Revolución galega de 1846, levantamento de 1846, pronunciamento de 1846 ou sublevación liberal de 1846, son os nomes que recibe a revolta iniciada co pronunciamento do comandante Miguel Solís, o 2 de abril de 1846 en Lugo, contra o goberno conservador do xeneral Narváez. O alzamento aspiraba a obter un rápido triunfo en Galicia que se estendese a seguir polo resto do estado. Porén, nin conseguiu sumar todas as cidades galegas nin foi imitado noutras partes de España. O día 23 de abril, o exército enviado polo goberno madrileño derrotou as forzas rebeldes na batalla de Cacheiras, o que supuxo o fin da revolta. A meirande parte dos revolucionarios exiliáronse ou foron dar á cadea. Miguel Solís e outros once militares foron fusilados na vila de Carral.
Antecedentes esquerda|miniatura|A raíña Isabel II. miniatura|Baldomero Espartero Durante o reinado de Isabel II, no período de configuración do moderno estado liberal, enfrontáronse en España dous modelos políticos diferentes: o do liberalismo moderado: conservador e marcadamente centralista; e o do xuntismo progresista: máis democrático e descentralizado. Coa derrota e exilio de Baldomero Espartero, no 1843, e a chegada o poder dos moderados de Ramón María Narváez, deron comezo unha serie de reformas de carácter autoritario. Estas medidas provocaron múltiples tentativas para derribar o goberno por parte do partido progresista, que contaba cunha enorme influencia entre o estamento militar. Ao descontento do progresismo sumábase en Galicia o do incipiente provincialismo, que reclamaba a recuperación da unidade territorial galega, desfeita na reforma administrativa de 1833, e maiores cotas de soberanía.Tettamancy Gastón (1908). p.133
A confluencia de intereses destes sectores sociais creou un ambiente propicio para a revolta, axiña organizada polas distintas xuntas progresistas presentes en vilas e cidades. A principal delas radicaba na Coruña, presidida polo exalcalde Vicente Alsina, e conspiraba case abertamente desde a casa de Juana de Vega, antiga aia da raíña e viúva do heroe militar Francisco Espoz y Mina. Ao faladoiro da condesa acudían significados simpatizantes da rebelión, oficiais do exército, e os cónsules de Inglaterra e Francia. Coa mediación destes diplomáticos coordinábase o alzamento cos numerosos exiliados do período esparterista.
O científico e militar Gerónimo Piñeiro facía de correo entre as diferentes xuntas galegas, que a comezos de 1846, contaban xa co compromiso da maior parte das forzas militares presentes no país. A principal unidade na conxura era o rexemento de infantaría de Zamora, que posuía 2200 soldados acantonados na Coruña. Tamén estaban comprometidos co pronunciamento a maior parte dos batallóns provinciais espallados polo territorio galego: o provincial de Gijón en Lugo; o de Zamora en Santiago; o de Oviedo en Vigo; o de Guadalajara en Ourense; e o de Segovia en Pontevedra.Barreiro Fernández (1977). p.104
O levantamento (cronoloxía)
Primeira fase: Pronunciamento progresista. A sublevación presentouse inicialmente como un intento dos progresistas de acadar o poder mediante un pronunciamento militar, o método habitual na época. Porén, a preocupación do goberno madrileño polos, cada vez máis evidentes preparativos, levouno a tomar dúas medidas de urxencia: a substitución do capitán xeneral de Galicia, Francisco Puig Samper, sospeitoso de complicidade cos conspiradores, polo xeneral Juan de Villalonga; e o traslado a Castela do rexemento de infantaría de Zamora. Malia que a pretensión era iniciar o pronunciamento na Coruña, sede do goberno e lugar onde se contaba cos maiores apoios, a subtracción da principal forza militar dos sublevados obrigounos a precipitaren accións, producíndose o alzamento o día 2 de abril de 1846 en Lugo.
2 de abril. Lugo: O comandante Miguel Solís Cuetos, pertencente o estado maior da Capitanía xeneral de Galicia, abandona A Coruña, cunha licenza por enfermidade, e diríxese a Lugo. Vai acompañado polo tenente Feliciano Cubas quen, valéndose da súa posición, se apoderara previamente dos fondos do rexemento de Zamora (43.613 reais).Tettamancy Gastón (1908). p.34 As cinco da tarde Solís asume o mando do 2º batallón do rexemento, que ía de camiño ao seu novo destino en Valladolid, pronunciándose na praza maior. Súmanse deseguida o batallón provincial de Gijón e os carabineiros presentes na cidade. Desármase á Garda Civil, que non apoia o alzamento, e efectúanse as primeiras detencións. Manuel Becerra Bermúdez é nomeado alcalde e presidente da xunta de armamento, tomando decontado as primeiras disposicións. Unha delas é a organización dun batallón de voluntarios: Voluntarios patriotas de Lugo. 1º de Galicia. Miguel Solís faise cargo da comandancia militar da provincia luguesa e publica unha proclama co anuncio do pronunciamento e os seus obxectivos.Tettamancy Gastón (1908). pp.15-24 miniatura|Xardín de San Carlos na muralla da Coruña. 3 de abril. A Coruña: As primeiras novas da revolta espállanse por Galicia. É o sinal para o paso á acción das restantes xuntas progresistas. Os máximos delegados do goberno na Coruña: o capitán xeneral Villalonga e o comandante militar José Martínez Tenaquero, antigo carlista acollido ao convenio de Vergara, son alertados e inician as accións para tentar frear o golpe. O xeneral MacCrohon, comandante do rexemento de Zamora, encerra nos cuarteis os dous batallóns restantes da súa unidade e reúne a oficialidade no xardín de San Carlos. Alí procede ao arresto dos oficiais sospeitosos de simpatizar cos sublevados. O destituído xeneral Puig Samper, que abandonara a Coruña camiño de Madrid, decide regresar ao ter coñecemento dos sucesos. 4 de abril. Lugo: A xunta da cidade actúa con resolución: cesa e substitúe funcionarios de tendencia conservadora, suprime a deputación, o consello provincial e a policía. O comandante Solís parte cara a Santiago co 2º batallón do rexemento de Zamora, o batallón provincial de Gijón e o batallón de voluntarios. A cidade queda custodiada por 600 homes armados.
A Coruña: O xeneral Villalonga emite un bando no que declara fóra da lei os sublevados e o estado de sitio nas catro provincias galegas. Comeza a tomar disposicións para evitar que a cidade, peza clave do alzamento, se sume aos rebeldes. A primeira medida é sacar da Coruña as tropas do "perigoso" rexemento de Zamora. Coloca no seu mando o tenente xeneral Puig Samper e envíao a Lugo, a bater as tropas de Solís. A columna sae ese mesmo día facendo noite no Burgo.
Santiago: Pronúncianse de madrugada o batallón provincial de Zamora e o escuadrón de cabalaría presente na cidade. É constituída unha xunta de goberno presidida polo provincialista Pío Rodriguez Terrazo, con Antonio Romero Ortiz como secretario. Publícase unha proclama anunciando o levantamento de toda Galicia, fanse diversas detencións e son suprimidas policía e garda civil. A xunta esixe a todos os funcionarios a adhesión ao pronunciamento, requisa armas e convoca a milicia para a súa reorganización.Tettamancy Gastón (1908). pp.48-53 miniatura|Lápida conmemorativa do Batallón literario. 5 de abril. A Coruña: Villalonga entrevístase cos oficiais do batallón de artillaría da praza asegurándose a súa fidelidade. Son estes, xunto a garda civil e carabineiros, os únicos soldados cos que conta. Constitúe, con militares e civís de tendencia conservadora, unha xunta de seguridade e defensa que comeza a efectuar detencións. Procede a fecharse dentro das murallas da cidade, fortifica posicións, asegura as pontes levadizas, coloca artillaría en lugares estratéxicos, e prepárase para deter un alzamento que considera inminente.Tettamancy Gastón (1908). pp.37-41
Santiago: Toma posesión o novo concello presidido por Manuel Rúa Figueroa. A xunta, reunida no Colexio de Fonseca, publica un bando chamando as armas aos universitarios, nunha reedición do Batallón Literario.Juan do Porto (1846). p.404 Co apoio da Academia Literaria de Santiago organízase un mitin na universidade no que os estudantes se alistan en masa. A falta de armamento fai que só sexa posíbel aceptar trescentos. Asígnanselles oficiais e comezan unha instrución militar básica.Tettamancy Gastón (1908). pp.56-58
Columna de Puig Samper: Os dous batallóns saen moi cedo do Burgo, chegando a Betanzos as 10:30. Samper recibe información sobre o pronunciamento de Santiago e a saída de Lugo da columna militar de Solís. Recibe ordes de Villalonga de dirixirse a Santiago, lugar cara ao que parte polo camiño das Travesas.Tettamancy Gastón (1908). pp.61-63
6 de abril. Columna de Puig Samper: Con enormes dificultades debido á climatoloxía invernal e o estado dos camiños a columna de Samper chega as 12 do mediodía a Leira (Ordes), a 30 km de Santiago.Tettamancy Gastón (1908). p.65
Santiago: Inquietude na cidade pola aproximación da columna de Samper e a falta de novas sobre a revolta noutras cidades. A xurisdición da xunta compostelá só acada o espazo adxacente á cidade, e as súas comunicacións son interceptadas pola garda civil.Tettamancy Gastón (1908). pp.68-69 As 16 horas chega aos arredores de Compostela, despois dunha marcha de 100 quilómetros, a columna de Solís. É recibida con euforia. Concédeselles aos soldados unha licenza de 24 horas mentres os oficiais son agasallados pola xunta.Tettamancy Gastón (1908). pp.72-73
Madrid: Os xornais madrileños El Heraldo e El Imparcial dan as primeiras noticias do acontecido en Galicia.Barreiro Fernández (1977). p.128 7 de abril. Madrid: O ministro da guerra comunica aos capitáns xenerais o alzamento galego e ordena que se preparen tropas para acudir no auxilio de Villalonga. 3 batallóns de infantaría parten do País Vasco, 2 de infantaría e 1 de cabalaría acoden desde Castela. O xeneral José de la Concha é posto ao mando da expedición.Barreiro Fernández (1977). p.129
8 de abril. miniatura|O río Tambre o seu paso por Sigüeiro. Mapa de Fontán (1845). Encontro de Sigüeiro: As dez da maña, o comandante Solís inicia a marcha contra os dous batallóns do rexemento de Zamora comandados por Puig Samper, confiado en que estes pasarán ao seu bando sen combater. As súas tropas, engrosadas polos universitarios e o batallón alzados en Santiago, duplican amplamente os números inimigos. O encontro prodúcese cara ao mediodía en Sigüeiro. Despregados os exércitos contendentes, Solís ordena avanzar. Os seus soldados lanzan vivas mentres dúas bandas de música tocan o himno de Riego. Para facerlles fronte, o xeneral MacCrohon adiántase co 1º batallón do rexemento de Zamora, mais os sublevados continúan impasíbeis, sen amagar coa defensa e mantendo os seus fusís no ombro. Os combatentes chegan a unha distancia de seis pasos, cos soldados saudándose e confraternizando, as forzas de Samper dan mostras evidentes de quereren pasar ao bando contrario. MacCrohon bérralles aos rebeldes para que volvan á disciplina, curto de vista e fóra de si chega a equivocar as liñas, meténdose entre os soldados inimigos. Durante a confusión o 1º batallón é rodeado totalmente, ficando separado e inutilizado para o combate. Puig Samper, desde a retagarda, dando por perdida a súa columna envía unha mensaxe a Solís pedindo que non se abra fogo. Recibe como resposta que non haberá retirada até que as súas forzas se sumen ao pronunciamento. Samper solicita 24 horas de tregua para meditar o ofrecemento. Solís concédelle 48 e permite que o 1º batallón do Zamora abandone ileso o campo de batalla.Tettamancy Gastón (1908). pp.73-78 As cinco da tarde, regresados Solís e os seus homes a Compostela, o presidente da xunta Pio Rodríguez Terrazo, perplexo diante da actuación do comandante militar, manifesta: "Solís, isto perdeunos para sempre". O resultado do encontro tampouco é do agrado do xeneral Villalonga quen, desconfiando da fiabilidade do xeneral Samper, ordena ao mensaxeiro: "Dígalle ao seu xeneral, que ataque os seus inimigos, ou se una a eles e veña atacarme a min".Tettamancy Gastón (1908). p.87