A Orquestra Sinfónica de Melide é unha orquestra sinfónica da localidade de Melide (A Coruña). Foi creada a finais de 1993 e o seu director dende a súa fundación é o melidán Fernando V. Arias.
Historia A Orquestra Sinfónica de Melide naceu a finais de 1993 no seo do Conservatorio de Música de Melide. Integrada inicialmente por alumnos do conservatorio, co paso do tempo acadou un maior gran de profesionalismo que lle permite afrontar proxectos artísticos e musicais dunha complexidade cada vez maior.
A consolidación da orquestra levouna a converterse nunha referencia no panorama musical galego, chegando a ser considerada pola crítica como a terceira grande orquestra de Galiza. A súa actividade se centra en ofrecer concertos periódicos en Melide e xiras por algunhas das principais cidades galegas, así como atender á formación didáctico-musical da xuventude da comarca. Fiel á súa filosofía de apostar polos valores musicais nacionais, estrea numerosas obras de compositores galegos e convida a solistas de contrastado renome, especialmente nos xa tradicionais Concertos de Nadal, tendo retransmitido a RG en directo para toda Galiza o do ano 2001.
En 1997 participou nos concertos programados para Galicia Terra Única, organizado pola Consellería de Cultura e Comunicación Social da Xunta de Galicia, con diversas actuacións por toda a xeografía galega, salientando a realizada no Hostal dos Reis Católicos en Santiago de Compostela. Ese mesmo ano estrea o primeiro concerto para guitarra e orquestra escrito polo compositor galego Enrique Rodríguez e interpretado polo guitarrista Eulogio Albalat.
Un ano despois, en 1998, realizou unha xira en colaboración coa Universidade da Coruña e cos conservatorios da Coruña, Lugo e Pontevedra acompañando a solistas destacados de Galiza e a profesores destes conservatorios, cun grande éxito de crítica especializada e de público. En xullo dese mesmo ano estreou o espectáculo Antoloxía da Zarzuela con motivo da creación da Orde de Cabaleiros e Damas do Camiño de Santiago.
En 1999 estreou no Hostal dos Reis Católicos a Cantata Melidá composta polo seu director, Fernando V. Arias, para solistas, coro e orquestra sinfónico, que foi obxecto dun monográfico no programa de RNE Clásicos Populares. Ese mesmo ano a orquestra realizou unha gala lírica co gallo do Xacobeo 99 que foi grabada integramente pola TVG. No 2000 colaborou con distintos concertos dentro do programa Milenio Festival en Santiago de Compostela, destacando o realizado na Praza do Obradoiro, e no 2001 levou a cabo unha xira por Galiza co espectáculo A Música do Cine.
En 2003 a orquestra debutou no Auditorio Nacional de Madrid, repetindo o ano seguinte, cando estreou Platerías de Santos Bartolomé e Terra de Melide, obra do director da formación, Fernando Arias. Ambas obras eran adaptacións para formación sinfónica.
Nos últimos tempos, a complicada situación económica do Concello de Melide levou á daquela alcaldesa María Socorro Cea Vázquez a retirar as axudas do concello á orquestra, o que provocou unha reestruturación da orquestra. A mediados do ano 2011 realizou a súa última xira ata o momento co espectáculo Gala Americana.
En 2013 Melide inaugurou o seu auditorio municipal cun concerto no que participaron a Coral Polifónica de Melide, o grupo de gaitas Froito Novo, así como a propia Orquestra Sinfónica de Melide.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Sitio web oficial
Melide Categoría:Melide