A lexionelose é unha enfermidade infecciosa, producida por bacterias do xénero Legionella, case sempre L. pneumophila, caracterizada por un cadro respiratorio e febril. Adoita estar relacionada con determinadas instalacións de auga quente sanitaria, nas que o axente causante se mantén e multiplica. A enfermidade describiuse por vez primeira en xullo de 1976, a raíz dun abrocho epidémico de pneumonía entre os participantes dunha convención da Lexión Americana -unha asociación de veteranos de guerra- nun hotel de Pensilvania (Filadelfia, Estados Unidos), circunstancia á que debe o nome co que se designou ó principio: enfermidade do lexionario. Neste abrocho houbo 182 enfermos, con 34 falecidos.

Trátase dunha enfermidade de declaración obrigatoria, a nivel nacional, desde a creación da Rede Nacional de Vixilancia Epidemiolóxica en 1997 Real Decreto 2210/1995, de 28 de decembro, polo que se crea a rede nacional de vixilancia epidemioloxica (BOE nº 21, de 24.01.1996) ..

Identifícase, de acordo co Código Internacional de Clasificación das Enfermidades, co código 482.84 (segundo a edición CIE-9-MC) ou A48.1, A48.2 (edición CIE-10).

Etioloxía A lexionela é unha proteobacteria da familia Legionellaceae, xénero Legionella, que se divide en 50 especies, das que 17 foron vencelladas a infeccións humanas. A Lexionella pneumophila é a responsable do 90% dos casos e dela describíronse xa 16 serogrupos, entre os que o serogrupo 1 é o máis frecuente no ambiente e o máis común nos casos de enfermidade (responsable do 85% dos casos), se ben outros serogrupos tamén se atoparon en abrochos humanos.

Ten forma de bacilo, con 1,5 a 5 micrómetros de longo por 0,3-0,9 micrómetros de ancho, cun ou máis flaxelos polares ou subpolares, Gram negativo e aerobio estrito.

miniatura|300px|esquerda|Os doutores George Gorman (á esquerda) e Jim Feeley (á dereita) examinando placas de Petri con cultivos de Legionella (fotografía do CDC, de 1978). A bacteria responsable é un xerme ambiental, presente habitualmente nas augas superficiais dos ríos, lagos e acumulacións artificiais de auga (como estanques). Sobrevive nun rango de temperaturas comprendido entre os 20 e os 45 °C, aínda que a temperatura óptima de multiplicación e crecemento é de 35-37 °C. Inactívase a partir de temperaturas da orde dos 70 °C. A temperaturas inferiores a 20 °C mantense en estado latente.

Desde o hábitat natural, a bacteria pode contaminar as redes de distribución de auga potable urbana e chegar así ata os equipos de auga quente sanitaria (e mais outros nos que se produza acumulación de auga). Nestas instalacións é común a existencia de zonas nas que se quede auga estancada, así como a presenza e depósito de diferentes substancias que favorecen a multiplicación da bacteria, como protozoos, algas e outras bacterias, xunto a lodos e outros restos orgánicos, todo o cal, co paso do tempo, forma unha biocapa ou biofilm que actúa como medio de cultivo da lexionela, que forman microcolonias dentro desas biocapas. Estas, a maiores de proporcionar alimento, protexen a bacteria da acción de posibles desinfectantes. Se a temperatura da auga é adecuada, a multiplicación da lexionela pode alcanzar altas concentracións e estenderse ata outros puntos do sistema de distribución de auga nos que se produzan aerosois (duchas, aspersores, vaporización etc.) que dispersan a bacteria no aire que respiran as persoas que habiten nesas instalacións, producíndose así a infección por vía respiratoria.

A bacteria pode crecer intracelularmente, no interior de protozoos ou de macrófagos humanos. Así, a presenza de protozoos na auga, especialmente amebas, sexa en condicións naturais ou nas instalacións de auga sanitaria, serve non só para facilitar a multiplicación senón tamén para garantir un mecanismo de supervivencia en condicións ambientais desfavorables.

Por todas estas razóns, as medidas de prevención e control da enfermidade deben dirixirse a evitar a contaminación por lexionelas da rede de distribución de auga potable, a evitar a súa multiplicación nas instalacións de auga e a evitar que se produzan aerosois.

Transmisión miniatura|250px|As duchas, spas, jakuzzis, piscinas climatizadas, bañeiras e sistemas de hidromasaxe son algunhas das instalacións de risco na transmisión da lexionelose. A infección humana prodúcese por vía respiratoria, por inhalación de aerosois que vehiculen un número suficiente de bacterias (esixe, xa que logo, a presenza de especies e serogrupos patóxenos nun número relativamente alto) e por microaspiración de auga contaminada. Non se transmite por beber auga contaminada nin por consumir alimentos preparados ou lavados con auga contaminada. Non hai constancia da transmisión de persoa a persoa nin se coñecen reservorios animais.

O contaxio pode producirse na casa, lugares de traballo, hospitais ou edificios públicos, é dicir, calquera edificio que dispoña dun sistema de condución ou almacenamento de auga que estea contaminada e no que se poidan producir aerosois. A probabilidade de contaxio será maior se a auga está a temperaturas de 20 a 45 °C e se a rede de distribución permite zonas nas que se acumule materia orgánica. No contorno hospitalario, a infección pode producirse por instilación directa da bacteria no tecido pulmonar durante as exploracións e outras manipulacións no aparato respiratorio.

O risco de infección aumenta en proporción inversa ó tamaño das pingas de auga en suspensión, tanto polo feito de que canto máis pequenas sexan, máis tempo de manteñen en suspensión no aire, como polo feito de que só as pingas de menos de 5 micrómetros penetran nos pulmóns.

En boa parte dos abrochos non se pode identifica-la orixe da infección (no 42,2% dos casos en España, no período 1989-2005), pero cando si se pode estabelecer a fonte da infección está adoita estar na auga quente sanitaria, no 24,7% dos abrochos, ou nas torres de arrefriamento, no 19,1%. Se o que se ten en conta é o número de enfermos, ó redor do 60% está relacionado coa contaminación de torres de refrixeración.

Sintomatoloxía A maior parte dos casos de lexionelose son illados, esporádicos, pero cobra maior relevancia cando constitúe abrochos con varios casos relacionados entre si no mesmo espazo e tempo, nos chamados casos comunitarios A efectos de control oficial, considérase abrocho cando se dan 2 casos ou máis da enfermidade relacionados epidemioloxicamente..

Especial gravidade ten cando o factor común é a estancia nun hospital, é dicir, cando afecta persoas hospitalizadas; son os casos hospitalarios ou nosocomiais, nos que a enfermidade se transmite e adquire dentro do hospital.

A lexionelose cursa con dous cadros clínicos distintos: Enfermidade do lexionario: presenta un cadro respiratorio agudo que varía desde unha pneumonía atípica a unha forma clásica, con signos focais de pneumonía, febre, cefalea e mialxias (dores musculares); tamén tose, que pode ser seca ou produtiva, dor de cabeza, calafríos, cansazo e inapetencia. Un 30% dos enfermos poden presentar diarrea e vómitos e a metade destes pode sufrir confusión mental e delirio. É frecuente que tamén resulten afectados o ril, fígado, intestino ou sistema nervioso. O cadro clínico pode durar ata varias semanas e evolucionar cara a unha pneumonía grave que pode resultar mortal. Febre de Pontiac: cun cadro máis leve e indefinido, na forma dunha síndrome febril aguda que semella un proceso gripal leve. Os enfermos poden presentar febre, tose, dores musculares pero non teñen pneumonía. Adoitan recuperarse en 2 a 5 días sen necesidade de tratamento.

O período de incubación (tempo transcorrido entre a exposición á bacteria e a expresión dos primeiros síntomas) é de 2-10 días no caso da enfermidade do lexionario, máis frecuentemente entre o 3º e o 6º día; e entre unhas poucas horas a 3-5 días no caso da febre de Pontiac, cunha media de 24-48 horas.

A lexionelose é unha enfermidade oportunista, que só excepcionalmente afecta persoas sas Aínda que nestas pode desenvolver infeccións asintomaticas.. Para que a infección asente cómpre que as defensas estean diminuídas, o que implica certos factores de risco, entre os que se distinguen factores de risco xerais: persoas maiores de 65 anos (é infrecuente que a padezan persoas menores de 20 anos), ser fumador habitual ou sufrir alcoholismo, padecer pneumopatías crónicas (especialmente unha enfermidade pulmonar obstrutiva crónica, EPOC) ou insuficiencia cardíaca; e factores de maior risco: enfermidades (sida) ou tratamentos inmunodepresivos (terapias contra o rexeitamento tralo transplante de órganos), quimioterapia, diabetes etc.

Ataca maioritariamente homes, nunha proporción de 2,5 a 1 respecto das mulleres.

Na poboación xeral, a enfermidade afecta entre o 0,1 e o 5% das persoas expostas, cunhas taxas de mortalidade do 3-5%, pero esta pode alcanzar o 15-20% se non se establece un diagnóstico e tratamento precoces. Cando se trata dunha infección nosocomial adquire maior gravidade pola mingua nas defensas dos enfermos, cunhas taxas de ataque do 0,5-14% e unha mortalidade de ata o 40%, que pode chegar ó 80% en pacientes inmunodeprimidos. En todo caso, as taxas de mortalidade son cada ano máis reducidas grazas a que os novos métodos de diagnóstico son máis eficaces e precoces e iso permite instaurar rapidamente o tratamento. Na febre de Pontiac, a taxa de ataque pode ser superior ó 95% pero a mortalidade é nula.

Diagnóstico O diagnóstico da lexionelose non pode basearse na sintomatoloxía xa que non é patognomónica. Debe recorrer a probas de laboratorio que confirmen a presenza da bacteria ou niveis significativos de anticorpos en sangue.

O cultivo da bacteria pode facerse sobre medios de cultivo adecuados e a partir de esputos, tecido pulmonar ou material extraído por broncoscopia. Esta técnica ten unha sensibilidade do 70% e unha especificidade do 100%, pero presenta a desvantaxe de tardar entre 3 e 10 días en dar resultados.

Tamén pode utilizarse a microscopía por inmunofluorescencia, aínda que esta técnica ten o problema dos falsos positivos, ademais de que un resultado negativo non pode excluír a enfermidade.

As técnicas serolóxicas de diagnóstico consisten na determinación de anticorpos no soro sanguíneo, mediante inmunofluorescencia indirecta, ou na determinación do antíxeno específico L. pneumophila serogrupo 1 en urina. Esta última é actualmente a técnica de diagnóstico de preferencia, con resultados fiables ós 15 minutos e unha especificidade do 100%. Aínda que estea deseñado para detectar L. pneumophila sg. 1, tamén detecta, con menor sensibilidade, outras especies e serotipos de lexionela.

Tratamento O tratamento de elección é a base de eritromicina e levofloxacino, antibióticos moi eficaces e sen que polo de agora se describisen resistencias. En casos máis graves poden asociarse á rifampicina. Ultimamente utilízanse antibióticos macrólidos (claritromicina e azitromicina), así como quinolonas, máis eficaces que a eritromicina. A febre de Pontiac non require un tratamento específico e abonda cun tratamento sintomático.

Unha vez curada a enfermidade, non quedan secuelas.

Distribución xeográfica Trátase dunha enfermidade distribuída por todo o mundo, se ben é máis frecuente nos países desenvolvidos porque nestes están máis estendidas as instalacións de tratamento de augas que facilitan a presenza e crecemento da lexionela. Por este motivo cualifícase de enfermidade da era tecnolóxica.

Os casos de lexionelose danse en calquera época do ano, cunha maior concentración nos últimos meses do verán e primeiros do outono. Os casos hospitalarios danse ó longo de todo o ano dun xeito regular.