A guerra do Peloponeso designa o conflito que durou de 431 a 404 a. C., enfrontando a Atenas, que transformara a Liga de Delos (destinada na súa orixe a resistir ao Imperio Aqueménida) nun imperio sometido ao seu poder, e a Esparta, potencia oligárquica e conservadora, cuxo exército terrestre era a forza militar máis poderosa da época, e que dirixía a Liga do Peloponeso, así como a Beocia.

Causas da guerra

Segundo Tucídides

Segundo o historiador ateniense Tucídides, unha das causas da guerra foi a ascensión e o poderío crecente de Atenas que causaba aos espartiatas temores sobre a súa propia posición. Podemos engadir a isto a oposición de sistema entre a oligárquica Esparta, onde un reducido número de cidadáns vivían no temor da revolta dos seus escravos, e que aparece como pouco florecente, e a demócrata Atenas, que vivía do comercio. Esparta posuía a potencia terrestre, Atenas dirixía unha talasocracia grazas á Liga de Delos. Para atoparmos as causas do desencadeamento da guerra cómpre botar man ademais do xogo das alianzas.

O conflito con Corinto miniatura|250px|esquerda|A guerra do Peloponeso

O detonante da guerra foi a rivalidade comercial entre dúas potencias marítimas: Atenas e Corinto. Esta cidade era a principal aliada de Esparta e arrastrou aos demais a unha guerra que ninguén quería. Todo comezou por unha das fútiles e endémicas loitas internas que envelenaron a historia da Grecia antiga. Os acontecementos que precipitaron esta guerra comezaron en 433 a. C., cando estalou unha querela entre Epidamno e Corcira. Aínda que Corcira fora fundada por Corinto, esta tomou partido por Epidamno. Na cidade de Epidamno, colonia fundada por Corinto e Corcira ao mesmo tempo, loitaban pola hexemonía política dous partidos que solicitaron axuda ás súas respectivas metrópoles. Corinto, desexando ampliar a súa influencia, enviou unha forza de apoio ao partido demócrata, e Corcira respondeu asediando a cidade. Esta iniciativa serviulle de escusa a Corinto para lanzar unha operación naval, que se estrelou contra a superioridade numérica de Corcira, que venceu e forzou a rendición de Epidamno. Para se desquitar da derrota, Corinto preparou unha guerra naval a grande escala, e Corcira solicitou o apoio dos atenienses.

Atenas viuse nun dilema: se apoiaba a Corcira, conseguía un grande aliado e un aumento da súa influencia, ao se atraer unha potencia marítima como Corcira, que ademais dominaba as rotas marítimas cara a Magna Grecia do sur de Italia. Pero tiña o inconveniente de se enfrontar a Corinto e rachar co espírito da paz dos Trinta Anos. Decidiuse por unha solución intermedia, que consistiu en enviar unha frota de disuasión e observación, pero non disposta a combater. O enfrontamento produciuse no estreito entre Corcira e o continente, pero a presenza da frota ateniense non lle permitiu á frota corintia unha vitoria que xa tiña nas mans.

Corinto non renunciou ao desquite e decidiu fustrigar os atenienses moi lonxe, na península da Calcídica, alentando a sublevación e a separación da Confederación. O levantamento de Potidea foi o primeiro que se produciu en toda a península, que estalou en contra de Atenas. A reacción de Pericles foi o envío dunha expedición de castigo que venceu aos potideos e os seus aliados os corintios. De novo, este fracaso levou a Corinto a concibir o propósito de arrastrar consigo a toda a Liga do Peloponeso en contra de Atenas.

O rei Arquídamo de Esparta non estaba por entrar na guerra, pero a Asemblea considerou que Atenas incumprira a Paz dos Trinta Anos e, tras a consulta co oráculo de Delfos, dispúxose a entrar en guerra, non sen antes tentar de negociar con Atenas. Pericles negouse a aceptar as condicións, que na práctica supuñan o desmantelamento da Confederación, e todo o mundo grego preparouse para guerra, aliñándose nun ou outro bando.

A Liga do Peloponeso sumaba 40.000 hoplitas, en tanto a Confederación apenas chegaba aos 10.000. Pero en cambio, tiña moitos máis recursos financeiros, unha grande frota e estaba moi ben defendida. Ademais, Pericles non se propoñía enfrontarse co exército, senón efectuar desembarcos rápidos en puntos concretos para ir desgastando o inimigo.

Atenas xa adquirira unha importante base naval occidental ao se apropiar en -456 de Naupacto, na entrada oeste do golfo de Corinto. Corinto, membro da Liga do Peloponeso, fixo presión sobre a súa antiga colonia de Potidea para que abandonase a Liga de Delos. Potidea, situada sobre o estreitamento da punta occidental da Calcídica, na costa tracia, abandonou a Liga de Delos en -432, tras un acordo secreto con Esparta. Este acordo estipulaba que en caso de conflito entre Potidea e Atenas, Esparta había invadir a Ática.

Os atenienses enviaron unha forza para asediala, mentres que Corinto enviaba auxilio.

Outras fontes de litixio

Atenas procurouse outra inimiga, Mégara, ao lle prohibir exportar cara á Ática. Esta reprochoulles que acollesen os escravos fuxitivos (Mégara é veciña de Atenas, no istmo de Corinto) e axudasen ao seu adversario Corinto. Esta cidade, como Corinto, apelaron a Esparta, que mobilizou a Liga do Peloponeso e declarou a guerra aos atenienses. Durante o verán de -431, invadiron a Ática.

A guerra de Arquídamo

Os dez primeiros anos de guerra (coñecidos co nome de «guerra de Arquídamo» ou «guerra arquidámica», do nome de Arquídamo II, rei espartiata (morto en -426) que dirixiu a incursión na Ática) non comportaron acontecemento decisivo ningún. As forzas dos dous campos equilibrábanse, ao non ter Atenas rival por mar, e ao posuír Esparta os mellores hoplitas. Os aliados das dúas cidades achegaban forzas de apoio.

Desde antes do seu comezo, a guerra parecía que ía durar, xa que ningún dos dous campos podía razoabelmente esperar obter unha vitoria decisiva. As estratexias dirixíronse dunha parte aos aprovisionamentos de trigo (indispensábeis nunha guerra longa) e, por outra, ao debilitamento progresivo do adversario polas marxes, é dicir, os aliados máis débiles, sexa mediante a obtención da súa defección dunha maneira ou doutra, sexa por asedio. A regularidade dos aprovisionamentos de trigo era crucial sobre todo para Atenas, pois Esparta non tiña que temer a fame mentres os hilotas non se rebelasen. Con todo, Esparta podía ter medo polos seus aliados. Os aprovisionamentos de trigo de Atenas viñan sobre todo de Eubea, probabelmente completados por compras en Exipto, e ao principio da guerra por algúns cargamentos vidos da Propóntide (Crimea). Esparta dispoñía de aliados en Sicilia, rica produtora. Para vencer, cada bando debía manter os seus aprovisionamentos á vez que cortaba os do adversario.

Os tebanos tentaron apoderarse de Platea, pero a operación resultou un desastre e os atacantes foron aniquilados. Esparta considerouse obrigada a responder e mandou un exército cara a Ática. Pericles non se limitou a organizar a defensa, senón que enviou unha frota que conquistou a illa de Cefalonia. Logo, devastou Mégara e o seu territorio circundante. Antes, xa ocupara Exina, que colonizou con xentes da Ática. Pero declarouse unha epidemia de peste en Atenas e unha facción tratou de chegar a un acordo cos espartanos e logrou poñer a maioría dos cidadáns en contra de Pericles, co que este viuse na obriga de dimitir como estratego. Pero os seus partidarios contraatacaron, e lograron unha nova reelección, aínda que pouco despois Pericles falecía.

Unha guerra de asaltos

Os espartiatas que invadiron e arrasaron a Ática en -431 atoparon un país deserto. Como os efectivos de hoplitas atenienses eran moi inferiores aos de Esparta, Pericles, estratego por décimo terceira vez, fixo que os atenienses se gorecesen tras os Muros Longos. A cidade abastecíase por mar. Tras un mes de ataque, os espartiatas volveron ás súas casas; os atenienses asaltaban, grazas á súa frota, as costas do Peloponeso. Esparta arrasou a Ática cinco veces nos sete primeiros anos da guerra. Atenas invadiu a veciña Megáride dúas veces ao ano.

Non obstante, Atenas chegou a ocupar Exina en -430. Platea, aliada de Atenas é atacada por Tebas en abril de -431, sucumbe.

En xuño de -430, unha devastadora epidemia de peste (probabelmente de tifo) declarouse en Atenas e a cidade perdeu máis da cuarta parte da súa poboación. Pericles, elixido estratego por décimo cuarta vez, fixo ofrecer proposicións de paz a Esparta, que foron rexeitadas. Foi deposto e condenado a unha multa en setembro, tras a campaña de verán contra Epidauro, Trezén e Prasias.

En -430, Potidea foi forzada a capitular ante Atenas. Pericles, elixido estratego por décimo quinta vez, morreu da epidemia en -429. A desaparición de quen rexera os destinos de Atenas durante moitos anos traduciuse nunha perda total do rumbo, xa que de inmediato xurdiron dúas faccións opostas e as figuras sobresaíntes foron Cleón, ao que as crónicas presentan como demagogo e oportunista. Xefe dos demócratas e partidario de continuar a guerra é Nicias, hábil xeneral, conservador e partidario da paz.

En -429, Formión conseguiu unha semi-vitoria naval fronte a Naupacto. En -428, o seu sucesor, que portaba o mesmo nome, acada tamén unha vitoria en batalla naval en Naupacto.

Os atenienses lograron tomar Potidea. Os espartanos desistiron de atacar a Ática pero devastaron a Platea. Atenas levou unha frota para bloquear o golfo de Corintio, o que levou a cabo no seu punto mais estreito, onde derrotou a unha frota peloponesa. No 428 a. C. a illa de Lesbos trocou de bando, o que levou a Atenas a crear un novo imposto para financiar a guerra. A defección de Mitilene na illa de Lesbos, que quería abandonar a Liga de Delos, provocou unha expedición punitiva por parte de Atenas. Mitilene rendeuse -427, antes da chegada dunha frota de auxilio espartiata. Lesbos foi ocupada dun xeito encarnizado, derrubáronse as murallas de Mitilene e establecéronse colonos áticos na illa.

Despois disto, considerouse que Atenas mantivera unha política defensiva e que era preciso tomar a iniciativa. Nun principio, esta política deu os seus froitos, máis resoantes que efectivos, pero induciron aos contendentes a tentar buscar unha saída a un conflito esgotador. Mentres tanto, Nicias tomara Corcira e a illa de Citerea, e deste xeito o Peloponeso viuse arrodeado por prazas nas que a Confederación estaba ben asentada

En -426 Demóstenes inflixiu dúas derrotas aos peloponesios en Anfiloquia e en Olpe.

Cleón e Brásidas

O principal éxito de Atenas foi a toma de Pilos na costa occidental da Mesenia en -425 asía como o masacre ou a captura de 420 hoplitas, entre os que había cento vinte espartiatas, en Esfacteria, acontecemento que provocou grande estupor en toda Grecia e destruíu a reputación de invencibilidade dos espartiatas. Entre estes hoplitas, atopábanse numerosos Iguais. Con todo, malia o éxito, a situación financeira de Atenas degradábase, e o tesouro de Delos estaba esgotado. O tributo dos aliados foi elevado brutalmente a 1300 talentos ao ano (no canto de 450) polo decreto de Todipo, pero as defeccións reduciron o seu produto a arredor de 1000 talentos. Unha expedición exitosa a Eubea permite unha distribución de trigo aos cidadáns en -424.