Manuel Rodríguez Alfonso, nado en Cangas de Morrazo o 22 de decembro de 1948, é un ex xogador e ex adestrador galego de fútbol. Xogaba de defensa central e desenvolveu a totalidade da súa carreira deportiva no Celta de Vigo, onde era coñecido como Manolo "o gran capitán". Durante máis de 40 anos foi o xogador con máis partidos oficiais na historia do club (533), ata que foi superado en 2025 por Iago Aspas.

Traxectoria De novo xogou nos equipos infantís do Barreras e o Callao. Aos 15 anos pasou ás categorías xuvenís do Celta de Vigo, debutando co primeiro equipo como titular aos 18 anos contra o Rayo Vallecano en Segunda División. Formou parte das categorías inferiores da selección española de fútbol, coa que participou no Campionato de Europa sub-23 disputado en Iugoslavia en 1969, acadando o subcampionato.

Na tempada 1973/74 estaba nun gran momento de forma, chegando o Real Madrid a ofrecer 20 millóns de pesetas pola súa fichaxe. Pero o 27 de xaneiro de 1974 o xogador galego sufriu unha dura patada de Johan Cruyff que lle provocou unha forte lesión no xeonllo, impedíndolle así fichar polo equipo madrileño e ser seleccionado polo combinado estatal.

Estivo 17 campañas no primeiro equipo, xogando 463 partidos de liga e metendo 17 goles. O 6 de maio de 1982 recibiu unha homenaxe no Estadio de Balaídos, cun encontro entre o Celta e a Selección de fútbol de Polonia, que preparaba a súa asistencia ao Mundial de Fútbol de 1982. Despois de retirarse como xogador, foi secretario técnico do equipo. Deixou o posto ao remate da tempada 1989/90 por discrepancias co presidente José Luis Rivadulla.

Encontros e goles por campaña Segunda división española 1966/67: 13/0 Segunda división española 1967/68: 24/0 Segunda división española 1968/69: 37/1 Primeira división española 1969/70: 27/0 Primeira división española 1970/71: 30/1 Primeira división española 1971/72: 34/0 Primeira división española 1972/73: 32/0 Primeira división española 1973/74: 21/0 Primeira división española 1974/75: 20/0 Segunda división española 1975/76: 35/0 Primeira división española 1976/77: 33/1 Segunda división española 1977/78: 32/3 Primeira división española 1978/79: 29/2 Segunda división española 1979/80: 37/4 Segunda división B española 1980/81: 30/3 Segunda división española 1981/82: 29/2

Véxase tamén Ligazóns externas Ficha en Celta Wikia. Ficha en Yo jugué en el Celta.

Categoría:Nados en Cangas de Morrazo Categoría:Nados en 1948 Categoría:Xogadores do Celta de Vigo Categoría:Defensas de fútbol Categoría:Adestradores de fútbol de Galicia Categoría:Adestradores do Celta de Vigo