codón-anticodón de 1 a 1, senón que son suficientes moitos menos. Algúns organismos teñen menos de 45 ARNt distintos. Requírense como mínimo 31.
Recoñecemento do anticodón polas aminoacil ARNt sintetases Un ARNt levará o aminoácido que, segundo o código xenético, corresponda ao codón do ARNm para o cal ten o anticodón axeitado (complementario con ou sen cambaleo). Para que cada ARNt leve o aminoácido correcto deben actuar uns encimas chamados aminoacil ARNt sintetases, que recoñecen un aminoácido determinado e un ARNt determinado (co seu anticodón particular) e unen ambos. O anticodón é fundamental para que o encima recoñeza o ARNt, aínda que tamén é importante o brazo aceptor do aminoácido do ARNt.
Debido á dexeneración do código e ao cambaleo, hai varios ARNt (cos anticodóns apropiados pero distintos) que se unen ao mesmo tipo de aminoácido.
Notas
Véxase tamén Outros artigos Código xenético ARNt Codón Aminoacil ARNt sintetases
Ligazóns externas tRNA, the Adaptor Hypothesis and the Wobble Hypothesis poto
Categoría:Xenética Categoría:Bioloxía celular
en:Transfer RNA#Anticodon