Waldir Pereira, máis coñecido como Didi, nado en Campos dos Goytacazes (Río de Xaneiro) o 8 de outubro de 1928 e finado no Río de Xaneiro o 12 de maio de 2001, foi un futbolista brasileiro, que xogaba como centrocampista e dianteiro. Considerado un dos mellores centrocampistas de todos os tempos e un dos mellores futbolistas da historia do seu país, participou en tres Copas do Mundo coa selección brasileira (1954, 1958 e 1962), proclamándose campión nas dúas últimas, e foi ídolo para os seareiros tanto do Fluminense como do Botafogo.
Cun estilo elegante e moi técnico, destacou pola súa ampla visión e lectura do xogo, polos seus medidos pases en longo e pola súa condución do balón. Era tamén un especialista nos lanzamentos de faltas e está considerado como o inventor da chamada "folha seca", unha técnica de golpeo na que o balón baixa de súpeto e que máis tarde utilizaron outros destacados lanzadores de faltas como Juninho Pernambucano ou Cristiano Ronaldo. Tamén se lle atribúe ser o primeiro en usar a técnica da paradinha nos lanzamentos de penalti.
Traxectoria
Como futbolista Nacido nunha familia pobre da cidade de Campos dos Goytacazes, durante a súa infancia vendía cacahuetes para axudar á súa familia, ao tempo que comezaba a xogar ao fútbol nas rúas. Aos 14 anos estivo a piques de perder unha perna, debido a unha grave infección dunha ferida do seu xeonllo, pero tras uns meses nunha cadeira de rodas, recuperouse e puido emprender unha carreira como futbolista.
Pasou polas canteiras de varios clubs do seu estado, como o São Cristóvão da súa cidade natal, o Industrial, o Rio Branco, o Goytacaz e o Americano. Despois de pasar polo Madureira, fichou en 1949 por un dos catro grandes do fútbol carioca, o Fluminense. Axiña comezou a destacar e en xuño de 1950 foi o autor do primeiro gol da historia no célebre estádio do Maracanã, construído para a Copa do Mundo dese ano, nun partido inaugural entre as seleccións xuvenís do Río de Xaneiro e de São Paulo.
En 1951 conquistou o seu primeiro Campionato Carioca, ás ordes de Zezé Moreira e cun equipo que contaba con xogadores como Castilho, Pinheiro, Telê Santana, Orlando Pingo de Ouro ou Carlyle. Ao ano seguinte gañou a Copa Internacional de Río, marcando un dos goles na final ante o Corinthians.
Ese mesmo ano liderou a selección brasileira na súa conquista da primeira edición do Campionato Panamericano, celebrado en Santiago de Chile, e onde tivo como compañeiros entre outros a Djalma Santos, Waldo, Altair ou os seus compañeiros do Fluminense Castilho, Telê Santana, Orlando Pingo de Ouro e Pinheiro.
Foi convocado polo seleccionador Zezé Moreira para o Mundial de 1954, celebrado en Suíza. Marcou un gol ante México e outro ante Iugoslavia, pero o seu equipo caeu eliminado nos cuartos de final contra Hungría, no partido coñecido como a "Batalla de Berna".
Tralo Mundial continuou dous anos máis no Flu, acadando os 298 partidos e 91 goles. En 1956 asinou por un dos máximos rivales históricos do club tricolor, o Botafogo. No equipo branco e negro coincidiu con lendas do fútbol brasileiro como Nilton Santos e Garrincha e en 1957 gañou o seu segundo Campionato Carioca, despois dunha histórica goleada na final contra o seu ex equipo, o Fluminense.
Xa como unha das maiores estrelas do fútbol brasileiro, en 1958 disputou en Suecia a súa segunda Copa do Mundo, ás ordes do novo seleccionador Vicente Feola. Cunha histórica dianteira formada polo propio Didi, Garrincha, Zagallo, Vavá e Pelé, e liderada por este último, a selección brasileira conseguiu o seu primeiro título mundial, despois de esmagar na final ao equipo anfitrión por 5-2.
En 1959 deixou o seu país para dar o salto ao fútbol europeo, fichando polo Real Madrid. Foi titular en todos os partidos da primeira volta da tempada 1959/60, pero o seu rendemento foi moi inferior ao esperado. Ao longo dos anos especulouse cun posible boicot por parte da grande estrela do equipo, Alfredo Di Stéfano, e tamén con problemas de adaptación ao clima. De calquera xeito, o brasileiro acabou por desaparecer das aliñacións de Manuel Fleitas Solich e só reapareceu para a derradeira xornada ante a UD Las Palmas. Pechou a súa única campaña na Primeira División española cun total de 19 encontros e 6 goles.
A continuación regresou ao Botafogo, onde formou parte dun dos mellores cadros de xogadores da historia do fútbol brasileiro, compartindo equipo cos afamados Garrincha, Nilton Santos, Zagallo, Amarildo, Quarentinha e as novas promesas Manga, Gérson, Rildo e Jairzinho. Por aquel entón, o Botafogo era o único club do país capaz de competir con éxito co Santos de Pelé. Conquistou os Campionatos Cariocas de 1961 e 1962, así como o Torneo Río-São Paulo de 1962. A continuación xogou dous anos no Perú, nas filas do Sporting Cristal (onde exerceu como xogador-adestrador), regresando ao Botafogo en 1964 para unha terceira e última etapa no club. O seu balance final no Botafogo foi de 313 partidos e 114 goles.
Por último pasou polo Veracruz mexicano e polo São Paulo, onde pechou a súa carreira en 1966, aos 38 anos de idade.
Como adestrador Trala súa retirada dedicouse á labor de adestrador e tras dirixir novamente o Sporting Cristal, foi elixido para adestrar a selección do Perú. Fíxoo con éxito, conseguindo a clasificación para o Mundial de 1970, tras 40 anos de ausencia, e eliminando no camiño á Arxentina, que quedou fóra dunha Copa do Mundo por primeira e única vez na súa historia. Cun talentoso grupo de xogadores entre os que destacaban estrelas como Teófilo Cubillas ou Héctor Chumpitaz, o equipo peruano derrotou a Bulgaria e Marrocos para acadar unha histórica clasificación aos cuartos de final, onde finalmente caeu eliminada a mans do Brasil adestrado polo seu antigo compañeiro Zagallo.
Tralo Mundial adestrou o River Plate arxentino antes de se converter no novo técnico do Fenerbahçe, co que gañou dúas ligas turcas, nas tempadas 1973/74 e 1974/75. Posteriormente dirixiu preto dunha decena de equipos máis, a maioría deles no Brasil (Fluminense, Cruzeiro, Botafogo, Fortaleza, São Paulo e Bangu), aínda que tamén tivo pasaxes polos bancos de Arabia Saudita (Al-Ahli e Al Shabab) e de novo o Perú (Alianza Lima).
Faleceu no Río de Xaneiro o 12 de maio de 2001 por unha pneumonía causada por complicacións derivadas dun cancro colorrectal.
Palmarés Futbolista Fluminense Campionato Carioca (1): 1951. Copa Río (1): 1952.
Botafogo Campionato Carioca (3): 1957, 1961, 1962. Torneo Río-São Paulo (1): 1962.
Real Madrid Copa de Europa (1): 1959/60.
Selección brasileira Copa do Mundo (2): 1958, 1962. Campionato Panamericano (1): 1952.
Notas
Categoría:Nados no Río de Xaneiro Categoría:Nados en 1928 Categoría:Finados en 2001 Categoría:Finados por pneumonía Categoría:Futbolistas do Brasil Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do Madureira Esporte Clube Categoría:Xogadores do Fluminense FC Categoría:Xogadores do Botafogo Categoría:Xogadores do Real Madrid CF Categoría:Futbolistas do Sporting Cristal Categoría:Xogadores do São Paulo FC Categoría:Xogadores da selección de fútbol do Brasil Categoría:Xogadores do Mundial de Fútbol de 1954 Categoría:Xogadores do Mundial de Fútbol de 1958 Categoría:Xogadores do Mundial de Fútbol de 1962 Categoría:Futbolistas gañadores do Mundial Categoría:Adestradores de fútbol do Brasil Categoría:Adestradores do Sporting Cristal Categoría:Adestradores da selección de fútbol do Perú Categoría:Adestradores do CA River Plate Categoría:Adestradores do Fenerbahçe SK Categoría:Adestradores do Cruzeiro EC Categoría:Adestradores do Botafogo Categoría:Adestradores do Alianza Lima Categoría:Adestradores do Fluminense FC Categoría:Adestradores do São Paulo FC Categoría:Adestradores do Mundial de Fútbol de 1970