A desoxitimidina monofosfato, tamén chamada monofosfato de desoxitimidina ou ácido desoxitimidílico (ou desoxitimidilato), abreviada como dTMP, ou tamén timidina monofosfato ou TMP, é un nucleótido formado polo nucleósido desoxitimidina esterificado cun fosfatoLehninger A. Principios de Bioquímica. (1988). Omega. Barcelona. ISBN 84-282-0738-0. A molécula consta do azucre desoxirribosa unido á base nitroxenada timina por enlace N-glicosídico entre o carbono 1' do azucre e o nitróxeno en posición 1 da base, e un grupo fosfato esterificado no carbono 5'.
O nome da molécula con frecuencia abréviase coas siglas TMP, pero é máis exacto denominala dTMP, xa que realmente é un desoxirribonucleótido. O feito de que con frecuencia se use por economía TMP en vez de dTMP é porque non hai confusión con outros nucleótidos, xa que só aparece na forma desoxi formando parte do ADN e non hai un nucleótido similar con ribosa na célula, a diferenza do que ocorre cos outros nucleótidos nos que si hai que distinguir.
A principal función do dTMP é a de ser un dos nucleótidos que forman parte do ADN, xunto co dAMP, dCMP e dGMP. É característico do ADN ter un nucleótido con timina, xa que o ARN no seu lugar ten un nucleótido con uracilo. Os nucleótidos chegan á zona de replicación do ADN en forma de nucleótidos trifosfato, perden dous fosfatos en forma de pirofosfato e enlázanse á cadea do ADN en forma de nucleótidos monofosfato.
O dTMP orixínase a partir do dUMP por metilación polo N5N10-metilentetrahidrofolato catalizada polo encima timidilato sintetase: dUMP + N5N10-metilentetrahidrofolato → dTMP + dihidrofolato
O fluorouracilo (5-FU) é un inhibidor moi potente da timidilato sintetase, que se utiliza no tratamento do cáncer.
A partir do dTMP orixínase o dTDP por fosforilación cun fosfato procedente do ATP. dTMP + ATP → dTDP + ADP
Notas
Categoría:Nucleótidos