José Lamela Bautista, nado en Padrendo (Río Caldo, Lobios) o 1 de novembro de 1947 e finado en Ourense o 4 de xaneiro do 2021, foi un historiador, escritor e político galego do PSdeG-PSOE.

Traxectoria Realizou estudos de Enxeñería Técnica Industrial. Emigrou a Barcelona en 1973, onde traballou no sector de hidrocarburos e foi Director de Obra na Empresa OHL.

Dirixiu e presentou dende o ano 2000 o programa radiofónico cultural Sempre en Galicia de Radio Cornellá. Dende 2004 é membro do Xurado dos premios literarios Rosalía de Castro de poesía e Rosa Reboredo de narrativa de Cornellà de Llobregat. Foi fundador da asociación protectora de medio ambiente Amigos de Río Caldo, e da Plataforma pola defensa de Río Caldo.

Publicou numerosos traballos de investigación histórica sobre a Xurés en revistas como Auria, Arraianos, Nós, Xurdimento e Lúa Nova, da que tamén forma parte do consello de redacción. É colaborador permanente de La Región e do xornal de Terras de Bouro Geresâo.

Foi socio fundador de CALIDUM-Clube de Autores Minhoto/Galaicos.

Nas eleccións municipais de 2007 presentouse á alcaldía de Lobios encabezando a candidatura do PSdeG-PSOE e foi elixido alcalde grazas a un pacto co BNG. Nas municipais de 2011 perdeu a alcaldía tras logra-lo PPdeG a maioría absoluta.

O 14 de agosto do 2023 celébrase unha homenaxe para honrala memoria do autor de El Xurés y sus misterios e A Virxe do Xurés, en Padrendo, na aldea onde naceu e onde repousan os seus restos, coa descuberta dunha placa na súa casa natal, obra de Toño Monteiro, e cun acto para recordar a súa vida e obra ó pé da capela da Virxe do Xurés, onde se estreou o himno á Virxe do Xurés, e que lle foi encargado polo autor arraiano a Carmen Penín, quen lle pon a voz e a música.

Foi irmán do poeta e escritor Manuel Lamela Bautista.

Obras El Xurés y sus misterios (CALIDUM - Clube de Autores Minhoto/Galaicos, 2000). A Virxe do Xurés. (Asociación Amigos da Virxe do Xurés, 2016).

Premios e recoñecementos No ano 2015 foi recoñecido como Xuíz Honorario do Couto Mixto. O colectivo Arraianos noméao Arraiano Universal en agosto de 2021.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Eleccións municipais en Lobios

Ligazóns externas Ficha en galegos.info

Categoría:Escritores de Galicia Categoría:Alcaldes de Lobios Categoría:Alcaldes de Galicia polo PSdeG-PSOE Categoría:Alcaldes de Galicia durante a democracia Categoría:Nados en Lobios Categoría:Nados en 1947 Categoría:Finados en 2021